“O estado-nación non responde á realidade da zona kurda, o máis aceptado sería un estatuto confederal”

Eyyup Doru, representante en Europa do HDP, o partido kurdo con máis presenza no Parlamento de Turquía, este martes en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Eyyup Doru representa en Europa ao pro-kurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP en turco), terceiro no Parlamento de Turquía. Está en Galicia da man da Fundación Galiza Sempre e do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi)

De visita en Galicia para varias charlas da man da Fundación Galiza Sempre, vinculada ao BNG, e do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Eyyup Doru é o representante en Europa do pro-kurdo Partido Democrático dos Pobos (HDP en turco), o terceiro en importancia no Parlamento de Turquía. De base kurda, o HDP funciona como o brazo político de diversas plataformas da esquerda turca e conta con 59 dos 550 deputados da asemblea, por detrás dos 317 do Partido da Xustiza e o Desenvolvemento (AKP, islamista moderado, do presidente Recep Tayyip Erdogan) e dos 134 do Partido Republicano do Pobo (CHP, laico e socialdemócrata). O HDP actuou tamén como ponte entre o Estado turco e o resto de formacións kurdas, incluído o PKK. Nacido en Igdir, na fronteira de Turquía con Armenia, en 1960, Doru é buscado en Turquía e considerado persoa non grata en Irán. Residiu en Alemaña, Francia e España, é consultor sobre Oriente Próximo de varias formacións do Parlamento Europeo e membro do Foro Social Mundial.

Coa Fundación Galiza Sempre, logo de pasar este martes por Santiago, Eyyup Doru estará este mércores 12 na Coruña, no restaurante Mezopotamya (Gaiteira, 50) ás 12.00 horas, e o xoves 13 en Vigo, na libraría Cartabón (Urzaiz, 125) ás 20.30 horas. O venres 14, en Pontevedra, ás 20.00 horas na Casa da Luz (Praza da Verdura), participa da man do Igadi no ciclo de conferencias Mirando ao Mundo, co que o instituto celebra o seu 25 aniversario.

Como chega un partido kurdo a converterse no terceiro do Parlamento de Turquía?

Concentrámonos nas ideas, no proxecto. A nosa base son os kurdos, pero tamén todas as forzas que están a favor da democracia, a favor dos dereitos colectivos, das minorías étnicas e relixiosas, do medio ambiente. Facemos de portavoces de todas esas forzas. E da liberdade da muller. Todas as institucións do noso partido están dirixidas por un home e unha muller. Chegamos a ser a terceira forza pese a que o Estado turco usou toda a súa forza contra nós, mediática, económica e violenta. Os valores universais son os que fixeron posible ese salto.

Como é a saúde actual da democracia turca?

Está moi enferma. Non podemos falar de democracia en Turquía. Centos de representantes electos do pobo kurdo e turco están no cárcere. Alcaldes elixidos co 90% do apoio ou dirixentes sindicais están no cárcere. Toda a prensa está baixo a presión do Goberno. Os medios opostos ao goberno son pechados. Hai unha semana vinte cadeas kurdas e de esquerda foron ilegalizadas polo Goberno por decreto. Non hai unha democracia senón que todos os poderes estatais están en mans dun home, Erdogan, que soña con crear un novo califato otomán na rexión, e para acadar ese obxectivo está disposto a masacrar toda a oposición que atope no camiño. No último ano sete cidades kurdas foron destruídas e un millón de persoas desprazadas. O Goberno turco non deixa a Nacións Unidas investigar eses feitos. Non podemos falar de democracia senón de ditadura.

“Se non se atopa unha solución política, pacífica, democrática, dos conflitos actuais en Turquía, que son os conflitos kurdo e relixiosos, o estado vai cara unha guerra civil e étnica”

Esa represión xeral, tamén sobre os propios turcos, está xerando máis simpatía cara os kurdos entre o pobo turco?

O chauvinismo estatal e dos medios públicos ten aínda apoio. A sociedade actual en Turquía está dividida en dous bandos moi opostos e iso crea un risco de guerra civil. A metade dos dirixentes do exército e dos cargos da xustiza están no cárcere, e 60.000 funcionarios foron destituídos sen xuízo. Se non se atopa unha solución política, pacífica, democrática, dos conflitos actuais en Turquía, que son os conflitos kurdo e relixiosos, o estado vai cara unha guerra civil e étnica.

Están na primeira liña fronte ao Estado Islámico e a guerra en Siria. Hai algún tipo de comunicación co estado turco para actuar de xeito conxunto contra esa ameaza á civilización?

Non. Dicímolo abertamente: o estado turco está colaborando co Estado Islámico. A súa estrutura está intacta en Turquía, non hai arrestos masivos como houbo contra os kurdos ou contra os que apoian a Gülen [antigo aliado e agora enfrentado con Erdogan]. O Goberno turco nunca atacou o Estado Islámico, colabora con el. Os xornalistas que contaron esa relación foron arrestados e os xuíces que a investigaron están no cárcere. Non hai unha loita contra eses grupos, chámense Estado Islámico, Ansar al-Islam ou al-Nusra. No caso do kurdistán iraquí, Estados Unidos non quere que Turquía participe na liberación de Mosul, non confía neles.

Que houbo o pasado 15 de xullo en Turquía? Un golpe de Estado, un contragolpe, un autogolpe?

Creo que Erdogan xa sabía que unha parte do exército se estaba a preparar contra el e el mesmo xa preparara todo o que tiña que facer, a onde podían moverse, as súas alianzas, etcétera. Erdogan provocou ese golpe, que se precipita antes do previsto, e fai o seu contragolpe. El mesmo di que o golpe foi un regalo de deus. Con ese regalo de deus toma o poder sen ningunha protesta internacional. Todo, mesmo empresas internacionais e medios de comunicación, están agora controlados por el.

“Hai kurdos que piden unha federación, outros independencia, algúns autonomía ou autogoberno, pero en conxunto os kurdos, coas súas forzas económicas, políticas e militares, non deixarán que outros decidan por eles, como pasou en 1916”

Reivindican o mesmo os kurdos con independencia do estado no que viven ou teñen necesidades distintas en Turquía, Siria, Iraq e Irán?

Todos os kurdos, en calquera lugar, reivindican polo menos o dereito de autodeterminación do pobo kurdo. Hai algúns que piden unha federación, outros independencia, algúns autonomía ou autogoberno, pero en conxunto os kurdos, coas súas forzas económicas, políticas e militares, non deixarán que outros decidan por eles, como pasou en 1916 co acordo Sykes-Picot entre o Reino Unido e Francia co que repartiron a zona segundo os seus intereses.

Cen anos despois desa división de Oriente Próximo na Primeira Guerra Mundial, que solución teñen hoxe os conflitos territoriais na zona?

Ese pacto Sykes-Picot hoxe non funciona, de facto está roto. A fronteira entre Turquía e Iraq está controlada polos kurdos. Os kurdos piden espazo nos seus territorios. Eu creo que a fórmula máis aceptada polos kurdos en toda a rexión sería un estatuto confederal, convivencia pacífica e democrática en igualdade cos pobos da rexión. A fórmula sería un sistema confederal. Unha democracia participativa que dea igualdade entre o home e a muller. Ese modelo vese xa no que nós chamamos Rojava [o kurdistán sirio ou kurdistán occidental], onde hai gobernos autónomos ou de cantóns, cun 50% de participación da muller, nunha zona islámica na que sacar á muller da casa non é fácil. E hai convivencia entre pobos: os árabes están no goberno, os armenios están no goberno, os sirios están no goberno, todos utilizan as súas linguas como linguas oficiais nos cantóns. Ese é o mellor modelo, fronte ao modelo imposto pola forza polos Estados Unidos, Francia e Reino Unido. O estado-nación non responde á realidade desa zona. Está morto o estado nación. Unha lingua, unha nación, unha patria, está morto.

"Europa non debe ver a Turquía só como un espazo de intereses económicos e o estado español, como membro da UE, do Consello de Europa e da OTAN, debe utilizar as súas boas relacións con Turquía para que volva respectar os criterios democráticos universais"

Que lle pide á Unión Europea e ao estado español?

Á Unión Europea lle pedimos que tome en serio os seus propios criterios. Turquía é un membro do Consello de Europa, da OTAN e candidato á UE, pero hoxe en día non respecta os dereitos humanos. Europa non debe ver a Turquía só como un espazo de intereses económicos. O estado español, como membro da UE, do Consello de Europa e da OTAN, debe utilizar as súas boas relacións con Turquía para que volva respectar eses criterios democráticos universais. Turquía non fixo o que aquí se chama transición á democracia. Turquía aínda está coa mentalidade política do réxime de Franco, nin sequera fixo ese cambio, e o estado español pode dar ese exemplo.

Que sabe da colonia kurda en Galicia?

Temos unha comunidade pequena, pero creo que tamén eles están pendentes dos acontecementos que suceden no kurdistán. Espero que entre os seus amigos e contactos apoien un desenvolvemento de relacións e contribúan á amizade entre Galicia e o kurdistán.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.