O Goberno portugués cede á presión da rúa e dá marcha atrás no recorte dos salarios

Manifestación contra os plans de austeridade en Lisboa © CGTP

O Goberno de Passos Coelho recúa nos seus plans de recorte. Hai unhas semanas anunciara que se ía incrementar do 11% ao 18% a cantidade que se retén dos soldos para a seguridade social. Porén, a achega das empresas baixaria do actual 23,75% ao 18%, algo polo que o primeiro ministro foi cualificado de "robin hood ao revés". Pero as masivas manifestacións que tiveron lugar o pasado sábado, a presión social continua e as enquisas desfavorables para o seu partido, o PSD, parecen ter forzado a Passos Coelho a rectificar.

Fíxoo nunha maratoniana reunión do Consello de Estado, convocado por el Presidente de la República, Aníbal Cavaco Silva, que durou até a madrugada e que mantivo a milleiros de manifestantes concentrados ás portas do pazo presidencial en Belém. O Goberno terá que atopar outra forma de recortar gastos ou incrementar os ingresos e parece que o luns podería anunciar novas medidas, coma o recorte nas pagas extras ou subas de impostos. Cómpre lembrar que nun primeiro momento o Goberno aprobara a supresión das dúas pagas extra a todos os funcionarios públicos e xubilados que gañasen cando menos mil euros ao mes. Porén, o Tribunal Constitucional rexeitou a medida ao considerala inxusta pois non afectaba a todos os traballadores portugueses.

Esta semana publicouse unha sondaxe que amosaba o desgaste do gobernante PSD, que obtería só o 24% dos votos (39% nas eleccións de 2011), un descenso que non sería apenas aproveitado polo PS que quedaría no 31% (29% en 2011), nin pola dereita populista do CDS-PP que se move no 7% (12% en 2011). En cambio, produciríase un xiro á esquerda, con ascensos para a CDU (do 8 ao 13%) e o Bloco de Esquerdas (do 5 ao 11%).

Manifestación contra os plans de austeridade en Lisboa © CGTP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.