Mohammad Assaf, de 'Arab Idol' a líder palestino

Mohammad Assaf converteuse xa nun fenómeno en Palestina CC-BY-SA Diario de Palestina

O blog Diario de Palestina analiza un fenómeno, moi afastado do sufrimento do día a día, que levou a alegría ás rúas dos territorios ocupados.

Palestina non só precisa quen a goberne e a guíe, senón tamén quen lle poida dar alegrías, éxitos e vida. Mohammad Assaf, un estudante de Gaza que traballa como cantante en vodas, conseguiu ser abandeirado do seu pobo e erguer a súa bandeira ao facerse gañador do programa de televisión árabe Arab Idol, devolvendo o sorriso ao pobo palestino.

Palestina non só precisa quen a goberne e a guíe, senón tamén quen lle poida dar alegrías, éxitos e vida. Mohammad Assaf, un estudante de Gaza que traballa como cantante en vodas, conseguiu ser abandeirado do seu pobo ao gañar o programa de televisión árabe Arab Idol

Arab Idol vén sendo a versión árabe máis familiar e mediática de Operación Triunfo, emitida pola canle saudita MBC. Cantantes de diferentes países árabes compiten por seren a mellor voz, elixida a través dos votos dos telespectadores. Os competidores actúan cada venres e o sábado seguinte coñécese quen continúa no programa. Tres meses despois, os tres finalistas defenden a súa voz e os seus países, que nesta ocasión chegou cos representantes de Exipto, Siria e Xordania.

Mohammad Assaf é un refuxiado do campo de Khan Younis, en Gaza, famoso polos entullos das súas casas. Porén, como di o propio cantante: “Os palestinos non son do xeito que nos ven. Queren ser felices. Gústalles cantar”. Non só a poboación é distinta a como se ve nos medios, tamén os lugares. Os palestinos non son mutilados que carrexan bombas e aturuxan cando hai ataques; Palestina non é unha enlamada de xentes na procura de acubillo; e os campos de refuxiados non son son tendas de campaña grises. Nos campos de refuxiados amoréase o cemento en liñas verticais febles, mirando o horizonte dun regreso ás casas orixinarias. Neles viven os palestinos expulsados das súas casas dende 1948, e con eles habitan penas e angustias, pero tamén alegrías.

A medida que avanzaba o concurso, as rúas palestinas enchíanse de cartaces en apoio e as veladas dos venres en cafés aumentaban

Os afagos a Mohammad Assaf veñen repetíndose dende o comezo do programa, así como as mostras de alegría e unidade en Palestina. A súa voz nunca fixo dubidar aos palestinos das posibilidades de gañar o concurso, pero o feito de seren os espectadores que deciden o vencedor si parecía prognosticar que o representante palestino xamais pasaría as cifras dos países máis poboados. Así e todo, a medida que avanzaba o concurso, as rúas palestinas enchíanse de cartaces en apoio e as veladas dos venres en cafés aumentaban. A voz de Assaf e as cancións románticas e patrióticas parecían convencer a máis e máis espectadores.

Para Mohammad Assaf o concurso comezou antes da súa primeira actuación. Tardou dous días en recorrer os 400 quilómetros que separan a súa casa do Cairo, e chegou tarde á audición. Alí, un compañeiro escoitouno e deixoulle o seu posto, confiando plenamente nas súas posibilidades. O éxito empezou paseniño e con el as protestas e a oposición de grupos relixiosos que vían no evento un intento de occidentalización do lugar, amais dunha incitación ao pecado e unha escusa para esquecer a causa palestina e os seus prisioneiros. Emporiso, Mohammad Assaf logrou conquistar incluso as masas máis críticas e converterse nun “foguete de amor e paz sobrevoando as cidades de Palestina”.

Mohammad Assaf converteuse xa nun fenómeno en Palestina CC-BY-SA Diario de Palestina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.