Médicos Sen Fronteiras denuncia a vulnerabilidade dos migrantes en Marrocos

© MSF

Médicos Sen Fronteiras (MSF) denuncia no informe Violencia, vulnerabilidade  e migración: atrapados ás puertas de Europa o impacto que teñen as condicións precarias de vida e a violencia criminal e institucional xeneralizada sobre a saúde dos migrantes subsaharianos en situación irregular que se atopan atrapados en Marrocos na súa viaxe cara a Europa. O informe, presentado este mércores en rolda de prensa en Madrid, denuncia que as políticas migratorias colisionan co respecto aos dereitos humanos e iso ten graves consecuencias na saúde física e mental dos migrantes.

MSF exhorta aos gobernos marroquí e español a impedir os abusos das súas forzas de seguridade

MSF, que tomou a decisión de pechar os seus proxectos en Marrocos, exhorta os gobernos marroquí e español a impedir os abusos das súas forzas de seguridade, ao cumprimento dos acordos internacionais e nacionais en materia dos dereitos humanos e a garantir que os migrantes subsaharianos son tratados de forma humana, independientemente da súa situación legal. Segundo MSF, ONGs e axencias da ONU, sobre todo as especializadas en dereitos humanos e protección, "deberían ampliar a súa asistencia aos migrantes subsaharianos en todo Marrocos, e particularmente na Rexión oriental, sen máis dilación. Ademáis, deben proporcionarse maiores recursos económicos e humanos para asegurar unha atención máis efectiva e adecuada para as vítimas de violencia sexual e de trata de persoas".

Marrocos converteuse, froito do endurecemento dos controis fronteirizos, xa non só nun país de tránsito, senón nun destino forzado, o que aumenta a vulnerabilidade dos migrantes, de acordo co informe. A aplicación dunhas políticas migratorias que chocan co respecto aos dereitos humanos ten consecuencias na saúde da poboación migrante, cuxos grupos máis vulnerables, -como o das vítimas de violencia sexual ou de trata-, carecen de asistencia e protección especializada por parte das administracións.

“Os renovados esforzos de cooperación entre Marrocos e España, segundo estes países, na loita contra o crime transfronteirizo, a inmigración ilegal e o tráfico de drogas, están a ter consecuencias graves sobre a saúde física e mental dos migrantes subsaharianos”

“Os renovados esforzos de cooperación entre Marrocos e España, segundo estes países, na loita contra o crime transfronteirizo, a inmigración ilegal e o tráfico de drogas, están a ter consecuencias graves sobre a saúde física e mental dos migrantes subsaharianos”, segundo explica David Cantero, coordinador xeral de MSF en Marrocos, “as políticas migratorias privilexian criterios de seguridade interna por encima do respecto e as garantías dos dereitos humanos fundamentais”.

Desde decembro de 2011, os equipos de MSF foron testemuñas do incremento de redadas policiais nas que se destrúen as pertenzas dos migrantes, mentres que aumentan as expulsións a Alxeria dos detidos, entre os que se detectaron grupos vulnerables como embarazadas, feridos e menores. Ás redadas e deportacións indiscriminadas súmase tamén a renovada violencia coa que se repele aos migrantes que tentan saltar o valo de Melilla por parte das forzas de seguridade marroquís e españolas. Só en 2012, os equipos de MSF na Rexión Oriental -que comprende Nador, veciña de Melilla-, asistiron a máis de 1.100 persoas por feridas. “Especialmente desde o mes de abril do pasado ano, vimos, entre outras, fracturas de brazos, pernas, mans, mandíbulas, dentes rotos ou conmocións cerebrais. Son feridas consistentes cos testemuños dos migrantes, de ser agredidos polas forzas de seguridade”, di Cantero.

“Especialmente desde o mes de abril do pasado ano, vimos, entre outras, fracturas de brazos, pernas, mans, mandíbulas, dentes rotos ou conmocións cerebrais. Son feridas consistentes cos testemuños dos migrantes, de ser agredidos polas forzas de seguridade”

Un dos problemas máis destacados no informe é o da violencia sexual que sofren principalmente as mulleres e nenas migrantes. Aínda que o seu número é imposible de determinar, os datos médicos de MSF revelan un problema alarmante (os equipos de MSF trataron desde 2010 a 2012 a case 700 pacientes) cuxas vítimas requiren atención especializada e maior protección e asistencia que non reciben por parte das administracións.

Un dos problemas máis destacados no informe é o da violencia sexual que sofren principalmente as mulleres e nenas migrantes

O informe, ademais de detallar o aumento da violencia no último ano, mostra as difíciles circunstancias nas que viven os migrantes subsaharianos, moitos dos cales ven obrigados a vivir de forma precaria á intemperie e forzados a mendigar para subsistir. Das 10.500 consultas médicas levadas a cabo polos equipos de MSF entre 2010 e 2012, case a metade das patoloxías presentadas gardan relación coas condicións de vida da poboación migrante.

Atrapados ás portas de Europa recolle así mesmo os avances en Marrocos na garantía do acceso dos migrantes aos servizos sanitarios, obtidos despois do traballo de asociacións cívicas e ONG co Ministerio de Sanidade. Isto supuxo unha diminución paulatina das actividades médicas directas de MSF nos últimos anos. Aínda así, as incógnitas sobre a aplicación dun novo réxime de seguro sanitario, a falta de servizos de saúde mental ou de atención integral a vítimas de violencia sexual (para migrantes e marroquís á vez) e a existencia de zonas onde, por medo a ser expulsados, os migrantes non acoden de forma voluntaria aos centros de saúde, son escollos que o goberno marroquí debe solucionar.

Os avances obtidos até o momento, no entanto, veranse afectados negativamente se as políticas migratorias establecidas persisten en criminalizar e marxinar aos migrantes subsaharianos e se continúan privilexiando enfoques de seguridade interna por encima do respecto aos dereitos humanos. A protección dos migrantes, a defensa dos seus dereitos fundamentais, é un ámbito que queda fóra da actuación de MSF como organización médico-humanitaria e é unha das razóns polas que MSF decidiu traspasar as súas actividades en Marrocos este ano.

© MSF
© MSF

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.