Iván Carril, o futbolista galego atrapado no Curdistán iraquí

Iván Carril, xogador galego do Erbil curdo © Streif

Disque un pode atopar un galego en calquera parte do mundo. E abofé que así é. Incluso naqueles lugares a onde poucos (ou a ningún) lles gustaría estar. Ese é o caso do futbolista galego Iván Carril, xogador do equipo da cidade de Erbil, no Curdistán iraquí, un dos obxectivos do sanguinario Estado Islámico que está a sementar o terror en Iraq. Lugar de refuxio de católicos que escapan dos asasinatos e a represión deste grupo islamita radical e cos arredores como principal campo de batalla entre os peshmergas curdos que, agora, coa axuda dos EUA, intentan deter a ofensiva yihadista. Alí é onde está atrapado o ex do Deportivo ou Pontevedra, co pasaporte retido polo seu club e coa esperanza de que o partido que este xoves disputa no Vietnam lle permita afastarse do conflito.

Iván Carril atópase atrapado en Erbil, no Curdistán iraquí, obxectivo do sanguinario Estado Islámico

"Dalgunha maneira é un secuestro", explicaba no programa El Larguero, da Cadena Ser, este futbolista que debutou en Primeira co Deportivo, chegou a gañar a Copa en Austria e que viviu a súa última aventura en Grecia. Leva 25 días no Curdistán e, malia que a súa única preocupación no principio "era a abafante calor", as cousas foron complicándose ao tempo que o Estado Islámico se achegaba á cidade. "Foi medo e pánico entre a xente e espallouse sobre todo polas redes sociais", explica Carril, que aclara que mentres islamistas radicais ameazaban a poboación, cidadáns de Erbil escapaban ou mostraban o seu temor. "Os arredores de hotel enchéronse de policía que paraba calquera coche", conta, tras aclarar que, ante a vaga de pánico, as autoridades decidiron bloquear Facebook e Twitter.

"O medo e o pánico espalláronse entre a xente co achegamento do Estado Islámico, sobre todo polas redes sociais", conta

Por todo isto, e polas novas que recibe sobre as atrocidades dos yihadistas e os combates a uns 50 quilómetros de onde vive, Iván Carril leva días buscando saír do país. Pero non pode. O club non lle permite abandonar o país espera da viaxe que o club fará a Vietnam para xogar a Copa de Asia. Téñenlle retido o pasaporte. "Intentamos falar con eles porque varios nos asustamos e quixemos buscar unha saída, pero de ningunha maneira nos queren deixar marchar porque apostaron forte por nós e queren que xoguemos a eliminatoria; o único que lles pedimos é que nos sacasen de aquí, que nos deixasen ir a Turquía e que nós xa nos xuntariamos co equipo logo, pero nunca nos puxeron as cousas doadas", relatou no programa de radio. "O mínimo que debían facer era deixarme saír baixo a miña responsabilidade; se logo queren reclamar, que vaian pola vía legal", insiste.

O club non lle permite abandonar a cidade ata que todo o equipo viaxe a Vietnam a disputar un partido

A cidade curda de Erbil é o obxectivo actual do Estado Islámico, que vén de conformar un califato nalgunhas outras rexións de Iraq onde aplican a sharia. A proximidade deste grupo radical á urbe provocou a reacción dos Estados Unidos, que bombardean xa obxectivos yihaistas. "Desde que chegaron os americanos, a xente está encantada. Aquí parece que naceron para isto, que todos estaban esperando a chamada do pobo para ir defendelo", explica.

Agora, Iván Carril di que non lle dá "chegado o momento" de que o vindeiro xoves lle dean o pasaporte e ter así "capacidade de decidir". Viaxará co club a Vietnam e logo a outro partido ao Líbano. Alí pedirá uns días ao club para regresar a Galicia. "Logo verei como vai indo a cousa". Non lle gustaría saír do equipo sen a carta de liberdade porque iso obrigaríalle a estar sen xogar e parado até o vindeiro 25 de xaneiro, data na que finaliza o seu contrato. Pero, ou moito cambia a situación, ou hai poucos argumentos que conviden a regresar, polo momento, ao epicentro dun dos conflitos máis perigosos que agora se viven no mundo.

Malia todo, no club e incluso na Embaixada "a mensaxe é tranquilizadora". "Pero claro, a Embaixada está en Bagdad", explica Iván Carril, viaxeiro do fútbol que decidiu emigrar a Asia ante a capacidade económica e deportiva de moitos equipos que, como o Erbil curdo, disputan competicións internacionais.

Afección do Erbil curdo © Erbil SC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.