O Reino Unido e a Unión Europea retomaron esta semana unhas negociacións críticas para decidir que tipo de relación comercial terán ambos bloques a partir de xaneiro.
Malia que son moitos os flocos aínda por pechar, o debate, que debera rematar o venres, xirará sobretodo arredor do último movemento feito polo Goberno británico: a nova lei do Mercado Interno aprobada polo Parlamento de Westminster en setembro que anula parcialmente o acordo de divorcio coa UE que o propio primeiro ministro, Boris Johnson, asinara.
Bruxelas esixiu a retirada desta lei como requisito básico para pechar un novo tratado comercial, até o punto de que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, anunciou este xoves que emprenderá medidas legais contra esta norma.
A razón de fondo desta última xogada de Londres ten que ver cos malabarismos que Johnson está tratando de facer para encaixar a Irlanda do Norte no Reino Unido posBrexit e ao mesmo tempo aproveitar as novas posibilidades que ofrece saír da UE.
Coa fin de evitar unha fronteira física entre Irlanda do Norte e a República de Irlanda que reavivase o conflito armado pechado nos 90, Londres aceptou manter a Irlanda do Norte baixo o paraugas legal da Unión Europea, de forma que a fronteira física entre o mercado común e o Reino Unido estaría no mar de Irlanda a partir de xaneiro de 2021.
Esta cláusula, que Boris vendeu en outubro como a grande solución para desbloquear as negociacións con Bruxelas, semella agora non ser compatible coa ambición de Londres de regular o mercado interno no Reino Unido, é dicir, crear as regras que rexerán o comercio entre Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda do Norte a partir do 1 de xaneiro.
Velaí o dilema de Jonhson: como manter ao mesmo tempo un mercado único británico liberado das regulamentacións de Bruxelas cando un dos seus territorios ten que seguir vinculado ás normas da UE?
E velaí o dilema de Boris: como manter ao mesmo tempo un mercado único británico liberado dos corsés regulatorios de Bruxelas cando un dos seus territorios ten que seguir vinculado ás normas da UE? A solución de Boris neste cruce de camiños foi pisar ferro a fondo e aprobar esta lei do Mercado Interno, que outorgará ao Parlamento de Westminster o dereito a romper unilateralmente o asinado con Bruxelas.
O principal obstáculo que a regulación comercial europea formula a Boris Johnson ten que ver coas restricións aos subsidios ao sector privado. Paradoxalmente, un Goberno conservador semella disposto a renunciar a calquera tipo de vantaxe á hora de comerciar con Europa e mesmo arriscarse a propiciar un novo conflito en Irlanda a cambio de ter liberdade para intervir máis na economía pola vía das subvencións.
A grande pregunta nas últimas semanas na prensa británica era “a que xoga Boris?”, e a resposta maioritaria dos diarios económicos é que xoga a promover desde o Estado un novo sector tecnolóxico. En liña coa filosofía do que é o principal asesor de Boris, Dominic Cummings, o Goberno de Londres querería ter as mans libres para impulsar coa axuda do orzamento público xigantes tecnolóxicos capaces de rivalizar no futuro cos grandes grupos da China e os Estados Unidos.
Outro dos puntos de fricción entre ambos bloques ten que ver co acceso da frota pesqueira europea aos caladoiros de peixe británico. A aposta de Londres atinxiría á frota galega do Gran Sol
Desde a UE consideran difícil facer compatibles os obxectivos de Londres coa permanencia de Irlanda baixo o paraugas legal comunitario, pero semella que ambos equipos negociadores ven posibilidades de chegar a unha solución intermedia traballando na letra pequena e acordando excepcións moi definidas que respecten os principios de competencia europeos.
Outro dos puntos de fricción entre ambos bloques ten que ver co acceso da frota pesqueira europea aos caladoiros de peixe británicos. A aposta de Londres sobre este asunto, que afectaría por exemplo á frota galega do Gran Sol, sería reducir os actuais dereitos da frota europea nas súas augas de forma progresiva ao longo dos próximos anos.
O Parlamento europeo deberá someter a votación o novo tratado comercial co Reino Unido a finais de novembro, o que obriga a finalizar as negociacións a finais de outubro, dacordo cos prazos de Bruxelas. Se non houbese acordo, o Reino Unido e a Unión Europea pasarían a comerciar a partir do 1 de xaneiro baixo o sistema de aranceis da Organización Mundial do Comercio.