Guerra no Iemen: As chaves xeopolíticas do conflito

Mapa de Iemen © Google maps

O IGADI vén de publicar un novo Igadi Paper, centrado nesta volta no complexo conflito que se vive en Iemen, con base en vellos enfrontamentos internos, pero cunha dimensión estatéxica máis ampla, que afecta ás relacións xeopolíticas de poder en toda a rexión.

A espiral de violencia que vive Iemen desde mediados de febreiro, potenciada trala ofensiva militar contra as milicias houthís liderada por Arabia Saudita, contando coa cooperación doutros países árabes así como do Consello de Cooperación do Golfo (CCG), suxire un contexto determinado pola potenciación de diversos intereses xeopolíticos nun conflito aparentemente periférico pero con notable capacidade de expansión rexional.

O actual conflito iemenita ilustraría eventualmente unha reconfiguración de novos equilibrios de poder enmarcada nunha etapa de post-Primavera árabe fraguada pola radicalización dos conflitos rexionais (avance do Estado Islámico, deriva dereitista en Israel, atentados en Tunisia), da represión contra os movementos contestatarios (Exipto, “petromonarquías” do Golfo Pérsico) e ante as perspectivas de eventuais aperturas diplomáticas (EUA e Irán). Todo isto sen menoscabar a influencia de factores históricos internos persistentes dentro da dinámica conflitiva iemenita, particularmente derivados das rivalidades sectarias, relixiosas e políticas entre un Norte basicamente controlado polas milicias houthís, de adscrición relixiosa zaidi (unha rama da fe xiíta), e un Sur principalmente sunnita.

O conflito actual dirime igualmente un pulso de intereses xeopolíticos traducidos na pretensión saudita de consolidar o seu liderado dentro do Golfo Pérsico

Con todo, o conflito actual dirime igualmente un pulso de intereses xeopolíticos traducidos na pretensión saudita de consolidar o seu liderado dentro do Golfo Pérsico (principalmente a través do CCG) e eventualmente dentro do mundo árabe, contando co apoio de Washington e doutros aliados (Exipto, Marrocos, Xordania, Paquistán). Esta reconfiguración de alianzas e equilibrios estratéxicos implica igualmente a Irán, cuxa inserción dentro do conflito iemenita estaría preventivamente centrada no apoio ás milicias houthís.

Como colofón, existe a presunción dunha eventual reactivación de células yihadistas nun territorio utilizado pola rede Al Qaeda como base operativa (península arábiga, Corno de África), e persuadido a retomar a súa iniciativa como foco de atracción do yihadismo global, principalmente ante o evidente éxito do avance do Estado Islámico o corazón de Oriente Próximo.

 

Os actores e a polarización de intereses

Abordar as chaves do conflito iemenita implica necesariamente identificar, dun xeito preliminar, os actores en confrontación. Neste sentido, a actual crise iemenita ilustra a confrontación de varios actores internos e externos, principalmente identificados nas milicias houthís e as forzas partidarias do deposto presidente Abd al-Rahman Rabbuh al-Mansur al-Hadi, sen menoscabar outros xa existentes (Al Qaeda na Península Arábiga) e das alianzas exteriores (Arabia Saudita, Irán).

De adscrición relixiosa xiíta a través da rama zaidí, os houthís vense conformando como unha milicia armada que opera no Noroeste iemenita, e cunha orixe que provén do clan familiar al-Houthi, en particular do seu líder Hussein Badr al-Din al-Houthi. Ex parlamentario (1993-1997), Hussein Badr al-Din al-Houthi liderou a partir de 2004 unha rebelión armada dende a provincia de Sa´dah contra o goberno central de Saná, entón presidido por Alí Abdhulá Saleh (posteriormente deposto en febreiro de 2012 por unha rebelión popular inspirada na Primavera árabe), a fin de protexer a autonomía e as tradicións relixiosas e culturais zaidís.

A mediados de marzo, os houthís ocuparon a segunda maior cidade iemenita, Adén, onde foi a refuxiarse o deposto presidente Hadi, quen debeu fuxir en dirección a Arabia Saudita

Tras decretarse un alto ao fogo en febreiro de 2010, os houthís fixeron causa común coas protestas populares contra o réxime de Saleh, permitíndolles ampliar o seu control en Sa´dah e na provincia de Amran. Trala caída de Saleh e o inicio da transición política, os houthís participaron na Conferencia de Diálogo Nacional (marzo 2013-xaneiro 2014) para finalmente rexeitar o plan do presidente Hadi de crear unha federación iemenita de seis rexións.

Tras reactivar o conflito e tomar a capital Saná, os houthís prometeron a disolución do Parlamento, a conformación dunha Asemblea provisional e un Consello presidencial de cinco membro que gobernaría por dous anos. Este plan foi rexeitado polas tribos sunnitas e os líderes do Sur iemenita, intensificando así o conflito. A mediados de marzo, os houthís ocuparon a segunda maior cidade iemenita, Adén, onde foi a refuxiarse o deposto presidente Hadi, quen debeu fuxir en dirección a Arabia Saudita.

Os houthís poderían alcanzar os 100.000 militantes, contando paralelamente cun tácito apoio por parte iraniana, en particular pola súa condición xiíta

Trala morte de Hussein Badr al-Din al-Houthi en setembro de 2004, o movemento pasou a ser liderado polos seus irmáns Abdul-Malik al-Houthi, Yahia Badreddin al-Houthi  e  Abdul-Karim Badreddin AlHouthi. Na actualidade, os houthís poderían alcanzar os 100.000 militantes, contando paralelamente cun tácito apoio por parte iraniana, en particular pola súa condición xiíta.

O outro principal actor do conflito é o presidente Abd al-Rahman Rabbuh al-Mansur al-Hadi, recentemente deposto (febreiro de 2015) ante o avance das milicias houthís e, principalmente, trala toma da capital Saná. Con este panorama, a reactivación deste conflito sepulta practicamente a viabilidade da transición política post-Saleh, e eventualmente implicaría a posibilidade de expansión rexional do mesmo.

Hadi foi o sucesor presidencial do anteriormente deposto Saleh, pero posúe unha prolífica e non menos inquietante traxectoria política e militar: en 1990, durante a guerra civil predecesora da reunificación, Hadi foi xeneral das forzas armadas da República Popular Democrática de Iemen, comunmente coñecida como Iemen do Sur, de orientación progresista. Posteriormente, foi vicepresidente durante a autocracia presidencial de Saleh (1994-2012).

A dependencia de Hadi do apoio saudita e dos seus aliados árabes (cunha base de operacións que se trasladou de Saná a Adén) é aínda mais estratéxico que, por exemplo, dos houthís co respecto a Teherán

No contexto do conflito actual, Hadi posúe o apoio de diversas forzas de seguridade iemenitas, principalmente sunnitas, como o partido Islah, a milicia Comité de Resistencia Popular y de varias tribos locais, principalmente das comunidades sunnitas Shafais, maioritarias no centro, sur e occidente. A nivel exterior, Hadi alberga o apoio saudita (refuxiouse nese país trala súa caída), así como da coalición árabe liderada por Riad no contexto da CCG. Neste sentido, e no cometido de analizar o equilibrio de forzas neste conflito, a dependencia de Hadi do apoio saudita e dos seus aliados árabes (cunha base de operacións que se trasladou de Saná a Adén) é aínda mais estratéxico que, por exemplo, dos houthís co respecto a Teherán.

Trala toma de Adén polos houthís, Hadi instou a Arabia Saudita e os países do CCG a atacar militarmente as posicións dos seus rivais. Neste sentido, Riad estableceu unha rede de alianzas en apoio a Hadi, contando coa participación de EUA, Emiratos Árabes Unidos, Bahrein, Catar, Kuwait, Exipto, Xordania, Sudán, Paquistán, Marrocos e Turquía, establecendo así unha perspectiva de definitiva rexionalización do conflito iemenita.

Un terceiro actor interno sería a rede Al Qaeda na Península Arábiga, principalmente enrolada baixo o nome de Asnar al-Sharia. A súa loita vai dirixida tanto contra os houthís como contra os partidarios do presidente Hadi

Un terceiro actor interno sería a rede Al Qaeda na Península Arábiga, principalmente enrolada baixo o nome de Asnar al-Sharia. A súa loita vai dirixida tanto contra os houthís como contra os partidarios do presidente Hadi, co cal suxire unha guerra paralela igualmente establecida contra os principais apoios exteriores, sendo estes Arabia Saudita e Irán. Do mesmo xeito, Al Qaeda loitara con anterioridade contra o réxime de Saleh, así como ansiaba expandir o seu radio de actuación na deposición dos réximes monárquicos rexionais, en particular Arabia Saudita, Catar e Emiratos Árabes Unidos.

Pero os obxectivos de Al Qaeda parecen ser de maior alcance rexional. A súbita aparición e o éxito causado polo Estado Islámico entre Siria e Iraq como referente dunha nova militancia e capacidade estratéxica para difundir o yihadismo global, deixaba a Al Qaeda moi á marxe deste novo contexto. No caso iemenita, o Estado Islámico reclamou a súa presenza a través de células locais activadas a partir de novembro de 2014, e que provocaron importantes atentados terroristas con decenas de vítimas civís.

Atizar un conflito claramente sectario como Iemen, onde a rede yihadista posúe bases operativas de notable alcance cara a península arábiga e o Corno de África, lle permitiría recobrar protagonismo perdido

Polo tanto, atizar un conflito claramente sectario como Iemen, onde a rede yihadista posúe bases operativas de notable alcance cara a península arábiga e o Corno de África, lle permitiría recobrar protagonismo perdido. Non se debe esquecer o factor simbólico que persiste nas orixes iemenitas do desaparecido Osama ben Laden, particularmente en determinados clans e tribos iemenitas.

 

O re-equilibrio estratéxico da postPrimavera árabe

Con toda a enorme carga sectaria e de implicación exterior, o conflito iemenita explícase igualmente por outros factores crónicos, como a debilidade de gobernabilidade, a fráxil institucionalidade, as deficientes infraestruturas, un elevado desemprego, a carestía de produtos e servizos básicos, corrupción e inseguridade alimentaria no país considerado o mais pobre de Oriente Próximo.

O país posúe unha importancia de notable calado estratéxico para a seguridade rexional. O seu radio de expansión inclúe a península arábiga, o Golfo de Adén, o Golfo Pérsico, o Corno de África, Exipto e Sudán

Paralelamente, o país posúe unha importancia de notable calado estratéxico para a seguridade rexional. O seu radio de expansión inclúe a península arábiga, o Golfo de Adén, o Golfo Pérsico, o Corno de África, Exipto e Sudán, escenarios contextualizados pola presenza de células islamitas yihadistas, da piratería (Somalia, Puntlandia, Somalilandia), e dun elevado tráfico comercial e de armamentos así como de transporte enerxético.

Esta perspectiva persuade aos actores involucrados a concentrar posicións de poder dentro do escenario iemenita. EUA, Europa, diversos países árabes e musulmáns de notable posición xeopolítica e principalmente sunnitas (Exipto, Turquía, Marrocos, Paquistán) así como Israel, apostan pola preponderancia saudita no conflito iemenita, traducida na ofensiva aérea a través da coalición internacional e o CCG contra posicións houthís e a concentración de tropas na fronteira.

O obxectivo occidental e saudita é evitar a toma por parte das milicias houthís (e por conseguinte do radio de actuación iraniana) do estratéxico punto de Bab al-Mandeb, enclavado no Golfo de Adén e próximo coas illas Socotras

Neste sentido, o obxectivo occidental e saudita é evitar a toma por parte das milicias houthís (e por conseguinte do radio de actuación iraniana) do estratéxico punto de Bab al-Mandeb, enclavado no Golfo de Adén e próximo coas illas Socotras. Este punto é un paso estratéxico para o comercio marítimo e enerxético mundial, debido a que une o Golfo Pérsico e o Océano Índico cos Mares Vermello e Mediterráneo, implicando unha importancia similar á da Canle de Suez. Paralelamente, o conflito iemenita permite abrir unha nova fronte de confrontación contra Teherán, principalmente nun momento estratéxico como o actual, tomando en conta os avances nas negociacións nucleares entre Irán e o G5+1 que se levaron a cabo esa semana en Lausana (Suíza).

En consecuencia, Irán tenta equilibrar a correlación de forzas e a presión do “eixe sunnita” capitaneado por Arabia Saudita e EUA, a fin de evitar unha derrota severa dos seus aliados houthís ante a eventual preponderancia saudita que implique un desequilibrio rexional, principalmente no Golfo Pérsico. Esta perspectiva está indirectamente presente nas negociacións nucleares co G5+1 e ante a eventualidade dunha apertura diplomática con Washington.

Irán tenta equilibrar a correlación de forzas, a fin de evitar unha derrota severa dos seus aliados houthís ante a eventual preponderancia saudita que implique un desequilibrio rexional, principalmente no Golfo Pérsico

Finalmente, o yihadismo global tamén xoga as súas cartas, especialmente polo pulso aparentemente establecido entre Al Qaeda e o Estado Islámico por controlar posicións nun entorno estratéxico como o iemenita e a súa periferia. Para Al Qaeda na península arábiga, o control de Iemen presúmese estratéxico, especialmente ante o recente avance das milicias do Estado Islámico cara Damasco, co control dun campo de refuxiados palestinos e polas recentes simpatías e alianzas adquiridas, como é o caso do grupo islamita Boko Haram ao norte de Nixeria. Paralelamente, o conflito iemenita pode repercutir nunha nova estratexia de espallamento das actuacións rexionais de Al Qaeda, entre o que se pode explicar o recente atentado do grupo islamita somalí Al Shabab na universidade de Quenia.

Detrás do conflito iemenita existiría unha estratexia xeopolítica orientada á reconfiguración do sistema de alianzas e do equilibrio rexional post-Primavera árabe

Pero a ofensiva militar saudita e dos seus aliados árabes e musulmáns, así como os intereses de Washington e doutros aliados (Israel) suxire que detrás do conflito iemenita existiría unha estratexia xeopolítica orientada á reconfiguración do sistema de alianzas e do equilibrio rexional post-Primavera árabe, así como na eventual conformación de estratexias conxuntas de actuación para repeler calquera alteración do novo status quo en construción.

Estas variables pareceran establecerse con anterioridade, especificamente tralo golpe militar exipcio (2013), a represión contra calquera movemento de reivindicación de cambios políticos no mundo árabe e islámico, e a reactivación de conflitos aparentemente periféricos como o iemenita, pero que calculan posibles alcances a nivel xeopolítico rexional.

Mapa de Iemen © Google maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.