Sánchez, primeiro presidente da UE que se posiciona antes de que sexa pública unha postura común europea, dá un ultimátum a Maduro: “Non buscamos poñer ou quitar gobernos, queremos eleccións libres”
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, vén de anuncar que España recoñecerá ao presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Juan Guaidó, como presidente do país no caso de que non se convoquen eleccións no próximos oito días. "España dá oito días a Nicolás Maduro para convocar eleccións e, se non ocorre, recoñeceremos a Juan Guaidó como presidente", declarou Sánchez nunha comparecencia no Palacio da Moncloa sen preguntas.
Sánchez é o primeiro presidente dos 28 que se posiciona antes de que sexa pública unha postura común da Unión Europea. O líder do Executivo presumiu de liderar a posición na UE e insistiu en que expuxo o recoñecemento desde o mércores pasado, cando se reuniu en Davos con varios líderes latinoamericanos: "A iniciativa miña, cambiamos puntos de vista con Costa Rica, Ecuador e Colombia. Todos me expresaron claramente a súa confianza de que España estivese xunto a eles".
"España liderou a posición da UE pola liberdade, en coherencia como responsabilidade como membro da comunidade iberoamericana", di Sánchez
Segundo Sánchez, a postura do Executivo español responde a unha "posición clara e compartida cos membros da Unión". "En todo momento España liderou a posición da UE pola liberdade e facémolo en coherencia como responsabilidade como membro da comunidade iberoamericana", engadiu.
Poucos minutos despois da intervención de Sánchez, Francia e Alemaña fixeron tamén pública a súa postura similar.
Sánchez xa trasladou a Guaidó o xoves, por medio dunha chamada telefónica realizada nun receso do Foro de Davos, a "coraxe" que está a demostrar como presidente da Asemblea Nacional
Este venres, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, o ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, asegurou que o Goberno propuxo aos seus socios da UE que esta esixa ao "réxime" venezolano a convocatoria de eleccións cun "prazo temporal" e que, se non o cumpre, se propoñan outras medidas como "o recoñecemento do presidente interino, para que sexa a Asemblea quen convoque as eleccións".
Sánchez xa trasladou a Guaidó o xoves, por medio dunha chamada telefónica realizada nun receso do Foro de Davos, a "coraxe" que está a demostrar como presidente da Asemblea Nacional e que España apoia a celebración dunhas "eleccións libres, democráticas e transparentes".