Merkel queda ás portas da maioría absoluta

Un cartaz electoral da CDU: "exitosos xuntos" CC-BY-NC-ND m.p.3.

Triunfo inapelable de Angela Merkel nas eleccións alemás. A CDU-CSU obtivo o 42% dos votos (fronte ao 33,8% en 2009) e quedou a uns poucos escanos da maioría absoluta. Porén, o desastre electoral dos seus socios, os liberais da FDP, que cun 4,5% fican por debaixo da barreira do 5% necesaria para obter representación (en 2009 foran a terceira forza co 14,7%) obrigarán a Merkel a buscar unha gran coalición cos socialdemócratas, descartada a posibilidade dun pacto cos verdes, e igualmente desbotado un pacto a tres entre SPD, Verdes e Linke. É a primeira vez que os liberais quedan fóra do parlamento. O mesmo lles sucede aos euroescépticos da AfD, que quedarían co 4,9%, a unha décima de entrar no Bundestag. Tamén o Partido Pirata queda sen representación, ao obter pouco máis do 2% dos votos.

A SPD crece lixeiramente (25%, fronte ao 23% de hai cinco anos),e Die Linke (8,5%; o 11,9% en 2009) e Verdes (8,5%; o 10,7% en 2009) perden apoios. A participación foi dun 73%, 2,2 puntos máis que hai cinco anos, rachando unha tendencia de constantes descensos iniciada en 2002.

É o mellor resultado obtido polos democristiáns dende 1994, que quedan a uns poucos escanos dunha maioría absoluta que non se acada en Alemaña dende a acadada por Konrad Adenauer en 1957. Durante toda a tarde e noite a Union de CDU e CSU roldou unha maioria dificil de cuantificar. Até o mesmo remate do escrutinio non se podía coñecer cantos escanos tería o Parlamento alemán, e polo tanto cantos serán necesarios para a maioría absoluta, até que finalice o reconto. Isto é debido ao complexo sistema electoral en Alemaña, que combina o sistema maioritario co proporcional. CDU-CSU ten 303 escanos, a un da maioría, por 183 da SPD, 62 de Die Linke e 58 dos Verdes.

Para entender a vitoria de democristíáns e socialcristiáns, é importante fixarse noutras das preguntas que compoñen as sondaxes realizadas polas televisións á saída dos colexios electorais: o 74% dos alemáns cren que a situación económica do país é "boa" ou "moi boa"; o 26% restante cre que é "mala" ou "moi mala". Segundo a mesma sondaxe a grosse koalition entre CDU-CSU e a SPD é a fórmula de goberno preferida polo 57% dos alemáns, superando o pacto SPD-Verdes (43%), CDU-CSU-FDP (36%), CDU-CSU-Verdes (31%) e SPD-Verdes-Linke (26%). 

Na sede da CDU o seu resultado, cun ascenso de case dez puntos, foi recibido con euforia e berros de "Angie, Angie". Angela Merkel, que asumirá o seu terceiro mandato como chanceler, agradeceu o triunfo, afirmou que "xa podemos celebrar a vitoria" e dixo que "actuaremos con prudencia e responsabilidade". A decepción, pola contra, dominou nas sedes de SPD e Verdes, que ven como Merkel se converte na gran triunfadora da xornada. O líder socialdemócrata Steinbrück destacou que "correspóndelle a Merkel buscar unha maioría de Goberno, non a nós". O que si descartou con firmeza Steinbrück foi un pacto con Verdes e Linke "agora e no futuro".

Un cartaz electoral da CDU: "exitosos xuntos" CC-BY-NC-ND m.p.3.
Sondaxe a pé de urna da ARD © ARD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.