Malí: unha 'yihad' no Sahel

Mali Dominio Público Praza Pública

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) publica un novo IgadiPaper, o número 98, centrado no conflito aberto en Malí e na situación do Sahel.

A recente intervención militar francesa na crise política de Malí, con repercusións cada vez mais directas na área do Sahel, repercute nunha serie de variables de carácter xeopolítico e estratéxico vinculadas á estabilidade rexional do Magreb e de África Occidental, á contención da rebelión secesionista das comunidades tuareg e das milicias yihadistas salafistas no norte deste país, a implicación da organización Al Qaeda no Magreb Islámico e, incluso, as actividades de diversos grupos de poder confrontados polo control do narcotráfico e outras actividades delictivas.

O golpe militar de marzo de 2012 interrompeu a incipiente transición democrática deste país

A crise política de Malí, ex colonia francesa independente desde 1960, espallouse en marzo de 2012 tras un golpe militar que depuxo ao entón presidente Amadou Toumani Touré. Repudiado daquela pola comunidade internacional, este golpe militar interrompeu a incipiente transición democrática deste país mentres certificaba unha loita de diversos grupos de poder internos, inseridos no sector militar e nas estruturas político-administrativas e económicas. En principio, a finalidade do golpe militar foi a de conter a rebelión secesionista do norte de Malí, impulsada pola comunidade tuareg a través do Movemento de Liberación Nacional de Azawad (MNLA), así como as actividades de diversos grupos e milicias de carácter yihadista e salafista, entre as que destaca a organización Al Qaeda no Magreb Islámico (AQMI). Precisamente, este grupo terrorista lanzou publicamente unha “yihad” contra Francia en caso de intervención militar en Malí.

Con todo, a crise de Malí pon de manifesto diversas variables que afianzan a perspectiva de que este país africano poida diluírse nun eventual Estado fallado similar a Somalia ou Guiné-Bissau. A persistencia da actividade de mafias do narcotráfico interesadas no transporte da droga dende o Golfo de Guinea ata o Magreb e Europa, coloca a Malí e á rexión do Sahel nun escenario de elevado risco conflitivo, supoñendo ao mesmo tempo un factor clave que explica o conflito existente neste país.

 

Al Qaeda contra Francia

O pasado 12 de xaneiro, o presidente francés François Hollande ordenou a intervención de forzas especiais militares francesas en Malí, coa pública intención de evitar unha inestabilidade maior no Sahel e África Occidental ante a eventualidade do fortalecemento dos grupos islámicos yihadistas e dos secesionistas tuareg na rexión de Azawad, no norte do país.

A estabilidade de Malí suxire diversos factores de interese para Francia, quen durante anos observou a este país como un exemplo de transición democrática para a África francófona. Ao mesmo tempo, a consolidación de facto do golpe militar de marzo de 2012, inicialmente criticado por París, derivou nunha especie de fait accompli e de entendemento entre o goberno francés e as novas autoridades de Malí, agora dirixidas polo presidente interino Dioncounda Traoré baixo a atenta vixilancia do capitán Amadou Sanogo, líder do golpe militar.

A intervención militar francesa afianzou as perspectivas de que a AQMI activara unha yihad contra Francia, que pode retrucar con diversos ataques terroristas contra nacionais franceses localizados no Sahel

As peticións de Traoré e Sanogo de intervención militar francesa no país africano foron inicialmente explicadas pola necesidade de apoiar a lexitimidade das actuais autoridades de Malí no cometido de loitar contra a rebelión en Azawad e a eventual expansión das milicias yihadistas, en especial da AQMI, pola rexión do Sahel e África Occidental. Non obstante, a intervención militar francesa afianzou as perspectivas de que a AQMI activara unha yihad contra Francia, que pode retrucar con diversos ataques terroristas contra nacionais franceses localizados no Sahel.

Precisamente, a finais de 2012 e a través dun vídeo titulado Malí: unha guerra de poder francesa, Abu Musab Abdul Wadud, xefe de Al Qaeda no Magreb Islámico (AQMI), ameazou ao goberno de Hollande con iniciar unha “yihad” contra Francia, comezando con matar a seis cooperantes franceses retidos como reféns no norte de Malí. Estas ameazas serviron como medida persuasiva contra París para non intervir militarmente en Malí e así non obstaculizar os plans da AQMI de eventualmente confeccionar un Califato integrista islámico en África Occidental e no Sahel, con capacidade de repercusión en países como Mauritania, Níxer e no resto do Magreb, precisamente ás portas da periferia mediterránea europea.

Por tanto, o anuncio da yihad de Al Qaeda contra Francia e a intervención militar francesa en Malí recentemente acaecida, provocaron a inmediata reacción por parte da AQMI, anunciando o secuestro de reféns franceses na zona fronteiriza con Alxeria (implicando por tanto a este país magrebí no conflito) e expandindo estas ameazas a través das ramas de Al Qaeda en África Oriental, especificamente en Somalia, onde as milicias yihadistas islámicas teñen secuestrado a un reporteiro francés. Certificada a  intervención militar gala como unha contraofensiva contra o terrorismo yihadista, AQMI anunciou a próxima execución deste reporteiro francés.

 

A rebelión tuareg

Outras variables entran en xogo dentro do conflito de Malí. Unha delas é a rebelión secesionista na rexión de Azawad, ao norte do país, fronteiriza con Níxer, Mauritania, Alxeria e Burkina Faso

Con todo, outras variables entran en xogo dentro do conflito de Malí. Unha delas é a rebelión secesionista na rexión de Azawad, ao norte do país, fronteiriza con Níxer, Mauritania, Alxeria e Burkina Faso. Nesta rexión, con epicentro nas cidades de Tombuctú, Gao e Kidal, consideradas santuarios histórico e cultural para a comunidade tuareg, operan catro grandes grupos rebeldes, principalmente mobilizados e conformados polas comunidades tuareg (nómades de orixe bérber) así como doutras etnias e comunidades que se consideran discriminadas polas autoridades de Bamako, a capital de Malí.

Ao mencionado AQMI cómpre engadir o grupo salafista Ansar Dine (Partidarios da Relixión), o Movemento pola Unidade e a Yihad en África Occidental (MUJAO); e o Movemento de Liberación Nacional de Azawad (MNLA), principal grupo secesionista da comunidade tuareg, creado a finais de 2011 e que con anterioridade tivera apoio loxístico e financeiro do extinto réxime de Muamar Gadafi en Libia. Precisamente, a caída de Gadafi en setembro de 2012 provocou un retorno de aproximadamente 10.000 militantes tuareg da MNLA cara Azawad, o cal intensificou o conflito coas autoridades de Bamako e, igualmente, cos outros grupos rebeldes, especialmente a AQMI.

Todos estes grupos veñen realizando operacións paramilitares e terroristas en países veciños como Alxeria, Mauritania, Níxer e incluso Marrocos, co evidente interese en rexionalizar o conflito de Azawad e Malí. Paralelamente, AQMI logrou nos últimos meses consolidar a súa posición nesta rexión, logrando a división política dos demais grupos rebeldes de Azawad, en especial dos elementos radicais do MNLA, ausentes durante varios meses pola guerra en Libia.

Fortalecido na súa posición, a AQMI avanza na súa pretensión por configurar un Califato islámico entre o Magreb e África Occidental

Fortalecido na súa posición, a AQMI avanza na súa pretensión por configurar un Califato islámico entre o Magreb e África Occidental. Amparándose na petición das autoridades de Malí de intervir militarmente no país, esta perspectiva dun Califato islámico na rexión persuadiu directamente a Francia e outras organizacións rexionais, como a Comunidade Económica de Estados de África Occidental (CEDEAO), a enviar tropas a Malí co fin de evitar o reforzamento de  AQMI.

 

A clave da droga

Unha fatwa ou edicto enviado polos grupos afiliados á AQMI realizada en 2001 lexitimou a realización destas actividades delictivas como método de financiamento “para alcanzar a yihad”

Con todo, outros intereses aparentemente estarían de igual forma involucrados no conflito de Malí. A consolidación das milicias secesionistas e yihadistas no deserto do Sahel e na rexión de Azawad evocou un escenario de repartición do negocio da droga, do contrabando e da extorsión como fontes de financiamento das súas actividades. Con anterioridade, unha fatwa ou edicto enviado polos grupos afiliados á AQMI realizada en 2001 lexitimou a realización destas actividades delictivas como método de financiamento “para alcanzar a yihad”.

Esta situación encara a posibilidade de que Malí e a rexión do Sahel se convertan nunha especie de Estado fallado, con débil autoridade central e proliferación de mafias delictivas e milicias armadas, moi similar ao exemplo de Somalia ou incluso doutros países de África Occidental como Guiné Bissau. Deste modo, o narcotráfico vaise convertendo nun motor económico para a rexión e, por tanto, nunha actividade cuxo control é o mais apetecido polos grupos e actores involucrados no conflito.

Neste sentido, existen outras interpretacións sobre os intereses reais detrás do golpe militar de marzo de 2012 en Malí. Diversos grupos militares liderados polo capitán Sanogo puxarían polo combate contra os insurxentes e as milicias no norte do país para controlar o fluxo de distribución da droga e do contrabando. Un incidente clave que involucrou ás autoridades de Bamako foi o caso do avión Air Cocaine, que en 2011 aterrou por problemas técnicos no deserto do Sahel próximo a Malí para descargar a droga que procedía de Colombia e Venezuela. Ao non poder despegar, os militares de Malí ordenaron queimar o avión para non deixar pegadas.

Diversos grupos militares liderados polo capitán Sanogo puxarían polo combate contra os insurxentes e as milicias no norte do país para controlar o fluxo de distribución da droga e do contrabando

Segundo diversas informacións, a ruta da droga no Sahel pasa polo Golfo de Guinea proveniente de América Latina, con descargas anuais estimadas entre 50 e 70 toneladas de droga. Estas posteriormente son distribuídas a través de Malí e Mauritania cara Marrocos e Libia. Por tanto, as mafias do narcotráfico precisan desta ruta de transporte que precisamente transita polos territorios controlados polas milicias tuareg e os grupos yihadistas, os cales cobran elevados impostos para permitir o seu transporte.

As repercusións económicas do conflito en Malí son evidentes: caída do sector turismo, considerada a principal fonte de financiamento, así como da dependencia da axuda exterior, elevada inflación e un espallamento da desocupación laboral. A caída do 1,5% do PIB de Malí en 2012 reflicte a gravidade desta situación, sumada á crise política e á posibilidade real de que o país africano transite polo camiño dos denominados Estados fallados.

Mali Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.