Guernica palestino

Estatua de entullos en Ienín CC-BY-SA diariodepalestina

En Ienín, o Teatro da Liberdade, a pesar das dificultades, continúa a traballar coa esperanza de crear mentes libres e pensantes. No seu último proxecto, Nota suicida dende Palestina, repasa a historia do pobo palestino. Crónica do blog Diario de Palestina.

Hai once abrís, Ienín quedaba sepultada baixo escombros. Con eses entullos construíuse unha das estatuas máis famosas de Palestina: un cabalo feito cos restos de coches esnaquizados, amais de cimentárense novas casas e o Teatro da Liberdade, un proxecto que naceu da man de Arna Mer Khamis e que continuou o seu fillo Juliano. Pero hai dous abrís, asasinaban a Juliano ás portas do teatro, marcando así unha nova data no calendario de abrís palestinos que, como a súa historia, ten o ano 1948 como punto de inflexión.

En 1948, Deir Iassin era unha aldea moderna e tranquila ás portas de Xerusalén. Os seus 750 habitantes vivían maiormente da canteira de pedra do lugar e mantiñan boas relacións cos veciños xudeus. Con todo, a súa posición estratéxica, a 800 metros sobre o nivel do mar, nun punto que servía de observatorio á entrada principal de Xerusalén, serviu de acicate para os ataques sionistas. Dous grupos paramilitares, Irgun e Stern, decidiron deixar de defenderse das internadas árabes e atacar. Entraron en Deir Iassin coa intención de conseguir unha rápida vitoria que demostrase a capacidade sionista e a súa intención de defender Xerusalén. Pero a falta de preparación e a organizada resistencia provocaron a intervención da Hagana e o masacre da aldea, onde morreron máis de cen persoas.

As forzas sionistas usaron o ataque de Deir Iassin como propaganda para amosar a súa forza, amais de como impulso para novas incursións. Os árabes deron a coñecer os feitos enseguida tentando así animar á súa xente a loitar. O resultado, con todo, só fixo crecer o medo e alentou á poboación palestina a fuxir das súas casas.

Un novo abril, o de 2013, comeza con cifras de mortos e ataques que volven dar que falar e prognostican máis revoltas. A morte de Maisara Abu Hamdieh nun cárcere israelí, e as de Amer Nasser e Naji Balbisi tras as manifestacións pola morte do primeiro, só prenderon máis lume no conflito, intensificado en Hebrón, de onde era orixinario Abu Hamdieh e onde as tensións entre os colonos que habitan no medio da cidade e os locais son constantes.

En Ienín, o Teatro da Liberdade, lonxe de renderse, continúa a traballar coa esperanza de crear mentes libres e pensantes

As manifestacións multiplícanse e diversifícanse. Samer Isawi, detido despois de ser liberado por us breve espazo de tempo, leva en folga de fame dende o 29 de xullo de 2012. E en Ienín, o Teatro da Liberdade, lonxe de renderse, continúa a traballar coa esperanza de crear mentes libres e pensantes. No seu último proxecto, Nota suicida dende Palestina, repasa a historia do pobo palestino, valéndose de nacións e organizacións internacionais personificadas no soño dunha estudante que sabe que “o home é moi útil. Pode voar e pode matar, pero ten un defecto: pode pensar”.

Imaxe de 'Nota suicida dende Palestina' CC-BY-SA diariodepalestina
Imaxe de 'Nota suicida dende Palestina' CC-BY-SA diariodepalestina
Estatua de entullos en Ienín CC-BY-SA diariodepalestina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.