"Hai moita xente que quere quedar en Idomeni ata a derradeira esperanza"

O desaloxo do campamento comezou a primeira hora desta mañá © María Vence

A policía grega comezou esta mañá a desaloxar o campamento improvisado de Idomeni, na fronteira con Macedonia, no que habitaban ao redor de dez mil refuxiados e refuxiadas. Hai uns días 2.400 destas persoas xa empezaran a ser trasladadas a outros campos e instalacións situadas no norte de Grecia, campamentos militarizados -con mellores medios- onde serán enviadas a maior parte dos e das ata hoxe residentes en Idomeni. Durante a noite as autoridades gregas cortaran xa os accesos ao campamento e pedíronlles aos e ás voluntarias e aos e ás xornalistas alí presentes que abandonasen o lugar.

A galega María Vence atópase na zona de Idomeni dende hai 15 días, como voluntaria independente, realizando distintos labores de axuda ás persoas refuxiadas, dende distribución de comida e leña ata a localización de casos especialmente vulnerables para tentar axilizar unha solución para eles e elas, pasando por impartir clases de inglés. Ao igual que o resto das persoas que alí traballan con ONGs, María Vence viuse obrigada a abandonar o campamento esta madrugada ("á unha e media da mañá, cando xa estabamos nos sacos de durmir, apareceron uns policías de paisano, e dixéronnos que tiñamos que saír do campamento, que tiñamos que marchar de inmediato"), aínda que dende entón continúa en contacto con algunhas persoas que permanecen no seu interior.

Conseguira entrar no campo hai dous días, non sen dificultade, pois a policía grega estaba xa restrinxindo o acceso das persoas que traballan coas ONGs. "Queriamos estar dentro do campamento, porque sabiamos que ían desaloxar nalgún momento. Queríamos estar alí nese momento para axudar as familias, traducirlles, axudarlles a empaquetar, calmar os nenos...", di.

"Quedaron algúns voluntarios e algún xornalista agachados dentro do campamento. Entre eles e as propias familias dos refuxiados coas que temos contacto, son quen nos están contando o minuto a minuto do que pasa. Pola mañá, ata as doce do mediodía, a cousa estaba tranquila. A policía ía tenda por tenda, dicíndolles ás familias que tiñan que abandonar o campamento. Pero a última hora da mañá comezaron a enviarnos imaxes de bulldozers que entraron para botar abaixo as tendas", conta. En principio, non se produciron incidentes, cunha importante presenza policial (ao redor dun milleiro de efectivos), despois de que hai uns días as autoridades gregas cargasen con gases lacrimóxenos contra un grupo de refuxiados que buscaba botar abaixo a valla que impide o acceso a Macedonia.

Vence explica que "maioritariamente a xente está abandonando o campo. Pero hai moitas persoas que queren quedar en Idomeni, de forma pacífica, until the last hope, como din eles, ata a derradeira esperanza. Sobre todo non queren deixar o campo os magrebís, sobre todo alxerinos e marroquís, e os paquistanís, porque non teñen dereito a pedir asilo na UE. Polo tanto, a esta xente van deportala directamente".

"A resistencia da xente a abandonar Idomeni está máis que xustificada. Hai quen ve moi claro que o paso lóxico é que estas persoas abandonen o asentamento da fronteira e vaian a espazos habilitados polo goberno onde van estar mellor, con comida, ducha de auga quente e mesmo escola para os máis peques. Dende logo calquera sitio é mellor que Idomeni excepto porque Idomeni é a esperanza e estes novos campos son a expresión máxima da resignación e o abandono", subliña. "As persoas refuxiadas son conscientes de que a Unión Europea non fixo nada por elas ata agora e unha ducha de auga quente e tres comidas ao día non é alivio suficiente para quen fuxe da guerra e da persecución", engade.

"Tamén lles doe e molesta que dende a UE e organizacións vendan que estos campos nos que -agás un ou dous- non hai nin catres para durmir, representan unha mellora da súa dignidade e da súa vida. Son espazos moi precarios nos que terán que pasar moitos meses antes de que alguén responda á súa solicitude de asilo. Algúns antigas naves abandonadas. Idomeni era mellor? Non, pero era a súa elección. Agora ata iso se lles roubou", di.

María Vence ten moito contacto cunha familia e cun rapaz sirio. "O rapaz está só, perdeu un ollo en Siria, nun ataque de ISIS e tiveron que poñerlle un de cristal. O outro día, cando a policía empregou gas lacrimóxeno no campamento, a úlcera do ollo se lle volveu abrir". A familia é kurda, de pasaporte sirio. "O pai morreu polo camiño. E a familia quere quedar ata o final, quere resistirse a marchar de Idomeni". Di que nas vindeiras horas vai estar tamén moi pendente dunha muller transexual paquistaní, que localizou hai tres días. "Non ten dereito a asilo e non sabe ler nin escribir. Estamos intentando atopar unha solución para ela a través da embaixada española, pero ata agora non conseguimos nada", explica.

 

O campamento de Idomeni © María Vence
O desaloxo do campamento comezou a primeira hora desta mañá © María Vence
Os refuxiados e refuxiadas foron abandonando pouco a pouco o campamento © María Vence
Presenza policial no interior do campamento © María Vence
Os refuxiados e refuxiadas que habitaban Idomeni están sendo trasladados a novos campos, xestionados polo Exército © María Vence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.