O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) fixo pública unha proposta dirixida aos partidos politicos que concorren ás eleccións do 21-O e ao goberno que se forme despois dos comicios e centrada principalmente na demanda de que Galicia potencie a súa acción exterior. O IGADI considera que "que Galicia o faga para a promoción dos seus intereses é un exercicio de responsabilidade" e afirma que "contamos con valores específicos que ningún goberno central vai potenciar na dimensión necesaria nin coa sensibilidade e coñecemento precisos". E conclúe: "Cómpre ir construíndo unha marca propia no mundo, entre todos, de xeito teimudo e coordinado".
"Cómpre ir construíndo unha marca propia no mundo, entre todos, de xeito teimudo e coordinado"
En consecuencia o instituto demanda que Galicia desenvolva "unha acción exterior centrada na defensa e promoción dos seus intereses específicos, isto é, que parta da nosa identidade no sentido máis amplo (lingua, condición marítima, presenza empresarial, diáspora, etc.) para proxectala no mundo con afán universalizador, poñendo en valor as nosas capacidades, atributos e singularidades, cunha taxa de retorno que se traduce en autoestima pero igualmente en oportunidades de crecemento, de creación de riqueza e de emprego".
Engade que "sen menoscabo da importancia da diplomacia económica debe integrar outras potencialidades que poden reforzar o seu peso específico e gañar impacto e efectividade" e salienta principalmente "os vínculos coa lusofonía".
Rexéitase "calquera hipótese recentralizadora" que "en aras dunha demagóxica economía de recursos elimine as achegas positivas e complementarias que poida aportar"
Cren, ademais, que a acción exterior debe ser entendida "como política pública". Finalmente, rexéitase "calquera hipótese recentralizadora" que "en aras dunha demagóxica economía de recursos elimine as achegas positivas e complementarias que poida aportar". Neste senso suxírese a creación dunha conferencia sectorial Estado-CCAA en materia de acción exterior "acompañada de medidas de recoñecemento e dignificación dos servizos exteriores autonómicos que contribúan a renovar o facer diplomático estatal".