O chavismo presenta as eleccións como un plebiscito entre socialismo e neoliberalismo

Máis de 18 millóns de venezolanos estaban chamados ás urnas © El Diario

“Non volverán”, “Chávez vive a loita segue” e "Chávez, xúrocho, o meu voto é por Maduro", foron algúns dos slogans coreados nos mitins de Nicolás Maduro durante a campaña electoral. As filas chavistas quixeron deixar claro que, aínda que Hugo Chávez marchara, os seus plans continuarán a través da figura de Maduro, elixido polo propio Chávez como o seu sucesor. Isto último é algo moi salientado dentro do Partido Socialista venezolano e o propio Maduro lembrouno estes días.

Este mesmo venres o candidato chavista insistía neste aspecto nun artigo publicado no diario británico The Guardian, titulado Baixo o meu mandato a revolución continuará, e no que sinalaba: “Perdemos o noso extraordinario líder, pero o seu proxecto, construído colectivamente por traballadores, campesiños, mulleres, indíxenas, mozas e descendentes de africanos, está máis vivo que nunca”. 

Ao longo da campaña Maduro presentou estas eleccións como un plebiscito entre socialismo e neoliberalismo, entre “revolución e retroceso”. "Eu non estou aquí porque me manteñan os cheques económicos da burguesía rancia caraqueña nin porque me axeonlle ante o imperialismo. A miña única aspiración era ver unha patria libre, de pé e socialista, e iso foi o que nos deu Chávez", proclamou nos seus mitins.


Xornada electoral

As enquisas dan como gañador a Nicolás Maduro por unha media de dez puntos de vantaxe. A diferenza definitiva pola que gañe é en realidade a grande incógnita de hoxe e o que determinará en parte o xogo político dos próximos meses

Máis de 18 millóns de venezolanos -dos 29 millóns que hai neste país- están chamados hoxe a votar. As enquisas dan como gañador a Nicolás Maduro por unha media de dez puntos de vantaxe. A diferenza definitiva pola que gañe é en realidade a grande incógnita de hoxe e o que determinará en parte o xogo político dos próximos meses.

Ao longo da campaña electoral a oposición, con Enrique Capriles á cabeza, expresou desconfianza no árbitro electoral, o Consello Nacional Electoral. "Temos que organizarnos, porque temos un árbitro que non é imparcial”, dixo Capriles. "Teñan a seguridade de que nós respectaremos unicamente a determinación dos venezolanos", engadiu.

 

A mensaxe do chavismo

É difícil atopar unha rúa no centro de Caracas onde non haxa un cartel, unha pintada ou un escrito de apoio ao candidato chavista Nicolás Maduro

Maduro prosegue co legado de Chávez: critica o capitalismo e prescinde de eufemismos. Usa o termo burgués para referirse á oposición política, fala de “patriotismo e revolución”, de “socialismo fronte ao neoliberalismo”, de “independencia fronte ao imperio”, de programas e investimento social.

-”Queren un burgués en Miraflores?”, pregunta nos seus mitins.

-Nooooon, responde a marea humana que o segue.

-”Queren un socialismo bolivariano ou un capitalismo neoliberal?”

-Socialismoooo, clama o público.

Maduro chega aos actos electorais manejando un autobús.

-"A dereita métese con el por ser un traballador antigo condutor de Metro, e el quixo facer gala diso, porque é un traballador e non se avergoña diso, e por iso maneja un bus", explica Melisa, simpatizante do partido socialista.

A linguaxe popular é parte da aposta política de Maduro. Funcionou con Chávez, até o punto que o líder da oposición, Capriles, optou nesta campaña electoral por unha linguaxe máis próxima e por cambiar a súa indumentaria: agora diríxese á xente ataviado cunha gorra, chándal ou camisa remangada.

-”Pero fáltalle chispa, onte só falou unha hora, non ten moita cousa aquí dentro”, dicía este mércores Maduro de Capriles, nun acto público en Falcón ante centos de miles de persoas, onde lembrou algunhas das súas promesas electorais: aumento dos salarios dos traballadores entre un 38 e un 45%, subida de soldos de empregados públicos, vivendas para “a clase obreira organizada”, “organícense e apoiámolos con vivendas”, 360.000 vivendas a nivel nacional.

A prensa antichavista criticou estes anuncios, cualificándoos de irresponsables.

-Eu a eses xornalistas dígolles que estes anuncios os fago de forma responsable tras revisar como vai estar a economía este ano. Hai que retorcerlle o pescozo á inflación, pero mentres tanto hai que protexer o salario dos traballadores, clama Maduro.

 


A oposición

A oposición emprega dúas tácticas diferentes contra Maduro: por unha banda, os xa tradicionais ataques contra o chavismo. Por outro, unha máis nova, na que se insiste que “Maduro non é Chávez”, na que os opositores evitan unha confrontación directa co defunto presidente, conscientes da súa enorme popularidade. 

-”Que gañe Maduro sería terrible” -indica Liliana, residente nun dos barrios máis ricos da capital. E engade:

-”Temos unha grave inflación, inseguridade nas rúas e ademais este goberno quítalle as cousas á xente, van aos lugares e aprópianse deles, quítannolos”, afirma en referencia ás expropiacións que o goberno de Chávez levou a cabo, nacionalizando o 30% da banca e dos latifundios, así como as empresas eléctricas, siderúrxicas e a principal telefónica do país, CANTV.

 


Chávez, agora de todos

Consciente da súa eficacia electoral, a oposición empraga a linguaxe popular cada vez máis, usando termos como pobo ou traballadores, e defendendo os programas sociais e as misións que criticara no pasado

A linguaxe popular, que os medios de comunicación europeos atribúen ao chavismo, non é exclusivo deste. Consciente da súa eficacia electoral, a oposición emprégaa cada vez máis, usando termos como pobo ou traballadores, e defendendo os programas sociais e as misións que criticara no pasado. Os adxectivos están presente nos discursos de Capriles, quen nesta campaña insistiu en presentar a Maduro e o seu equipo como “os enchufados”.

-”Que ninguén se distraia por estas ridiculeces destes enchufados. Este domingo imos desenchufalos con votos!”, dixo Capriles en referencia ao equipo de Nicolás Maduro. “Ninguén llo dixo pero eu dígollo: ti (Maduro) es un vago, basta ver a un traballador para saber quen lle bota bóla e quen non”.

Xunto a Capriles quixo estar esta semana, apoiándoo nun mitin, o cantante Sergio Montaner, quen rezou polos chavistas:

“Pai, pídoche que lles fagas cambiar de opinión, que poñas no seu corazón algo de sentido2, clamou mentres o público entrelazaba as súas mans rezando.

En referencia a Chávez, a quen tanto criticou durante estes pasados anos, Capriles dixo:

Maduro: ”O burgués agora di que é máis chavista que Maduro, di que as misións son encantadoras. E eu dígolle: Non se me disfrace de revolucionario"

-”Nicolás en cen días está a acabar cos 14 anos do presidente da República (Chávez). Vostedes imaxinan seis anos disto?”.

A oposición, que tanto demonizou Chávez en vida, converteuno tras a súa morte nunha ferramenta máis para a súa campaña electoral.

Fronte a iso, Maduro indicaba onte:

-”O burgués agora di que é máis chavista que Maduro, di que as misións son encantadoras. E eu dígolle: Non se me disfrace de revolucionario. Nós podemos cometer un erro, porque ninguén é perfecto, pero eu non pertenzo a ningún grupo de poder económico, non imos traballar polo capitalismo, non me vou axeonllar ante o embaixador gringo”.

 

Máis de 18 millóns de venezolanos estaban chamados ás urnas © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.