Obama gaña e gobernará catro anos máis

Obama celebra a vitoria con Joe Biden Dominio Público Praza Pública

O suspense acabou ás 5.15 da mañá. Dúas cadeas de televisión deron a vitoria en Ohio a Barack Obama e con ela, a reelección. Escasos momentos despois, o propio presidente de EEUU confirmouno na súa conta de Twitter cunha mensaxe inconfundible: "Catro anos máis!".

A noticia continuou unha tendencia que parecía imparable ao longo da noite electoral. Romney non conseguía facerse con ningún dos estados que votaran a Obama en 2008. Só moi avanzada a noite, sóubose que o republicano gañara en Carolina do Norte, onde o presidente venceu por unha distancia ínfima hai catro anos. Pero nese momento os resultados en Florida, Ohio e Virginia aínda estaban o aire. Romney tiña que gañar en todos eles e nin aínda así tiña garantida a vitoria. Antes que Ohio caese ao lado de Obama, estados máis pequenos ían colocándose na súa casa.

Obama tiña un plan B: sumar Iowa, Nevada, New Hampshire e Colorado, e pechar así a senda cara á reelección. Cando se anunciou o seu triunfo en Ohio, xa non era necesario facer máis cálculos. Superara o limiar dos 270 votos electorais. As persoas reunidas na sede central da súa campaña en Chicago comezaron a festa.

Obama gañará por estreita marxe no voto popular: 50-49 e ao redor dun millón de votos. E con moita máis claridade nos votos electorais, con máis de cen de diferenza

Finalmente, á espera de que se complete o reconto en Florida, que con case total seguridade caerá do lado demócrata, e Montana e Alaska, que serán republicanos, Obama gañará por estreita marxe no voto popular: 50-49 e ao redor dun millón de votos. E con moita máis claridade nos votos electorais, con máis de cen de diferenza. Porén, os republicanos manterán o control da cámara de representantes, o que lles permitirá contrapesar e bloquear as iniciativas presidenciais.

Pouco antes das oito da mañá Obama compareceu para ofrecer o seu discurso como gañador. Dixo que "esta noite, 200 anos despois de que puidésemos escoller o noso destino, a unión do país segue mellorando". E concluiu: "se caemos, erguémonos xuntos. Esta noite, despois dunha dura viaxe, volvimonos erguer. O mellor de EEUU está por chegar". Tamén destacou que "A nosa economía está a recuperarse", "Unha década de guerras está a terminar", "Temos máis traballo que facer", "O papel do cidadán nunha democracia non acaba co voto", "Aprendo de vós, facédesme ser un mellor presidente".

 

A lentitude dos republicanos en conceder a vitoria

Os republicanos manterán o control da cámara de representantes, o que lles permitirá contrapesar e bloquear as iniciativas presidenciais

A pesar de que os medios anunciaban dende as cinco da mañá a vitoria de Obama, Romney non recoñeceu o resultado até dúas horas despois, alegando que ainda faltaban por se coñecer os resultados de Ohio e Florida. Ás 6.45 compareceu Romney para admitir a súa derrota. Afirmou que cre "en América. e no pobo americano" e dixo que rezará por Obama e pediulles aos seus seguidores que tamén o fagan.

Peor perder tivo o multmillonario Donald Trump. Ao longo da noite dixo que as eleccións foron unha "farsa e unha parodia" e chamou a unha marcha en Washington para "frear esta farsa": "A nosa nación está totalmente dividida!", dixo. De igual xeito Sarah Palin manifestou sentirse "decepcionada" cos resultados.

 

Diferenzas por sexo, raza e clase social

A vitoria de Obama aséntase no voto feminino (55%) e de forma moi salientable entre o electorado negro (93%) e latino (71%)

As exit pollsou sondaxes á saida dos colexios electorais, permiten coñecer algo máis sobre as caracteristicas dos votantes de cada candidato ao ofrecer datos desglosados por idade, raza e ingresos económicos. Deste xeito podemos ver que a pesar da súa derrota Romney gaña entre os homes (52%) e sobre todo entre os brancos (59%). Porén, a vitoria de Obama aséntase no voto feminino (55%) e de forma moi salientable entre o electorado negro (93%) e latino (71%).

Tamén hai diferenza por idades pois Romney gaña entre os maiores de 45 anos pero Obama domina con claridade entre os electores máis novos, máis ainda entre os menores de 30 (60%). O voto de Obama é de clase baixa (70%) e media-baixa (59%) mentres que Romney acada os seus apoios entre os que gañan máis de 50.000 dólares ao ano. Tamén hai unha fenda entre o voto urbano, demócrata e o das zonas rurais, claramente republicano.

Finalmente, os votantes independentes, non adscritos a ningún partido, repartironse a partes iguais entre os dous aspirantes. Pero Obama conseguiu mobilizalos ao seu favor nos estados clave.

 

Marihuana e matrimonio gai

Maryland, Maine e Washington legalizaron o matrimonio homosexual

Nesta noite non só se escolleu presidente, gobernadores, congresistas, senadores e outros cargos públicos. En moitos estados tamén se celebraban referendos para aprobar diversas cuestións, entre as que estaban a legalización da marihuana ou a autorización do seu uso para fins médicos. Massachusetts e Montana autorizaron o uso da marihuana para fins médicos mentres que Colorado e Washington legalizaron o seu uso recreacional. Tan só Arkansas votou en contra. Coas votacións deste martes xa son 17 os estados norteamericanos nos que se permite o uso desta substancia con fins terapéuticos. Porén, moitas veces estas autorizacións teñen unha aplicación limitada ante as leis federais que perseguen a posesión.

E tamén se preguntou en varios estados pola aprobación do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Maryland, Maine e Washington legalizárono e van engrosando unha lisa de territorios cada vez maior na que este dereito se amplia a todas as persoas independentemente da súa opción sexual. Connecticut, Iowa, Massachusetts, New Hampshire, Nova York, Vermont e o distrito de Columbia tamén permiten as vodas gais. Porén, en 31 estados están prohibidas constitucionalmente.

Obama celebra a vitoria con Joe Biden Dominio Público Praza Pública
Resultado estado por estado © nytimes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.