"Os EUA van aumentar a presión para abrir fendas entre a UE e China. Veremos se Europa é quen de erixir un discurso propio"

Xulio Ríos © https://politica-china.org/

Xulio Ríos, director do Observatorio de la Política China, é unha das persoas que mellor coñece o xigante asiático, a súa actualidade e historia política recente, á que lle dedicou varias obras de análise, como A China por dentro (Xerais, 1998), China en 88 preguntas (La Catarata, 2010), China pide paso (Icaria, 2012) ou A metamorfose do comunismo na China (Editorial Kalandraka, 2021), que vén de publicar.

Nesta obra fai un repaso sobre a evolución do país no último século, xusto cando o Partido Comunista Chino celebra o seu centenario. Un século no que China experimentou unha prodixiosa transformación, unha metamorfose que tamén afectou ao propio partido dominante, cuxas políticas foron modificándose co paso das décadas, adaptándode aos distintos contextos. O país empobrecido e eminentemente rural de hai décadas é hoxe un xigante tecnolóxico con varias ducias de áreas metropolitanas por riba dos cinco millóns de habitantes. 

Nacido en Moaña en 1958, Xulio Ríos foi un dos fundadores en 1991 do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), do que segue a ser Presidente de Honra, e tamén da Fundación Plácido Castro, incidindo na necesidade de que Galicia -as súas políticas públicas, debate político e medios de comunicación- olle máis cara ao exterior, un internacionalismo cultivado dende a Xeración Nós. Falamos con el en relación co seu máis recente libro, a situación política en China e as perspectivas de futuro do xigante asiático.

Sabemos moi pouco de China, iso é unha obviedade. Do seu pasado e do seu presente. Da súa cultura e da súa actualidade política. Cómpre corrixir isto, tendo en conta que falamos da 'outra' gran potencia mundial? Debemos mirar máis cara ao que sucede na Asia?

"Agora que estes días celebramos de novo a fin da II Guerra Mundial, pasamos por alto que China perdeu nela uns 20 millóns de persoas, mais que calquera outro país excepto a URSS. Semella que en Asia non houbo mais que Pearl Harbour"

Sen dúbida. Nas últimas décadas o seu protagonismo foi en aumento e todo indica que así seguirá sendo nos próximos anos. Por tanto, debemos prestar atención a ese novo actor. E para iso cómpre comezar, como ben dis, pola súa historia e a súa cultura, que son claves para comprender as súas expectativas estratéxicas. Isto pode cambiar a nosa visión e nesa perspectiva, cumpriría un esforzo integrador. Por exemplo, agora que estes días celebramos de novo a fin da II Guerra Mundial, pasamos por alto que China perdeu nela uns 20 millóns de persoas, mais que calquera outro país excepto a URSS. Semella que en Asia non houbo mais que Pearl Harbour. A II Guerra Mundial non comezou, como nós estudamos, coa invasión de Polonia en 1939 senón coa invasión da China por Xapón en 1937, que durou ata 1945. É moi importante promover os estudos sobre a China. 

Portada de 'A metamorfose do comunismo na China' © Kalandraka

"Os EUA van aumentar a presión para abrir fendas entre a UE e China, como xa vén facendo de xeito visible, dende o 5G ata o recente tratado de investimentos. O futuro económico da UE pasa por unha maior presenza na China e en Asia"

A UE, e con ela España e Galicia, estivo nas últimas décadas focalizada na súa relación cos Estados Unidos. Debería apostar por unha autonomía de actuación que lle permitise manter relacións privilexiadas cara ao leste e ao oeste?

Somos parte dese Occidente político que os EUA seguen a liderar pese aos seus problemas e vaticinios de declive. A autonomía estratéxica é fundamental, aínda que dubido da súa materialización. Os EUA van aumentar a presión para abrir fendas entre a UE e China, como xa vén facendo de xeito visible, dende o 5G ata o recente tratado de investimentos. O futuro económico da UE pasa por unha maior presenza na China e en Asia. Berlín teno claro. Semella que París tamén. Veremos se a UE é quen de erixir un discurso propio atendendo aos seus intereses, non sempre nin en todo coincidentes cos dos EUA. 

Cambia en exceso a relación EUA-China coa vitoria de Biden?

"Biden probablemente terá máis doado sumar países á estratexia de contención da China e incluso podería intensificala"

A verdade é que non moito. Si evidentemente nas formas pero non no fondo. De feito, gran parte das medidas adoptadas por Trump seguen aí e o discurso duro tamén. Biden probablemente terá máis doado sumar países á estratexia de contención da China e incluso podería intensificala. Aí está a aposta polo QUAD e outras medidas que insisten nun cerco a China en todas as frontes. E Biden dixo que non permitirá que se converta na primeira potencia mundial baixo o seu mandato. Sen dúbida, é o maior rival para a pervivencia da hexemonía estadounidense e converteuse no antídoto ideal para a síndrome de privación do inimigo na posguerra fría e un xeneroso impulsor do gasto de defensa nos EUA.

"Hai un fío condutor que vertebra o maoísmo, denguismo e xiísmo que é a busca da modernización do país, o discurso nacionalista e tamén o propósito de establecer un modelo propio onde as singularidades locais desempeñan un papel determinante"

Nestes últimos 100 anos, China e a dirección política do PCCh non foron en absoluto inmutables. É moito o que diferenza a Mao de Deng Xiaoping e a Xi Jinping de ambos os dous. Pero máis aló das súas diferenzas, que foi o que non cambiou? Cal é o fío de continuidade entre eles?

Hai un fío condutor que vertebra o maoísmo, denguismo e xiísmo que é a busca da modernización do país, o discurso nacionalista e tamén o propósito de establecer un modelo propio onde as singularidades locais desempeñan un papel determinante. Compre ter presente que o PIB da China en 1949 era equivalente ao de 1890. E en 1978, cando se inicia o denguismo, era a 32ª potencia. Hoxe é a segunda e nesta década poderá ser a primeira. E aínda así, en virtude da súa escala, ese proceso non estará rematado de todo. O desenvolvemento e a soberanía son as principais obsesións comúns. 

Xi Jinping tentou aunar esas dúas chinas tan diferentes, a de Mao e a de Deng?

"Mao puxo por diante a ideoloxía e a vontade e Deng a economía. Xi, en certa medida, fai unha síntese"

O primeiro que dixo Xi é que pese a esas diferenzas non se deben contrapoñer as Chinas de Mao e de Deng porque responden a un mesmo obxectivo. Mao puxo por diante a ideoloxía e a vontade e Deng a economía. Xi, en certa medida, fai unha síntese e a ela engade unha renovada forza do “propismo cultural”, co que ata entón o PCCh entrara en conflito ao consideralo unha das causas principais da decadencia do país. Xi non só alenta a reconciliación co confucianismo, que xa estaba en marcha nos tempos de Hu Jintao, senón a reivindicación do lexismo, esa idea do goberno a través da lei, o Estado con dereito cono nova fonte de lexitimidade transcendendo o feito revolucionario ou o éxito económico.

Xi Jinping CC-BY-SA Kremlin.ru

"Hai varias claves. A primeira é a soberanía, que lle permitiu reter capacidade de decisión sobre medidas ou ritmos. A segunda, a aposta por un modelo de economía mixta onde a participación activa do mercado ou da propiedade privada non minguou a relevancia da planificación ou da propiedade pública"

Como puido China manter nestes anos un equilibrio entre as estruturas dun Estado e dun Partido moi controlador cun desenvolvemento económico no que emerxeron xigantes empresariais, sobre todo no campo das novas tecnoloxías?

Hai varias claves. A primeira é a soberanía, que lle permitiu reter capacidade de decisión sobre medidas ou ritmos. Foron moitas as recomendacións liberalizadoras do FMI ou do BM, etc., pero finalmente quen decidía era Beijing, o PCCh. Reter esa capacidade é fundamental. A segunda, a aposta por un modelo de economía mixta onde a participación activa do mercado ou da propiedade privada non minguou a relevancia da planificación ou da propiedade pública. Isto fai que o Partido-Estado dispoña de pancas efectivas para incidir no curso económico, adelgazando ou reforzando uns ou outros ámbitos. Aí o PCCh engade un factor político relevante: impedir que os novos sectores emerxentes deriven nun actor hostil que poña en cuestión o seu proxecto hexemónico. Na economía pululan moitos actores; no Estado, goberna o PCCh. 

Cales son os retos a nivel económico e social que ten por diante China? O crecemento das últimas décadas foi axeitadamente redistribuído ou medraron as desigualdades?

"Son moi numerosos os problemas da economía chinesa. China debe aumentar significativamente os ingresos dese segmento de poboación do tamaño da Africa subsahariana con quen comparte unha renda similar de menos de 2.000 dólares"

Son moi numerosos os problemas da economía chinesa. A clave esencial agora mesmo é culminar o tránsito cara un novo modelo de desenvolvemento que a sitúe na vangarda tecnolóxica, facéndoa menos dependente do comercio exterior, estimulando as bases de crecemento internas, etc. E tamén mitigando os desequilibrios territoriais e as desigualdades, que seguen sendo moi importantes. Acaban de anunciar a superación da pobreza extrema pero é moito o que resta por diante. A pesares dos números absolutos, a renda per cápita é pouco máis de 10.000 dólares (a UE ronda os 50.000 e os EUA superan os 65.000) e o IDH (85) sitúana entre os países de desenvolvemento medio. China debe aumentar significativamente os ingresos dese segmento de poboación do tamaño da Africa subsahariana con quen comparte unha renda similar de menos de 2.000 dólares. 

"Occidente preferiría un xigante económico sen máis pero debe facerlle un oco. Sorprende escoitar agora aos EUA dicindo que a China practica a “intimidación económica” , eles que levan impoñendo o bloqueo a Cuba dende os 60"

Como evolucionou nos últimos anos a política internacional de China, que anteriormente apostara fortemente polo multilateralismo e unha mundialización que afianzou a súa posición en África, América do Sur e outros continentes?

Esas claves persisten. Dise que agora é mais “asertiva”. O que acontece é que está trasladando a súa significación económica aos diversos eidos da gobernanza global. Onde lle deixan. E onde non creará os seus propios espazos para esquivar os valados. Occidente preferiría un xigante económico sen máis pero debe facerlle un oco. Sorprende escoitar agora aos EUA dicindo que a China practica a “intimidación económica”, eles que levan impoñendo o bloqueo a Cuba dende os 60. China non se vai pechar ao mundo exterior. Esa, realmente, é a grande ruptura histórica que lidera o PCCh fronte ás dinastías do pasado imperial que optaron por desentenderse do mundo bárbaro alén da Gran Muralla. 

Taiwán, India, Estados Unidos... En que medida o risco dunha escalada bélica é real e pode incrementarse nos vindeiros anos?

A “trampa de Tucídides” está aí e dela vense falando moito nos últimos anos. Hai quen fala de antes de 2027, cando se celebre o centenario do Exército Popular de Liberación. Vamos a asistir a unha dura pugna nesta década e o risco medrará exponencialmente. O Mar da China meridional e, sobre todo, Taiwán, son puntos de referencia onde pode dilucidarse o signo da hexemonía no século XXI. 

Unha rúa en Shanghai CC-BY-SA Mstyslav Chernov

"A aposta segue a ser que cada país debe atopar a súa vía para o desenvolvemento e a defensa da coexistencia e agora a multipolaridade"

O modelo chinés é exportable? Ou esa especificidade cultural é unha das súas características, que o diferenza doutras potencias (EUA, URSS, a propia Europa...) que si buscaron a internacionalización dos seus sistemas e culturas?

Probablemente hai aspectos do seu modelo que deben ser valorados e de feito así ten acontecido xa, aínda que timidamente no económico; non obstante, non hai signos no PCCh do mesianismo occidental, ben sexa de signo liberal ou, noutrora, soviético. A aposta segue a ser que cada país debe atopar a súa vía para o desenvolvemento e a defensa da coexistencia e agora a multipolaridade. O antiimperialismo é unha das claves definidoras do proxecto do PCCh que non debemos pasar por alto e é indisociable da experiencia da penetración esnaquizadora no seu territorio doutras potencias ao longo dos séculos XIX e XX. 

Que efecto vai ter para a política e a economía chinas a pandemia de COVID e a forma en que o país a xestionou?

China encarou a pandemia con bastante éxito. Só basta comparar como se celebrou a recente semana de vacacións do primeiro de Maio na China coa nosa situación. Agora ben, na súa imaxe internacional, a perspectiva é mais agridoce: pese aos seus esforzos para cooperar na implementación de solucións (insumos sanitarios, expertos, vacinas…), a pandemia engadiu un eixe máis para a confrontación con algúns países. Internamente, a economía está basicamente recuperada e os erros iniciais na resposta foron compensados polas medidas posteriores, pero a pugna polo relato continúa.

"Por que se ocupan tanto de Hong Kong ou dos uigures e non da Caxemira e dos seus musulmáns onde a India suprimiu a autonomía, meteu o exército e prendeu aos líderes opositores? Iso non quita, naturalmente, que China deba facer máis por mellorar os dereitos humanos"

Cal debe ser a posición da UE ante as restricións de dereitos en China, tanto as que sofre a totalidade da súa poboación como as que afectan especificamente a Hong Kong ou a pobos como os mongois, os uigures e outras minorías?

Hai dúas maneiras de encarar eses problemas. Botando man de sancións, boicots e presións militares ou tendendo pontes. A experiencia indica que a primeira opción non funciona, o que provoca é un reforzo do nacionalismo e dos sectores mais conservadores. Moitos en China comparten que eses temas son usados por Occidente para reafirmar o seu dominio e combater a súa emerxencia. Para algúns, ver a Londres pedir agora a elección libre do Xefe Executivo da súa excolonia cando durante cen anos foi a Raíña quen o nomeou directamente… pero iso non debe significar que Beijing deba comportarse agora como Londres. Alén das diferenzas conceptuais, as dúas varas de medir existen e o clima de enfrontamento e desconfianza non axuda a que se expandan as liberdades. Por que se ocupan tanto de Hong Kong ou dos uigures e non da Caxemira e dos seus musulmáns onde a India suprimiu a autonomía, meteu o exército e prendeu aos líderes opositores? Iso non quita, naturalmente, que China deba facer máis por mellorar os dereitos humanos en xeral e as liberdades públicas en concreto, tamén das nacionalidades minoritarias. Debe facelo. Hai moitas situacións que non son de recibo e que deben criticarse.

"Estes últimos anos en China son de blindaxe e probablemente así seguirán no inmediato ante a hipótese dun desencontro agravado con Occidente. Pese a todo, os aspectos internos serán moi relevantes, entre eles a probable continuidade de Xi, quizais até dous ou tres mandatos máis"

Como cres que vai evolucionar China no político, no económico e nas súas relacións internacionais, a partir deste ano 2021? Como será a China post-Xi Jinping?

Estes últimos anos en China son de blindaxe e probablemente así seguirán no inmediato ante a hipótese dun desencontro agravado con Occidente. Pese a todo, os aspectos internos serán moi relevantes, entre eles a probable continuidade de Xi, quizais até dous ou tres mandatos máis. China vaise empregar a fondo por destacar como líder tecnolóxico e económico sen facer concesións no eido político. E sen prexuízo de actualizar o seu modelo aínda procurará manter, no básico, a fidelidade ao proxecto orixinal. Pero nada está escrito. 

O skyline de Shanghai Dominio Público

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.