O clásico: Palestina contra Israel

Afeccionados palestinos asistindo ao clásico Dominio Público Praza Pública

O blog Diario de Palestina analiza como se viviu nos territorios ocupados o enfrontamento -algo máis que deportivo- entre Barça e Madrido do pasado domingo.

Contan que, hai anos, na época dos enfrontamentos a cantazos e balazos, as rúas palestinas non estaban sucias como agora. Contan que, daquela, aínda non había fútbol, e que este non chegou con Oslo nin ningún outro proceso de paz, senón despois da segunda Intifada. Contan que, dende entón, Palestina non é a mesma. Os graffitis, que en Terra Santa xa se testemuñan dende antes de Cristo, seguen servindo de medio de expresión e incluso como parte ou anal da historia. Así, antes da chegada do fútbol, era normal ver paredes pintadas con estrelas de David tachadas, bandeiras de Israel debuxadas no chan para seren pisadas ou símbolos que fan referencia ao sionismo nos contedores do lixo. Hoxe, esas imaxes substituíronse por emblemas do Madrid e do Barça ous os nomes dos seus xogadores máis famosos.

A historia máis actual conta que os partidos de fútbol entre Barça e Madrid, os clásicos, son motivo de liortas, de rúas cheas colores dos dous equipos e cafés, moitas veces con nomes que fan referencia á Liga Española, onde os seareiros se citan para berrar e animar aos seus. Contan que o sur é máis do Madrid e o Norte do Barça, pero o certo é que as afeccións conviven en todo o país e nas xornadas de fútbol todo se paraliza.

As novas de que Guilad Xalit, o soldado israelí cativo en Gaza durante máis de cinco anos, fora invitado polo Barça para ver o partido, serviu de adestramento para as discusións previas

O último clásico conseguiu traspasar os comentarios deportivos e os debates creceron en torno a que equipo é o que apoia a Palestina e cal a Israel. As novas de que Guilad Xalit, o soldado israelí cativo en Gaza durante máis de cinco anos, fora invitado polo Barça para ver o partido, serviu de adestramento para as discusións previas. En Gaza e Xerusalén houbo protestas, a pesar de que dende Barcelona se afirmase que o club non invitara a Xalit, senón que aceptara a proposta deste de aproveitar a visita á cidade para acudir ao Camp Nou, e do mesmo xeito invitou a tres delegados palestinos.

Mahmud al-Sarsak, o xogador de fútbol de Gaza que deixou o cárcere israelí o pasado xullo, tras tres anos detido sen cargos e despois de tres meses de folga de fame, foi un dos convidados palestinos a presenciar o clásico. Pero o futbolista rexeitou o convite, argumentando que non poden estar nun mesmo nivel vítima e opresor: “Hai unha gran diferenza entre deter un soldado que viste un uniforme militar dentro do seu tanque, leva un rifle e mata xente inocente, e arrestar un futbolista nun punto de control militar cando vai xogar un partido en Cisxordania.”

A prensa palestina e israelí presentaron durante a semana o conflito deportivo como un abandeirado político e así, o xornal hebreo Haaretz publicou unha entrevista con Alfons López Tena, do partido Solidaritat Catalana per la Independència. Nela, o político valenciano mostrou o seu apoio a Israel

A prensa palestina e israelí presentaron durante a semana o conflito deportivo como un abandeirado político e así, o xornal hebreo Haaretz publicou unha entrevista con Alfons López Tena, do partido Solidaritat Catalana per la Independència. Nela, o político valenciano mostrou o seu apoio a Israel, quen “buscou a independencia e gañouna. Reviviu a súa lingua e leva 65 anos enfrontándose á hostilidade das nacións circundantes. Iso explica o noso apoio a Israel e ao pobo xudeu. A nivel persoal, declárome proisraelí e prosionista […]. Israel é un estado democrático e apoiamos os pasos dados para a súa supervivencia e a supervivencia do pobo xudeu. Non temos intencións de criticar o que o seu goberno fai. Buscamos a cooperación con Israel e esperamos que apoie o noso movemento independentista”.

Contan que o fútbol é un escaparate político, ou ao revés, e que en Palestina, a falta de circo e romanos, o deporte serve para rememorar aqueles tempos e manter a poboación contenta e satisfeita, pois sempre cabe a posibilidade de acadar un título. Contan que as bucinas que se escoitan os días dos partidos e as pantallas xigantes que se instalan nalgúns parques só son pasatempos cos que construír a nación; con todo, os paxaros deixaron de construír niños coas pólas dos árbores e fannos con arames.

Afeccionados palestinos asistindo ao clásico Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.