Maduro gaña as eleccións pero Capriles non recoñece a súa derrota

Máis de 18 millóns de venezolanos estaban chamados ás urnas © El Diario

O Consello Nacional Electoral (CNE) de Venezuela anunciou a vitoria de Nicolás Maduro nas eleccións presidenciais. O candidato chavista recibiu 7.505.338 votos, o 50,66%, 234.935 máis que Capriles, que obtivo 7.270.403, o que representa o 49,07% dos votos. Estas eleccións celebráronse apenas seis meses despois de que Chávez gañase con 10 puntos de vantaxe a Capriles (1,6 millóns de votos de diferenza). O resultado deuse por definitivo co 99,12% dos votos escrutados. A participación acadou o 78,71% dos 18,9 millóns de venezolanos convocados ás urnas.

Capriles rexeitou estes resultados e pediu un reconto do 100% dos votos. "Eu dígolle ao candidato do Goberno que o derrotado no día de hoxe é vostede. Vostede é o derrotado, vostede e o seu goberno"

O candidato da oposición, Enrique Capriles, rexeitou estes resultados e pediu un reconto do 100% dos votos. "Eu dígolle ao candidato do Goberno que o derrotado no día de hoxe é vostede. Vostede é o derrotado, vostede e o seu goberno", asegurou Capriles para esixir un reconto "voto a voto".

Maduro, pola súa banda, lembrou ao falecido Hugo Chávez tras anunciar a súa vitoria e aceptou a apertura do 100% das urnas electorais para revisar os votos. Os centos de chavistas que se congregaron desde primeira hora da tarde do domingo ante o Palacio de Miraflores (sede de Goberno) para celebrar o que esperaban sería un folgado triunfo, fixeron do festexo un acto obrigado con pouca alegría e moito cansazo. Ante eles, o presidente encargado, cargo ao que accedeu tras a morte de Chávez, defendeu a validez do seu triunfo. "Podemos dicir que temos un triunfo electoral xusto, legal, constitucional, popular", afirmou Maduro nun discurso ante os seus seguidores desde o palacio de Miraflores no que volveu reiterar as denuncias de guerra psicolóxica e plans de desestabilización na súa contra.

Maduro indicou que falou durante ao redor de 15 minutos por teléfono con Capriles sobre os resultados dos comicios e indicou que o líder opositor lle propuxo un "pacto" previo ao anuncio dos resultados oficiais, pero rexeitouno

Despois do anuncio dos resultados o reitor do CNE Vicente Díaz, ligado á oposición, propuxo o reconto do 100% dos votos físicos que o sistema electrónico facilita como respaldo ao voto electrónico para contrastar os resultados. "Benvida a auditoría, xa estaba estipulada a auditoría", sentenciou Maduro, ao lembrar que este é "o único lugar do mundo" en que se fai auditoría do 54% das urnas en cada elección. "Os máis interesados na auditoría somos nós, eu solicítolle oficialmente ao Consello Nacional Electoral a realización dunha auditoría de cara ao país", ratificou.

Maduro indicou que falou durante ao redor de 15 minutos por teléfono con Capriles sobre os resultados dos comicios e indicou que o líder opositor lle propuxo un "pacto" previo ao anuncio dos resultados oficiais, pero rexeitouno. Explicou que segundo esa proposta Capriles estaba "a condicionar que o poder electoral cumpra o seu papel e informe os resultados oficiais a unha auditoría que puidese durar semanas".

O presidente encargado formulou, así mesmo, un chamado á oposición para que saiba administrar o resultado deste proceso "con humildade". "Fago este chamado, co espírito do meu comandante e pai, Hugo Chávez, por favor, saiban administrar o resultado que obtiveron con humildade, sen prepotencia, sen retar a Venezuela enteira, sen chamar á violencia", sostivo.

Capriles reaccionou asegurando que non recoñecerá o resultado ata que non se conten todos os votos asegurando que tiña constancia de polo menos 3.200 incidencias na xornada. "Nós non imos recoñecer un resultado até que non se conte cada voto dos venezolanos", indicou ante os seus seguidores, entre os que había un sentimento de resignación matizado pola perspectiva dun futuro reconto de votos. "Nós en aras da democracia, da paz do noso pobo (...) nós queremos que se faga a auditoría, que se conte voto por voto", asegurou Capriles.

O líder opositor, de 40 anos, afirmou que o derrotado das eleccións presidenciais foi Maduro e o seu Goberno. "Eu dígolle ao candidato do Goberno: o derrotado no día de hoxe é vostede. Vostede é o derrotado, vostede e o seu Goberno", apuntou. Ademais, negou os comentarios que fixo Maduro sobre a suposta proposta dun pacto. "Eu non pacto nin coa mentira nin coa corrupción, o meu pacto é con Deus e cos venezolanos", sentenciou, ao asegurar que a súa "boa intención" quixera ser "terxiversada e malpoñela ante o país". Sinalou que o Goberno que queda é un Executivo "mentres tanto" prometendo que fará todo o que estea ao seu alcance "no marco da Constitución (...) para que este país cambie". "Venezuela, dígolles con moita firmeza, esta loita non terminou", sentenciou.

Tras o anuncio dos resultados o ministro de Defensa de Venezuela, Diego Molero, asegurou que a Forza Armada é garante do resultado dos comicios e fará respectar os resultados. "A Forza Armada non só estamos pegados á Constitución, senón que somos garantes de que ese resultado o respectemos e o fagamos respectar", afirmou Molero.

 

"Un plebiscito entre socialismo e neoliberalismo"

Ao longo da campaña Maduro presentou estas eleccións como un plebiscito entre socialismo e neoliberalismo, entre “revolución e retroceso"

“Non volverán”, “Chávez vive a loita segue” e "Chávez, xúrocho, o meu voto é por Maduro", foron algúns dos slogans coreados nos mitins de Nicolás Maduro durante a campaña electoral. As filas chavistas quixeron deixar claro que, aínda que Hugo Chávez marchara, os seus plans continuarán a través da figura de Maduro, elixido polo propio Chávez como o seu sucesor. Isto último era algo moi salientado dentro do Partido Socialista venezolano e o propio Maduro lembrouno estes días.

Este mesmo venres o candidato chavista insistía neste aspecto nun artigo publicado no diario británico The Guardian, titulado Baixo o meu mandato a revolución continuará, e no que sinalaba: “Perdemos o noso extraordinario líder, pero o seu proxecto, construído colectivamente por traballadores, campesiños, mulleres, indíxenas, mozas e descendentes de africanos, está máis vivo que nunca”. 

Ao longo da campaña Maduro presentou estas eleccións como un plebiscito entre socialismo e neoliberalismo, entre “revolución e retroceso”. "Eu non estou aquí porque me manteñan os cheques económicos da burguesía rancia caraqueña nin porque me axeonlle ante o imperialismo. A miña única aspiración era ver unha patria libre, de pé e socialista, e iso foi o que nos deu Chávez", proclamou nos seus mitins.

As enquisas daban como gañador a Nicolás Maduro por unha media de dez puntos de vantaxe

Máis de 18 millóns de venezolanos -dos 29 millóns que hai neste país- estaban chamados a votar. As enquisas daban como gañador a Nicolás Maduro por unha media de dez puntos de vantaxe. A diferenza definitiva pola que gañase era a grande incógnita dos comicios e o que determinaría en parte o xogo político dos próximos meses.

Máis de 18 millóns de venezolanos estaban chamados ás urnas © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.