O IGADI reclámalle á Xunta e á sociedade galega un impulso á acción exterior

Capa do informe © IGADI

O IGADI vén de presentar We in the World 2014, o seu informe anual sobre a acción exterior de Galicia, no que denuncia unha vez máis o "desleixo" do Goberno galego nesta materia, pero no que tamén realiza unha apelación á sociedade galega no seu conxunto para pedirlle unha maior compromiso neste eido. Na introdución ao informe, os responsables do IGADI sinalan que este "desleixo que vive esta política pública no noso país", nos leva a "estar no mundo como moito a medias cos recorrentes argumentos da eficiencia e o aforro de recursos". E engaden "un apelo para conformar unha alianza plural e construtiva desde a propia sociedade, capaz de prover a enerxía, a altura de miras e o dinamismo político que Galicia precisa no ámbito da acción exterior e do que, á vista da súa orientación e acción, carecen as autoridades".

O IGADI fai "un apelo para conformar unha alianza plural e construtiva desde a propia sociedade, capaz de prover a enerxía, a altura de miras e o dinamismo político que Galicia precisa no ámbito da acción exterior"

O IGADI pregúntase "se temos unha sociedade suficientemente comprometida coa importancia da acción exterior" e destaca que "hai proxectos de persoas, de empresas, de entidades e outros actores diversos que seguen a pular nese ámbito conscientes de que nel é que se xogan o seu futuro" a sabendas "de que na dirección do público non hai ninguén disposto a coller o temón, a non ser para actuar como valedor dun selecto grupo de grandes empresas". Conclúen que "se a Galicia que queremos ver no mundo é mais ca iso, é hora de que a sociedade demostre a súa capacidade para trenzar estratexias propias, cunha cultura de acción capaz de transcender as estratexias individuais para avanzar na conformación de plataformas con ideas construtivas que superen as eivas do público para salientar as potencialidades do colectivo".

"Se a Galicia que queremos ver no mundo é mais ca iso, é hora de que a sociedade demostre a súa capacidade para trenzar estratexias propias, cunha cultura de acción capaz de transcender as estratexias individuais"

En sintonía con estas críticas, o pasado mes de outubro Xulio Ríos, director do IGADI, presentaba a súa dimisión no Consello de Acción Exterior de Galicia debido "á total inoperancia deste organismo, que leva varios anos sen convocarse nin en pleno nin en comisións", unha "lóxica consecuencia", engadía, "da acción dun goberno que non cre na acción exterior e que impulsou unha visión totalmente reducionista neste ámbito da xestión pública, propiciando un atraso de décadas no impulso exterior de Galicia". Unha dimisión que volve explicar nun texto, "Vida paixón e morte do CAEX", que pecha este informe.

O pasado ano, no anterior informe, o IGADI denunciaba que o anteproxecto de Lei de Acción e Servizo Exterior promovido polo Goberno central pretendía limitar a proxección exterior das autonomías e "baleirar de sentido o autogoberno", afrouxando todas as dimensións da proxección exterior que non garden unha estreita relación coa internacionalización económica ou a captación de fondos europeos. Naquela ocasión Xulio Ríos destacaba que carece de sentido "reducir a acción exterior a unha política subsectorial ou diplomacia económica, especialmente no caso das nacionalidades históricas" e engadía que "a cultura, a diáspora, etcétera., son variables a incorporar nesta dimensión evidenciando a transversabilidade dunha política que perde consistencia se non é integral".

 

De Pescanova á viaxe de Feijoo a Cuba

O informe debulla nunha ducia de textos outros tantos asuntos relacionados coa proxección exterior de Galicia, tanto no eido económico, político ou cultural e social

O informe debulla nunha ducia de textos outros tantos asuntos relacionados coa proxección exterior de Galicia, tanto no eido económico, político ou cultural e social, dende a internacionalización das empresas galegas, cunha atención destacada ao crítico proceso que vive Pescanova, até a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal ou a cooperación transfronteiriza, e a recente visita de Núñez Feijoo a Cuba. Estes son os artigos publicados neste anuario: O perfil comercial de Galicia (Xoán López Facal), Fin de ciclo para a empresa galega? O caso Pescanova (Lara Graña e Santiago Lago Peñas), Bancos sen banqueiros (Enrique Sáez Ponte), A Cooperación Transfronteiriza (2014-2020) nun contexto de crise económica (Roberto Mansilla Blanco), Unha Eurorrexión en movemento (Luis Vilachá), A unión das comunidades galegas no exterior. Unha galeguidade para o século XXI (Antonio Rodríguez Miranda), O Presidente Feijóo en Cuba (Felix Soria), Á terceira non vai a vencida: a propósito do III Plan Director da cooperación galega ao desenvolvemento 2014-2017 (Emilio M. Martinez Rivas), O libro galego no mundo: imaxinación e vontade (Xosé Manuel Figueiras), A Asociación Mexicana de Oficinas de Asuntos Internacionais dos Estados (Manuel Martinez Justo), A nova xeira da Unión Europea (Celso Cancela), Vida, paixón e morte do CAEX (Xulio Ríos).

Capa do informe © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.