Os 29 de novembro na historia de Palestina

Evolución do territorio palestino Dominio Público Praza Pública

O blog Diario de Palestina analiza os importantes aconcementos que tiveron lugar un dia coma hoxe nos territorios ocupados, dende a partición de Palestina en dous en 1947 até a votación que hoxe permitirá o seu recoñecemento como membro observador da ONU.

O 2 de novembro de 1917, Balfour, secretario de Relacións Exteriores británico, mandaba unha carta a Rothschild, un dos dirixentes do movemento sionista, apoiando a creación dunha patria para o pobo xudeu. Xa daquela resoaba unha das frases máis repetidas na historia da creación do estado de Israel: “unha terra sen pobo para un pobo sen terra,” como escusa perfecta para acubillar ao pobo xudeu no deserto de Xudea e Samaria.

O 29 de novembro de 1947 a ONU votaba a favor da partición de Palestina e da creación dun estado xudeu independente: Israel

O 29 de novembro de 1947 a ONU votaba a favor da partición de Palestina e da creación dun estado xudeu independente: Israel. Xa a principios de século houbera debates sobre a mesma cuestión: por unha banda estaban os grupos sionistas que clamaban o terreo ao que acababan de chegar como propio; pola outra os árabes nativos, enraizados no seu estado laico.

O 29 de novembro de 1977, a ONU declaraba ese día como o Día internacional de solidariedade co pobo palestino. Dende entón, cada 29 de novembro celébrase na sé das Nacións Unidas unha especie de recordatorio polo pobo palestino; algo que pasa totalmente desapercibido en Palestina, onde a lembranza da partición das súas terras non ten data precisa, pero que este ano si servirá para que as bandeiras do seu pobo saian as rúas en todas as cidades e vilas.

O 15 de novembro de 1988, Arafat, presidente da OLP, declaraba a independencia do estado palestino

O 15 de novembro de 1988, Arafat, presidente da Organización para a Liberación de Palestina, declaraba a independencia do estado palestino; un acto de protesta sen recoñecemento, que buscaba un compromiso internacional, e que aceptaba a idea do lugar como asentamento das tres relixións monoteístas, dando a entender que se aceptaba a creación do estado palestino nas fronteiras de 1967. A día de hoxe, o 15 de novembro é un festivo nacional convertido en día de descanso e que carece de significado para a maioría da poboación.

O 29 de novembro de 2012 a ONU vota que Palestina sexa admitida como un estado observador non membro. A admisión podería dar entón acceso ao Tribunal Penal Internacional, unha posibilidade que non se acepta no Reino Unido, quen tamén pide un compromiso real de negociación con Israel, dende onde se intenta evitar o tema, asegurando que o exército continuará velando pola súa poboación, incluíndo o máis de medio millón de colonos de Cisxordania.

O 29 de novembro de 2012 pode ser unha data histórica para o pobo palestino ou pode quedar como outra cifra máis na listaxe numérica de acontecementos

O 29 de novembro de 2012 pode ser unha data histórica para o pobo palestino ou pode quedar como outra cifra máis na listaxe numérica de acontecementos. Na propia Palestina, o cambio non se contempla; non só porque as reunións da ONU vense como simples xuntanzas, senón tamén porque non todo o pobo está coa decisión. Unha decisión que significaría recoñecer as fronteiras de 1967 e, polo tanto, renunciar á Palestina histórica. Un feito que non contempla o primeiro ministro Hanieh, quen apoia a creación dun estado palestino nas fronteiras do 67, sen por iso renunciar ao resto de Palestina.

Evolución do territorio palestino Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.