Os alemáns que lles cederon o seu voto aos cidadáns do sur de Europa

Un dos promotores da iniciativa © Electoral Rebellion

"Persoas en Alemaña ceden o seu voto a cidadáns doutros países, para que participen no seu lugar. Facemos isto para protestar pola falta de democracia real en decisións internacionais sobre política económica, cambio climático, armamento nuclear, comercio e guerras. No noso mundo globalizado a política non se detén nas fronteiras, pero a democracia si". Isto é Electoral Rebellion, unha iniciativa do colectivo Egality Berlin que dende hai meses pon en contacto alemáns con cidadáns doutros países afectados polas política do goberno xermano. Este domingo, día dos comicios, os alemáns que cederon o seu voto darán o seu apoio a aquela opción que lle indicara a persoa coa que se puxeron en contacto.

"Son Riccardo e son italiano. Gustaríame participar nesta iniciativa porque Alemaña decote decide a nosa política económica e polo tanto o noso estilo de vida, polo tanto tamén quero decidir algo sobre a política alemá. Como cidadán europeo, non quero só obrigas, senón tamén dereitos". É unha das peticións de cesión de voto chegadas dende o sur de Europa e dende outros lugares do mundo. Tamén está Zman, de Benin, Marina Cavalcanti, de Barcelona, Martina, de Grecia, ou Samuel e Pau, tamén de España.

De feito, Egality Berlin púxose en contacto con moitos españois a través das redes do 15M. Non é unha iniciativa, nova, pois xa se practicou con máis ou menos intensidade nas últimas eleccións no Reino Unido ou en Israel. Pero semella que este tipo de movementos continúan en crecemento para "protestar contra un sistema global non democrático e amosar a solidariedade cos afectados pola política alemá", destacan.

Malia todo, e á espera dos resultados, que se coñecerán a partir das seis da tarde, espérase un claro triunfo de Angela Merkel, con escasos cambios na súa política A única dúbida radica en se poderá repetir a súa colición de goberno coa FDP ou se, no caso de que os liberais non conseguisen representación (ao non chegar a barreira do 5%, que rozan segundo as enquisas), terá que buscar outro socio, nomeadamente o SPD. Tamén se baralla a posibilidade de que poidan entrar no Bundestag os euroescépticos da AdF, unha formación que tamén rolda o 5% e que defende un endurecemento da política alemá sobre a construción europea e a saída do euro de Portugal, España e Grecia.

Un dos promotores da iniciativa © Electoral Rebellion
Katharina Dimitrov anuncia en Facebook que 'cede' o seu voto Dominio Público Praza Pública
Riccardo, de Italia © Electoral Rebellion

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.