O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, dirixido por Xulio Ríos, vén de publicar a segunda edición do Informe Mundial de Estados de Feito (IMEF) 2013.
Os Estados non recoñecidos son un fenómeno habitual na política contemporánea, un factor clave nas transformacións xeopolíticas actuais. En 2011 o IGADI xa publicou o primeiro informe “coa perspectiva de ofrecer un seguimento periódico destas realidades existentes no sistema internacional” querendo así "contribuír reflectir e dimensionar esta problemática, moi diversa na súa configuración e contidos”. Os Estados de Feito son aqueles territorios que mantendo un control gobernamental e apoio popular sobre un determinado espazo, loitan polo seu recoñecemento internacional como Estados de pleno dereito dentro do marco da Organización das Nacións Unidas. Porén, as súas circunstancias mínimas destes estados son o recoñecemento exterior, autoorganización administrativa que garante a prestación de servizos a unha poboación da que gran parte está asentada en campamentos situados nun terceiro país e un control territorial básico. O IGADI identifica once realidades con estas características: Abxasia, Cosova, Nagorno Karabaj, Osetia do Sur, Palestina, Puntlandia, a República Pridnestroviana de Transnistria, a República Turca do Norte de Chipre, Sáhara Occidental, Somalilandia e Taiwán.
Os Estados de Feito son aqueles territorios que mantendo un control gobernamental e apoio popular sobre un determinado espazo, loitan polo seu recoñecemento internacional como Estados de pleno dereito dentro do marco da Organización das Nacións Unidas.
Situación actual dos Estados de Feito
A situación de Abxasia e Osetia do Sur segue sen estar resolta despois de que rematase o conflicto armado entre Xeorxia e Rusia e ésta as recoñecera formalmente como Estados Independentes. A día de hoxe, tan só Rusia, Venezuela, Nicaragua e os países insulares de Nauru e Tuvalu recoñecen a independencia de Abxasia, polo que se atopa moi illada da comunidade internacional e se ve na obriga de depender de Rusia, sobre todo das súas subvencións, que formaron o 70% do orzamento de 2012 . O 80% do que consume Abxasia tamén é importado de Rusia, así como o principal país ao exporta os seus productos. Algunhas voces críticas denuncia que este fluxo de diñeiro fomenta a corrupción e obstaculiza un desenvolvemento económico propio. Outro ámbito no que a presenza militar é moi grande é o sector militar, incumplindo así o acordo de alto ao fogo segundo o cal Rusia debía reducir o número de tropas en Abxasia, asinado en 2008 entre o ex presidente xeorxiano Mikhail Saakashvili e o ex presidente francés Nicolás Sarkozy.
A situación de Osetia do Sur é, ao igual que Abxasia, dunha total dependencia rusa en termos económicos e financeiros. Ademais permanecen nun limbo político, entre a independencia, a integración na Federación Rusa, fundíndose eventualmente nunha única entidade política con Osetia do Norte, ou incluso, a pesar de que distante, a posibilidade de volver a integrarse con Xeorxia.
O pasado mes de xuño eran 101 os Estados que recoñecen oficialmente Cosova, aínda que continúa sin estar recoñecida como Estado soberano por gran parte da comunidade internacional entre os que destacan Serbia, Rusia, China, España, Grecia, Romanía, Eslovaquia ou Chipre.Porén, o estatuto de membro de Nacións Unidas continúa vedado para este país. A pesar de que OTAN e a Unión Europea continúan presentes no terreo, a supervisión exercida pola comunidade internacional, conforme ás liñas do Plan Ahtisaari, foi levantada en 2012, o que representou un paso importante para a soberanía plena de Cosova. A pesar de todo, o maior obstáculo para acadar a soberanía plena é o recoñecemento de independencia por parte de Serbia e aínda que se teñen dado pasos para normalizar a relación, aínda non chegou o recoñecemento. Segundo os datos do FMI actualmente rexistra a maior taxa de crecemento económico da zona euro, da que forma parte de xeito informal. A pesar disto, permanece como o país máis pobre de Europa.
Actualmente, a República de Nagorno Karabaj non está recoñecida por ningún Estado membro da ONU. Actualmente só está recoñecida por outras entidades non recoñecidas como Abxasia, Osetia do Sur e Transnistria. Non hai investimentos estranxeitos directos nin axuda internacional e a única ONG presente no territorio adicase a retirar minas antipersona. Un feito importante para a República de Nagorno Karabaj é o seu paso de “non libre” a “parcialmente libre” nunha enquisa anual mundial de dereitos civís e liberdades feita por Freedom House, unha organización que analiza a situación dos dereitos humanos. Mentres, Acerbaixán, que é un dos países considerados “non libres” pola mesma organización, esixe un retorno á situación anterior á guerra e afirma que o conflito de Nagorno Karabaj é o resultado da agresión e expansión territorial por parte de Armenia. Segundo o IGADI, actualmente a posición de Bakú “é a de un país que perdeu os seus territorios e apela á comunidade internacional, especialmente a EUA, para obrigar a Armenia a devolver os ‘territorios ocupados’”. O proceso de negociacións está estancado dende xuño de 2011 e en contraste con outros Estados na súa situación, non teñen presenza militar rusa nin das forzas de paz internacionais.
O conflicto da República Árabe Saharauí Democrática é o máis antigo do continente africano levando xa 40 anos loitando pola súa conversión nun Estado de pleno dereito
A República Árabe Saharauí Democrática é outro dos territorios nesta situación, dándose as circunstancias mínimas que son o recoñecemento exterior, autoorganización administrativa que garante a prestación de servizos a unha poboación en boa medida asentada en campamentos situados nun terceiro país e un control territorial básico neste caso por parte da Fronte Polisario, en continuo enfrontamento coa ocupación marroquí. É o conflicto máis antigo do continente africano levando xa 40 anos loitando pola súa conversión nun Estado de pleno dereito baixo a mediación das Nacións Unidas e a supervisión da MINURSO, a Misión das Nacións Unidas para o referendo no Sáhara Occidental. Segundo o IGADI, “o apoio decidido de Francia a Marrocos, a sinuosidade da política estadounidense ao longo de todos estes anos, a defección de España en relación cos seus compromisos e responsabilidades legais e morais, a protección dos seus intereses económicos potenciais na rexión por parte de Rusia ou China e o desinterese de boa parte da comunidade internacional” son parte do motivo de que se prolongue a situación do pobo saharauí, que é o que sofre este “xogo diplomático do que uns son responsables por acción e outros moitos por omisión”. O Estado saharauí, a pesar de que foi proclamado pola Fronte Polisario o 27 de febreiro de 1976 é tan só recoñecido por 82 países entre os que destacan gran parte dos territorios africanos así como Cuba Venezuela, Mexico, Uruguay ou Vietnam pero ningún europeo ou gran potencia polas causas antes citadas.
Somalilandia pola súa parte continúa buscando o recoñecemento internacional que se lle nega desde que en 1991se proclamase como Estado independente, funcionando económica e politicamente á marxe do Estado de Somalia, a pesar de que este país aprobase unha nova Constitución na que pretende incluír esta rexión do noroeste. O status de Somalilandia segue a ser polo tanto unha cuestión na que as posicións se manteñen totalmente opostas.
Ao contrario que Somalilandia, a rexión de Puntlandia, situada ao norte de Somalia, ten como obxectivo a reconstrución do Estado somalí e non pretende proclamarse Estado independente dentro do sistema internacional. Reclama un Estado federal para acabar coa crise política e conseguir unha estabilidade e seguridade maior que está truncada polas disputas territoriais entre Puntlandia, Somalilandia e a nova rexión do Estado de Khatumo que se sitúa na zona en disputa de Sool, Sanaag e Cayn. A pesar de todo, Puntalandia conta cunha estabilidade e seguridade moito maior que a do resto do país, converténdose nunha entidade independente, constitucional e administrativamente con bastantes apoios internacionais, como a de un grupo de doantes que apoia o seu proceso democrático através do Democratization Programme Steering Committee entre entre os que está a Unión Europea, Dinamarca, Noruega, Suecia, Suíza, o DFID (Reino Unido) e a USAID (EUA)., que buscan que Puntlandia se erixa como un modelo a seguir para as demais rexións autónomas de Somalia.
Somalia é un dos países con maiores disputas territoriais sobre todo entre Puntlandia, Somalilandia e a nova rexión do Estado de Khatumo
A República Moldava Pridnestroviana, tamén coñecida como República de Transnistria, é un país situado entre Moldova e Ucraína con capital en Tiráspol. A pesar de que dispón de todos os atributos dun Estado soberano como son o territorio, a poboación e un poder efectivo non está recoñecido polos Estados parte da ONU. Oficialmente forma parte da República de Moldova, pero na práctica, desde a década dos 90 Chisinau non efectúa ningún control efectivo baixo o seu territorio. O escenario máis probable segundo o IGADI é “unicamente máis enfriamento nas relacións entre os interesados, provocado polo distanciamento dos obxectivos da súa política exterior”.
A República Turca do Norte de Chipre é un estado de feito que controla o terzo norte da illa de Chipre coa que comparte capital, Nicosia. Turquía é o único país que a recoñece, os demais gobernos e as Nacións Unidas recoñecen a soberanía da República de Chipre en toda a illa. A situación non tivo cambios políticos significativos nos últimos anos, non obstante, o contexto actual vese mais ben fragmentado e de difícil solución por dous motivos principais, un prolongado período de parálise e a situación de crise que levou a Chipre a pedir un rescate baixo a tutela da “troika”. O futuro da República Turca no Norte de Chipre está truncado sobre todo tras o descubrimento de xacementos de petróleo e gas natural existentes no Mediterráneo Sur, localizados dentro da plataforma marítima da illa mentras Turquía segue a solicitar a opción de “dous Estados” ao igual que en Palestina. Segundo o IGADI, a previsión máis razoable será a do mantemento do status quo no contencioso chipriota á espera de saber como evoluciona a crise económica e a opción dos “dous Estados” defendida pola diplomacia turca.
Oma Yu-Ting Lu escribe para o IGADI que podemos situar a Taiwán noutra xeografía, máis alá de atoparse fronte ás costas da provincia chinesa de Fujian, nun estreito imaxinario que separa os desexos e as realidades, o desexo de ser un Estado de dereito e a realidade de selo tan só de feito. Dende o 2008 o partido Kuomintang con Ma Ying-jeou á cabeza, dirixe o país e, a pesar de que lograron avances na relación con China continental e os EUA, a economía aínda ten que esperar para dar síntomas de recuperación. A pesar de todo, e despois dalgún caso de corrupción e a subida de tarifas, a popularidade de Ma Ying-jeou baixou radicalmente e o Partido Democrático Progresista (PDP) ten moitas probabilidades de gañas as próximas eleccións. Taiwán sitúase prácticamente non limbo diplomático, non pertence a prácticamente ningunha organización internacional e son poucos os países que o recoñecen como Estado independiente pero case todos manteñen contactos económicos e políticos.
Por último, e quizais das máis coñecidas, é a causa en Palestina. O seu principal obstáculo é a crecente presenza da ocupación militar israelí, “concretada na súa escalada colonizadora, fragmentación e illamento dos territorios palestinos”, afirma o IGADI. Esta situación imposibilita a construción dun Estado palestino con continuidade territorial, unión demográfica e viabilidade económica. Neste sentido, a política israelí é contraria á resolución de dous Estados, “e non semella posibilitar máis escenarios que os oscilantes entre o actual statu quo de apartheid e un futuro Estado unitario, binacional e
democrático”, afirma o IGADI. A pesar de todo, este 2013 Palestina vía elevado o seu status na ONU, pasando da inicial condición de entidade observadora que tiña a Organización para a Liberación de Palestina (OLP)á de Estado observador non membro. O éxito era só parcial dado que non lograba alcanzar o seu máximo obxectivo: ingresar como Estado membro de pleno dereito na ONU. A presenza da ocupación militar israelí exclúe a existencia dun Estado palestino, pois socava un dos tres elementos constitutivos dun Estado, a súa soberanía. Segundo o Dereito Internacional, “un Estado debe posuír un territorio delimitado, unha poboación permanente e un goberno que despregue os seus poderes soberanos dun xeito interno (sobre o territorio e a poboación asentada no mesmo) e externa (nas súas relacións e compromisos con outros Estados e suxeitos do Dereito Internacional)”.
A actual entidade palestina ten estes tres elementos, pero en teoría o seu Goberno , a Autoridade Palestina (AP), ten mermada a súa soberanía pola potencia militar ocupante. Segundo recolle o IGADI do National Intelligence Council, Global Trends 2030: Alternative Worlds do 2012, en torno a 2030 terase configurado un Estado palestino de feito. “Non sería froito da resolución definitiva do conflito, ou ben dun acordo bilateral de paz coa OLP/AP, senón resultado de medidas unilaterais, graduais e indefinidas. En suma, desde a actual posición de blindaxe de Israel na sociedade internacional, semella menos gravoso prolongar o actual statu quo de apartheid que asumir os custes da súa retirada dos territorios palestinos para implementar a solución dos dous Estados”
A situación de Abxasia, Cosova, Nagorno Karabaj, Osetia do Sur, Palestina, Puntlandia, a República Pridnestroviana de Transnistria, a República Turca do Norte de Chipre, Sáhara Occidental, Somalilandia e Taiwán son once exemplos de Estados de feito que soñan con ser de dereito, unha situación cada vez máis común e á vez menos recoñecida.