Laila, unha moza de Gaza

Laila Dominio Público Diario de Palestina

O blog Diario de Palestina cóntanos a historia de Laila, unha moza de 21 anos que vive en Gaza, unha moza que "non é unha cifra" e que ten "soños que aniquilan cada segundo"

Laila non é unha cifra, como ela mesma di. É unha moza de 21 anos con soños que aniquilan cada segundo: “un morto, dez mortos, cen mortos, douscentos mortos, trescentos, mil…. números, só números”. Laila é como o resto de mozos e mozas de Palestina que soñan con ter unha boa vida e seren doutores ou avogados, e ten historias e unha vida que quere vivir. Acaba de graduarse en Literatura Inglesa pola Universidade Al-Azhar e gustaríalle seguir os seus estudos de Máster en Xornalismo. Vive coa familia, en Gaza, e asegura que o cariño que se sente na cidade, chea de obstáculos e dificultades, non hai lugar que o iguale. Aí é feliz; rodeada dos seus, cristiáns ou musulmáns, homes ou mulleres, grandes ou pequenos, porque o que hai en Palestina, por enriba de todo, é palestinos e palestinas.

Laila conta que non ten fotos dos bombardeos nin dos desastres e que a nai non deixa que saia por medo aos disparos e as explosións. As dúas horas de tregua, ao mediodía, non son tampouco seguras e pasa o día pechada nun cuarto sen fiestras. Nas noticias de todo o mundo pódense ver imaxes dunha Gaza esnaquizada, mais non se oen os sentimentos nin a dor, e tampouco se oe nin se ve nin se sente Palestina, que, como apunta Laila é amor. Porque as historias sobre a amizade, o amor, a solidariedade e incluso o medo compartido, non saen das fronteiras de Gaza.

Laila énchese de orgullo ao contar como na súa igrexa se xuntan refuxiados que escapan da guerra e como a igrexa é un lugar aberto para todo o mundo, para que calquera fe poida rezar no templo. Ese é o amor que describe Gaza, o do pai Manuel Musallam, quen dixo: “Se bombardearon as vosas mesquitas, vinde rezar ás nosas igrexas;” o mesmo amor que o da xente que corre sen medo para axudarse e que comparte o que ten: comida, auga, refuxio, o que sexa. O mesmo amor que Laila asegura non morrerá: “Poden destruír as nosas casas, matar as nosas crianzas e os nosos amigos e familiares; destruír as nosas escolas, universidades e hospitais, as mesquitas e as igrexas, e o que é aínda peor, poden destruír os nosos soños, mais xamais poderán, xamais, matar o amor que nos temos e que crece por dentro.”

Laila comenta que a maioría dos seus amigos son musulmáns, que a súa mellor amiga é musulmá e que nunca viu ningunha diferenza entre eles polo feito de seren de confesións distintas. “Somos todos humanos e ao final do día só queremos soñar e vivir como calquera outra persoa normal deste mundo.” Mentres conta isto, óense bombas e ataques aéreos, e pide desculpas polos cortes de luz, que son constantes.

Laila comenta que a maioría dos seus amigos son musulmáns, que a súa mellor amiga é musulmá e que nunca viu ningunha diferenza entre eles polo feito de seren de confesións distintas

Laila ten unha irmá máis pequena, Marianne, de 17 anos, e Khalil, de 30. Khalil está a estudar un Máster en Solidariedade Internacional en París e dende o comezo deste conflito fala a diario coa familia: “Están aterrorizados e non deixan de chorar. Viven con medo e en constante ansiedade. Cando lle pregunto ás miñas irmás que é o que máis necesitan, responden que unha terapia de relaxación.”

Laila é unha máis nunha gran prisión ao aire libre. Ninguén é inmune aos ataques e, como apunta Khalil: “O son das explosións é permanente, intolerable, e axuda a aumentar a inseguridade. Destruíron o cemiterio da igrexa ortodoxa do lado da casa e todas as tumbas están por fóra. Nin os mortos descansan en paz! As miñas irmás, totalmente traumatizadas, dinme que non teñen nada que facer; só rezar.”

Laila é unha máis nunha gran prisión ao aire libre

Laila, que soña con seguir vivindo, ten tamén medo de falar. Ten medo de confesar que quere vivir e que iso poida traerlle consecuencias negativas. Con todo, só se rende ante o silencio e berra que as súas voces non deberían apagarse e que ela mesma é consciente diso. Só quere seguridade e tranquilidade; en definitiva, Laila, coma a súa familia, os seus amigos, os seus veciños e benqueridos, quere vivir.

Laila Dominio Público Diario de Palestina
Imaxes da igrexa © http://sahafaty.net/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.