O novo 'Tempo Exterior' describe as tendencias dun mundo en cambio acelerado

Capa do número 29 de 'Tempo Exterior' © IGADI

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) vén de publicar o número 29 da súa revista Tempo Exterior, dirixida por Xulio Ríos, centrada nos cambios que se albiscan na contorna internacional, coma o declive estadounidense ou a evolución dos BRICS.

Dende o IGADI destácase que os acontecementos globais durante 2014 "permitiron acelerar os inevitables cambios que agardan ao sistema internacional nas próximas décadas". A crise ucraína retornou a confrontación entre Rusia e Occidente, sepultando así a etapa da posguerra fría iniciada en 1991. O conflito de Oriente Medio (Siria, Iraq) e particularmente a reaparición do yihadismo militante a través do Estado Islámico, confirma o fracaso da política estadounidense na rexión.

Paralelamente, sinalan "China avanzou na definición de pautas de actuación alternativas de cara á conformación dun mundo multipolar, especialmente en canto á cooperación económica e financeira no marco dos BRICS, así como nos trazos de creación dun novo sistema monetario internacional que substitúa ao hexemónico modelo Bretton Woods". De igual xeito, lembran, no marco dunha Europa sumida na crise socioeconómica e polarizada pola aparición electoral de tendencias políticas antisistémicas, cobra particular relevancia o pulso establecido polos nacionalismos non estatais (Escocia, Cataluña) á hora de definir unha nova relación política centro-periferia así como con Bruxelas.

Dúas achegas reflexionan sobre "a inevitable declive da hexemonía estadounidense" non só circunscrita á súa diplomacia ou aos imperativos xeopolíticos e de seguridade "senón tamén nunha inédita avaría institucional"

Jared D. Larson ("Un declive auto-imposto: a avaría institucional da política estadounidense") e Alfredo Toro Hardy ("Estados Unidos: O declive das súas águias imperiais") reflexionan sobre "a inevitable declive da hexemonía estadounidense" non só circunscrita á súa diplomacia ou aos imperativos xeopolíticos e de seguridade "senón tamén nunha inédita avaría institucional que obstaculiza o seu quefacer gobernamental", un aspecto particularmente relevante tralo triunfo republicano nas lexislativas estadounidenses de novembro pasado e de cara ás expectativas presidenciais de 2016.

Flávio Wolf de Aguiar ("BRICS: origem, estado atual e futuro"), Sàlvia López Matas ("Cara un novo sistema monetario internacional?") e Álvaro Malaina e Liying Zhou ("Os BRICS como ferramenta económica de China nun novo mundo multipolar") afondan na construción dun mundo non hexemónico na que cobra relevancia o ascenso das opcións multilaterais, traducidas na axenda establecida durante o VI Cumio dos BRICS celebrado en Fortaleza (Brasil) en xullo de 2014. Describen a natureza dos BRICS e as súas demandas á hora de constituír un sistema multipolar non hexemónico particularmente visible na súa pretensión de crear un novo sistema financeiro e monetario a través de novas ferramentas como o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e o Acordo de Reservas de Continxencia (ARC), que permiten intuír o peso que cobrará China á hora de consolidar o seu ascenso global a través da potenciación deste organismo, especialmente no apartado económico e financeiro.

Varios textos describen a natureza dos BRICS e as súas demandas á hora de constituír un sistema multipolar non hexemónico particularmente visible na súa pretensión de crear un novo sistema financeiro e monetario

Finalmente, textos de Teresa Barro ("O referendo de Escocia e o futuro do Reino Unido") e Sandrina Ferreira Antunes ("Yes Scotland versus Better Together: desconstruindo o processo político para além dos slogans") subliñan a repercusión acadada polo referendo soberanista en Escocia. E Jordi Solé i Ferrando ("O ‘Acord Nacional d´Acció Exterior’: a construción participativa dunha nova política exterior") escribe sobre a construción dunha paradiplomacia deseñada coa participación da sociedade civil.

 

Conferencia Anual Plácido Castro

Muxía acolle este venres a XVI Conferencia Anual Plácido Castro, que este ano tratará sobre a vixencia do humanismo. A conferencia será impartida pola licenciada e doutora en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, África López Souto. O tema da súa tese foi O individuo na filosofía de Michel Foucault.

Dende a Fundación Plácido Castro destácase que unha das características da xeración do galeguista "foi o seu saber enciclopédico, produto dunha formación coidada que prestaba moita atención á transmisión dunha bagaxe cultural ampla e sólida. Ese amplo saber, que nutría unha fonda sensibilidade, tradúcese nunha peculiar devoción polas linguas e a tradución, polas artes e a razón, entre outros".

A relación de Castro con Muxía, que a Fundación quere reivindicar, rememora os días posteriores á guerra civil, cando foi acollido nesa vila na casa duns familiares mentres, probablemente, a súa familia procuraba unha saída á súa situación. Naquel tempo membro destacado do Partido Galeguista e integrante do seu cumio directivo, acabou por ser condenado a quince anos de inhabilitación absoluta e a oito anos e un día de desterro a máis de 100 quilómetros de Muxía, ademais de ter que aboar unha multa de 25.000 pesetas.

Capa do número 29 de 'Tempo Exterior' © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.