O pasado 1 de maio foi asasinado en Santa Cruz Barillas, unha pequena e illada vila de Guatemala, Andrés Francisco Miguel. Era un líder da comunidade, un líder indíxena oposto ao proxecto de construción dunha central hidroeléctica na zona por parte de Hidralia Energía, unha empresa coruñesa propiedade de Luis e David Castro Valdivia, cun conflitivo pasado cheo de denuncias e condenas en Galicia pola actividade das súas minicentrais e centrais eólicas, a chamada trama enerxética na que tamén estiveron acusados Francisco Vázquez, Antonio Fontenla e o ex director xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia.
Non se puido probar este vencello directo entre a súa morte e a súa oposición ao proxecto, aínda que as autoridades se apresuraron a desementir toda relación e culparon a un enfrontamento entre veciños e mesmo a un asunto relacionado con drogas (Santa Cruz Barillas sitúase preto da fronteira con México e os cárteles mexicanos estenden a súa actividade a estas zonas). Sexa como for, nos días seguintes o autoritario goberno de Guatemala presidido por Otto Pérez, decretou o estado de sitio na rexión e 600 soldados tomaron a vila, botando abaixo as portas das casas, destrozando as colleitas, detendo 21 persoas e traendo á memoria os tempos do xenocidio indíxena no país. Hai uns días foron detidos como sospeitosos do asasinato dous españois, gardas de seguridade das obras da central eléctrica.
A historia comeza antes. Hidralia Energía instálase en Guatemala en 2008 e comeza a traballar nunha serie de proxectos de produción de enerxía hidroeléctrica en centroamérica coa conivencia dalgúns gobernos da rexión, comezando polo guatemalteco. Entre eles está o de Santa Cruz Barillas, unha pequena central de apenas 5.000 kW, xestionado pola empresa Hidro Santa Cruz e que dende o inicio contou coa oposición das comunidades indíxenas da zona. Non tanto porque se trate dun macroproxecto que podería borrar do mapa literalmente as súas comunidades, senón porque estas persoas se opoñen ao modelo enerxético proposto: explotación para a exportación e porque din que a empresa se negou a negociar con eles en todo momento. Ademais, argumentan quen en 2007 os habitantes da rexión votaron masivamente en referendo contra a instalación na zona de explotacións mineiras, petrolíferas ou eléctricas.
O proxecto de Hidralia conta coa aprobación dun informe da Corporación Interamericana para el Financiamiento de Infraestructuras (CIFI), unha entidade participada por Bankia e polo Banco Mundial
O proxecto de Hidralia conta coa aprobación dun informe da Corporación Interamericana para el Financiamiento de Infraestructuras (CIFI), unha entidade participada por Bankia e polo Banco Mundial e que non só garatiu que a hidroeléctrica tería un efecto lesivo limitado, senón que lle concedeu á empresa un empréstito de 11 millóns de dólares para a súa construción. Toda unha mostra dos intereses cruzados entre entidades financeiras, empresas, organismos internacionais e gobernos.
Son moitas as denuncias que nos últimos anos se dirixen contra a actividade de empresas eléctricas europeas (moitas delas españolas e algunhas galegas) en América Latina. Por exemplo, en 2011 Emgesa (filial de ENDESA) iniciou a construción da central hidroelétrica do Quimbo, no departamento de Huila, Colombia e toda a rexión se está a ver afectada xa na súa actividade produtiva, baseada na pesca e no agro, polo asulagamento de 2.000 hectáreas de cultivos. Ou podemos falar igualmente da falida aventura hidroeléctrica de Nova Caixagalicia en Perú, que rematou coa súa reventa ao seu primeiro dono.
No caso de Hidralia, ademais, cómpre poñer sobre a mesa, como xa o fixeron algúns medios latinoamericanos, coma a Agencia Latinoamericana de Información, o seu documentado pasado de conflitos e ilegalidades. Foi fundada en 2006 polo empresario Luis Castro Valdivia, agora tamén representante legal de Hidro Santa Cruz; o seu irmán David é CEO de Hidralia e propietario e accionista maioritario de Hidro Santa Cruz. Porén, xa dende os anos oitenta Luis Castro Valdivia creou unha multitude de sociedades interpostas que foron recibindo distintas concesións para a construción de minicentrais e centrais eólicas.
Foi no momento en que era máis forte a presión contra os Castro Valdivia que decidiron iniciar a súa aventura americana, que polo que se ve tampouco está ausente de conflitos e polémicas.
Nesta trama enerxética, revelada polos medios de comunicación e denunciada polo TSXG, tamén foron acusados Francisco Vázquez, Antonio Fontenla e o ex director xeral de Industria da Xunta, Ramón Ordás Badía, cuñado de Luis Castro Valdivia. As acusacións por tráfico de influencias, prevaricación e fraude foron desestimadas polo Xulgado de Instrución número 1 da Coruña en 2010, pero unha sentenza do TSXG de 23 de xuño de 2011 confirma as malas prácticas do proxectos. Foi no momento en que era máis forte a presión contra os Castro Valdivia por parte de medios de comunicación coma La Opinión, organizacións ecoloxistas coma ADEGA ou partidos coma o BNG, que decidiron iniciar a súa aventura americana, que polo que se ve tampouco está ausente de conflitos e polémicas.