Unha traxedia sen precedentes. Unha treboada seca semella estar, segundo as primeiras investigacións, na orixe do tráxico incendio de Pedrógão Grande, un municipio do centro de Portugal situado a apenas 60 quilómetros ao sur-leste de Coímbra, no distrito de Leiria. O lume comezou contra as tres da tarde do sábado na contoran de Escalos Fundeiros, onde as altas temperaturas e os fortes ventos contribuíron a estendelo moi rapidamente e tamén a atrapar na estrada a boa parte das vítimas mortais, que contra as dúas da tarde, hora galega, eran xa 61 tras aclarar o Goberno que houbo "un registo duplicado" e ratificar tamén a declaración de tres días de loito.
A estrada que une Figueiró dos Vinhos e Castanheira de Pêra foi o escenario do peor desta traxedia, segundo informa o xornal Público. Foi alí onde moitas das persoas falecidas tentaron, sen éxito, escapar do lume. "Vários carros não conseguiram sair e as pessoas ficaram carbonizadas dentro dos seus carros", describiu o secretário de Estado da Administração Interna, Jorge Gomes, en declaracións que recolle o Jornal de Leiria. Os cadáveres foron atopados nos automóbiles pero tamén fóra deles, ás beiras da estrada, así como noutros puntos da área afectada, na que a RTP amosa un "rasto de destruição" en forma de vivendas, vehículos e terreos arrasados polas lapas, que feriron outras 62 persoas máis. A magnitude da traxedia pode ser observada no vídeo gravado pola canle de noticias SIC dende un dron.
Ao contrario do acontecido noutras ocasións, neste incendio a orixe intencionada desbotouse moi rapidamente. Así, o propio primeiro ministro, António Costa, apuntaba a "sucessão de trovoadas secas" que sufriron a área de Coimbra e o Norte do Alentejo como posible causa. Esta posibilidade foi ratificada horas despois polo director nacional da Polícia Judiciária, José Maria de Almeida Rodrigues, que en declaracións á axencia Lusa recollidas por Público aclarou que este corpo e a Garda Nacional Republicana xa "determinaron" a orixe do incendio. "Tudo aponta muito claramente para que sejam causas naturais. Inclusivamente encontrámos a árvore que foi atingida por um raio".
"Tudo aponta muito claramente para que sejam causas naturais. Inclusivamente encontrámos a árvore que foi atingida por um raio"
Para o presidente da Liga dos Bombeiros -que agrupa todos os tipos de bombeiros do país veciño-, Jaime Marta Soares, o incendio de Pedrógão Grande é "algo descomunal, nunca nunca visto nem imaginável devido à brutalidade da progressão das chamas, a rapidez com que se desenvolveram", segundo recolle Rádio Renascença. "Perante um cenário destes, uma situação absolutamente incontrolável, de uma violência absolutamente anormal, as forças de combate rapidamente agiram dentro daquilo que são as práticas e os conhecimentos adquiridos, com competência, com profissionalismo", afirmou. Mentres, autoridades e prensa local subliñan tamén que "a ajudar a violência do fogo pode ter estado a natureza do coberto vegetal da região, composto por mais de 90% de eucalipto".
A Xunta ofreceu un camión da Axencia Galega de Emerxencias, dúas cisternas de auga e prazas hospitalarias
Neste contexto o Goberno portugués declarou o estado de emerxencia e a Comisión Europea activou o Mecanismo de Protección Civil da UE para enviar avións de extinción de incendios procedentes doutros Estados membros como Francia e España. A Xunta, pola súa banda, fixo público un comunicado na tarde deste domingo no que indica que ofreceu, a través da Comisión de Coordinación do Norte de Portugal, a dispoñibilidade do camión do posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias e dúas cisternas con cadanseus depósitos de 25.000 litros de auga. Adicionalmente, indica, o Sergas "informa da súa disposición a habilitar prazas para atención aos feridos nos hospitais galegos", nomeadamente nas unidades de queimados da Coruña e Vigo.
A mediodía deste domingo o número de efectivos a traballar na extinción superaban os 600, segundo datos de Protección Civil de Portugal, asistidos por 216 vehículos e 4 aeronaves. Portugal padece este domingo outros catro grandes incendios forestais. Segundo indica o Goberno portugués, foi imposible "ter os meios aéreos mais cedo porque a nuvem de fumo era tão forte que os helicópteros e os Canadair não tinham visibilidade" a primeiras horas da mañá.