Israel inicia a invasión terrestre de Gaza

Explosión provocada por un ataque israelí Dominio Público Praza Pública

O Exército israelí iniciou na noite do xoves unha operación terrestre en Gaza tras dez días de bombardeos aéreos masivos. O asalto foi precedido por unha choiva de proxectís de artillaría que castigaron desde as 21.00, hora local, con especial dureza o norte de Gaza. Horas antes, o gabinete de seguridade do Goberno aprobou por unanimidade o inicio da ofensiva. O obxectivo co que se xustificou foi acabar cos túneles situados na zona fronteiriza entre Israel e Gaza.

Medios de comunicación israelís informaron que nas primeiras horas do ataque xa se produciron "decenas de baixas" entre os palestinos

Miles de soldados de infantaría penetraron en Gaza desde varios puntos no norte, centro e sur de Gaza. Contaban co apoio de baterías de artillaría e da Forza Aérea. Medios de comunicación israelís informaron que nas primeiras horas do ataque xa se produciron "decenas de baixas" entre os palestinos. Ao mesmo tempo, o Exército solicitoulle formalmente ao Goberno a mobilización de miles de reservistas para que se unan aos 48.000 que xa recibiron a chamada a filas.

Polo menos cinco persoas, entre eles un neno de dous anos, faleceron por mor dos disparos da artillaría israelí en Gaza, segundo informaron a Efe fontes sanitarias. Segundo Ashraf el Qedra, portavoz de emerxencias, tres persoas, entre elas o citado bebé, morreron nun ataque na localidade de Rafah, fronteiriza con Exipto. Outras dúas persoas máis morreron nun ataque contra o barrio de Beit Hanun, no norte, agregou sen dar máis detalles.

O día comezara cunha "tregua humanitaria" de cinco horas solicitada pola ONU e respectada por ambos os bandos coa excepción dalgúns incidentes illados. Cando concluíu ás 15.00, retornaron as hostilidades. Israel proseguiu cos bombardeos de Gaza, que incluíron, como foi habitual desde o inicio da campaña, ataques a zonas civís. Nun deles, tres nenos morreron cando estaban a xogar na azotea dun edificio. Nese momento, a casa foi alcanzada por un "proxectil de aviso", co que os militares israelís advirten aos ocupantes dunha casa que esta vai ser destruída por completo poucos minutos despois. As milicias palestinas continuaron co lanzamento de foguetes a poboacións israelís nas que soaron as sirenas e os seus habitantes correron  a entrar nos refuxios.

Explosión provocada por un ataque israelí Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.