"Non é a mesma opresión a que sofre unha muller que cobra 700 euros ao mes que a que cobra sete"

Cartaz das xornadas Dominio Público Rede de Dereitos Sociais

Libanesa de orixe, e vivindo a medio camiño entre O Cairo e Barcelona, Leil Zahra Mortada é unha activista anarcofeminista, que nos últimos anos veu realizando un traballo moi activo en Exipto, nas protestas e acampadas, así como en varios colectivos e campañas políticas. É membro fundador da Operación Contra o Acoso/Asalto Sexual (OpAntiSH), dedicada a denunciar e pelexar contra as violacións e acoso sufridos polas mulleres que participaban nas mobilizacións. E tamén se implicou na campaña Non aos Xuizos Militares para Civiles e no colectivo Mosireen.

As mulleres participaron nas protestas en primeira liña, nos mesmos espazos que os homes, rachando coas ideas preconcibidas, maioritarias en occidente, sobre o seu activismo nos países árabes. Leil Zahra Mortada levou a cabo o proxecto audiovisual Palabras de Mulleres da Revolución Exipciano que as mulleres exipcias relatan en primeira persoa, sen intermediarios, a súa experiencia nas protestas, as súas vitorias, así coma os obstáculos e ataques sufridos.  Este xoves ofreceu unha charla na Coruña sobre "Corpos en resistencia, identidades en (re)formación. Entre a revolución e a realidade", dentro das xornadas Soberanías, corpos e territorios, organizadas pola Rede de Dereitos Sociais.

 

A revolución exipcia continúa

"Os grupos máis próximos ás nosas posicións, os grupos de esquerda radical, seguen traballando, a pesar de todo o esgotamento físico e emocional destes últimos anos"

"O pobo exipcio segue nas rúas, as loitas continúan", destaca e comenta que "se intenta facer ver que hai unha dicotomía, que só hai dúas posicións: os militares e os Irmáns Musulmáns, e parece que se te manifestas contra o goberno militar, estás cos Irmáns, e viceversa. Un pouco como en Siria: ou con Assad ou cos islamistas. Pero esquécese que hai outras partes". "Os grupos máis próximos ás nosas posicións, os grupos de esquerda radical, seguen traballando, a pesar de todo o esgotamento físico e emocional destes últimos anos. Creo que iso é moi positivo, a pesar dos obstáculos e de ter sufrido algunhas decepcións, a xente segue creando e segue crendo nas súas loitas. A revolución segue", engade.

"Para min o exército nunca deixou de estar no poder, simplemente ocupou distintas posicións en cada momento. Isto foi máis unha saída do armario que un golpe de estado"

Leil Zahra Mortada rexeita falar de golpe militar para definir a eliminación de Mursi, "porque para min o exército nunca deixou de estar no poder, simplemente ocupou distintas posicións en cada momento. Isto foi máis unha saída do armario que un golpe de estado". E destaca que os militares "están xogando o vello xogo de apelar á ameaza terrorista para limitar as liberdades" e levar a cabo unha "fortísima represión", ao igual que hai anos facía Mubarak.

"O interese mediático sempre provocou máis dano que beneficios en Exipto. Cando os medios de todo o mundo falaban da revolución exipcia, a xente sentía que xa lograran todos os seus obxectivo"

Os medios occidentais xa non falan de Exipto. "Eu son do Líbano, e xa sei como funcionan os medios de comunicación ante un conflito"- di- "Primeiro es portada, despois pasas a ser unha reportaxe polo medio, e acabas relegado a unha nova breve ao final de todo". "No último ano Exipto sae nos medios cando hai algún masacre, pero non seguen a loita diaria da xente, non se dá conta da represión que están sufrindo as activistas coa escusa do perigo terrorista", afirma. Porén, destaca que "o interese mediático sempre provocou máis dano que beneficios en Exipto. Cando os medios de todo o mundo falaban da revolución exipcia, a xente sentía que xa lograran todos os seus obxectivo".

 

As mulleres no mundo árabe

Está crecendo a participación das mulleres no espazo público? "As mulleres no mundo árabe están aí dende sempre, como en todos os países"

Está crecendo a participación das mulleres no espazo público? "As mulleres no mundo árabe están aí dende sempre, como en todos os países" -di- "Alguén que informe sobre España non pregunta polas mulleres, pero si se pregunta en Exipto, por un pensamento colonialista". Destaca, que, a diferenza do feminismo radical en Europa occidental, que traballa "polos espazos non mixtos, pola identidade marcada da muller", en Exipto "os espazos non mixtos son espazos impostos pola relixión" e, polo tanto, "a loita alí é rachar con isto e entrar ao espazo mixto, e reclamar un espazo dentro do espazo mixto".

Lembra que en Exipto as mulleres sufriron unha gran violencia cando nas rúas ocuparon o seu espazo e miraron de cerca aos homes: "Houbo violacións en masa, torturas e violacións nas comisarías, o acoso sexual é un arma moi utilizada na represión das mulleres. Pero ao mesmo tempo hai unha loita moi forte contra iso". Existe a Operación Contra o Acoso/Asalto Sexual (OpAntiSH), que intervén para frear esas agresións. Tamén salienta que estes grupos que traballan en cuestións de xénero teñen medo de que se as súas loitas son recollidas polos medios occidentais "sexan empregados como argumento dos discursos islamófobos".

"Houbo violacións en masa, torturas e violacións nas comisarías, o acoso sexual é un arma moi utilizada na represión das mulleres. Pero ao mesmo tempo hai unha loita moi forte contra iso"

Láiase de que "dende os feminismos europeos hai pouco contacto co que está pasando nos países árabes". "Por ese motivo levamos a cabo o proxecto Palabras de Mulleres da Revolución Exipcia, para que fosen as mulleres exipcias as que contasen para todo o mundo de primeira man cal fora a súa experiencia, e favorecer a comunicación con mulleres doutros países", subliña.

De igual xeito é moi crítica con certas visións que, dende a ignorancia, e mesmo "a xenofobia ou o racismo", se teñen en Occidente sobre a muller nos países árabes: "O veo non é só un tema de imposición relixiosa, senón que nos últimos tempos se converteu nunha identidade política, antiimperialista. E hai que escoitar as mulleres, o que pensan sobre isto, como se posicionan".

É moi crítica con certas visións que, dende a ignorancia, e mesmo "a xenofobia ou o racismo", se teñen en Occidente sobre a muller nos países árabes

E chama a abrir o foco e analizar as "múltipes opresións" que sofren as mulleres. As súas críticas diríxense, en boa medida, contra FEMEN: "A min paréceme guai que haxa un grupo que saia en tetas para protestar contra a reforma da lei do aborto. O que me preocupa é como desacreditan as outras loitas, coma se o feminismo só fose iso. O feminismo está integrado transversalmente en cada cultura. Din que a opresión dunha muller branca, unha muller negra, unha muller francesa e unha muller exipcia é a mesma. Non, non é a mesma. Non é a mesma opresión a que sofre unha muller que cobra 700 euros ao mes que a que sofre outra que cobra 7 euros ao mes". Conclúe que "o patriarcado está detrás de todo, pero hai factores económicos, sociais, colonialistas, que son determinantes e que afectan á situación da muller. Non se pode banalizar, non se pode reducir todo á opresión dunha picha sobre unha cona".

Cartaz das xornadas Dominio Público Rede de Dereitos Sociais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.