O 1 de marzo de 1493 a carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, arribou a Baiona coa noticia de que ao outro lado do Atlántico había terra. Outros navegantes europeos xa pisaran América antes, pero ninguén o divulgara coa relevancia que acadaría a nova que aquel día se espallou desde Baiona e que a vila miñorana conmemora esta fin de semana coa súa Festa da Arribada. Esta celebración veuse celebrando mentres o pasaporte español teimou, durante case tres lustros, en darlle o protagonismo a Lisboa, a onde arribaría Cristóbal Colón uns días máis tarde.
En 2003 o Ministerio do Interior mudou o deseño dos anteriores pasaportes para homoxeneizalo cos do resto da Unión Europea. Na segunda páxina dos novos reproduciuse unha imaxe co suposto traxecto de ida e volta realizado pola expedición de Colón. Pero nela o trazo da liña de retorno remata na metade da costa atlántica da Península Ibérica, no que podería ser Lisboa, a onde chegou Colón a bordo da Niña, e non máis ao norte, en Baiona, a onde arribara Pinzón uns días antes a bordo da Pinta.
Desde que o Concello de Baiona foi coñecedor dese debuxo, sucesivos gobernos locais de todas as cores, apoiados no Congreso polo BNG, reclamaron a gobernos estatais de PP e PSOE unha corrección. En todas as ocasións houbo boas palabras por parte de Madrid: nunha seguinte reedición dos pasaportes mudaríase o debuxo, dicían, pero non se fixo ata a súa última edición, na que o roteiro errado desapareceu.
Coa polémica xa fóra dos pasaportes a vila celebra esta fin de semana a súa Festa da Arribada, de Interese Turístico Internacional, unha recreación daqueles feitos que se vén celebrando desde 1996 e que ten aparellado un dos primeiros mercados "medievais” que tanto se esparexerían despois por toda a xeografía galega. Este venres os actos institucionais en lembranza de Pinzón foron encabezados polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen asegurou que "a Galicia que vivimos hoxe está chea de Baionas que lle abren a porta á innovación". "Queremos seguir sendo o porto seguro de calquera americano, calquera europeo que queira vir aquí", afirmou tras evocar a "antigüidade" na que o océano Atlántico actuou como un "gran muro".