O IGADI publica o seu informe anual sobre a política chinesa

As reformas chinesas miran cara ao ano 2020 Dominio Público Praza Pública

Hai case unha década que o IGADI botou a andar, en colaboración coa Casa Asia o Observatorio da Política Chinesa, que todos os anos edita un informe que recolle o máis relevante da actualidade política desta superpotencia. O informe 2014, que vén de ser publicado, repasa nas súas case noventa páxinas o que cualifica de "un ano curto na política chinesa". Iniciado en marzo, coas sesións lexislativas nas que se culminou a transición no cumio do poder tras o XVIII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh), celebrado a finais de 2012, e finalizado en realidade en novembro, coa Terceira Sesión Plenaria do Comité Central, "que definiu a axenda da nova fase da reforma, a que debe conducir a China en 2020 (en 2021 celebrarase o centenario do PCCh) ao obxectivo dunha sociedade acomodada, sentando as bases definitivas dunha transformación que culminaría a modernización en 2049 (centenario da fundación da República Popular China)".

O informe, que chega á súa oitava edición, debulla as claves que determinan o devir da axenda chinesa nas ordes política, ideolóxica, económica, social, ambiental, dereitos humanos, nacionalidades minoritarias, cultural, tecnolóxico, as relacións con Taiwan e en materia de política exterior, completadas cunha ampla cronoloxía que nos ofrece un fiel retrato dos feitos máis destacados que acapararon a atención, tanto interna como internacional. O texto afonda ademais nos cambios operados nas elites territoriais e ao impacto da loita contra a corrupción nas elites dirixentes, tanto a nivel local como central.

Destaca, igualmente, que "en 2014 China debe iniciar a materialización das políticas aprobadas en novembro". Algunhas xa foron implementadas pola Asemblea Popular Nacional, como as modificacións en materia de planificación familiar, e outras van tendo o seu reflexo experimental na Zona Piloto de Libre Comercio de Xangai, que pode marcar o rumbo para o conxunto do país nos vindieros anos. O informe conclúe que "sexa como for, 2014 traerá novidades que só poden comprenderse a partir dos debates que tiveron lugar en 2013. De aí a importancia dunha aprehensión das súas vectores esenciais, unha tarefa á que pretende contribuír este novo informe".

As reformas chinesas miran cara ao ano 2020 Dominio Público Praza Pública
Capa do informe Dominio Público IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.