"Os gobernos europeos teñen as mans manchadas de sangue, son responsables dos crimes israelís"

Charla de Manu Pineda, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

"Hoxe visitamos a familia Baker para expresarlle o noso apoio ante a perda de catro dos seus nenos. Israel matounos onte cando xogaban ao fútbol na praia. Intento sempre manter a compostura neste tipo de encontros cos familiares dos mártires, pero hoxe non o conseguín, derrubeime cando Mohammad Baker se lanzou a abrazarme ao recoñecerme, e cando vin toda esa dor e sufrimento na súa cara. Non puiden manter o tipo. Desculpade que estea a falar de min, pero ás veces resúltame necesario como unha especie de terapia". Manu Pineda é activista pro dereitos humanos na asociación Unadikum e reside habitualmente en Gaza, onde traballa axudando e protexendo o pobo palestino, sendo testemuña en primeira liña do seu sufrimento, como reflectiu no texto anterior, escrito dende o lugar.

Se a súa actividade diaria é importante, foino moito máis durante a máis recente invasión militar israelí, o pasado verán. Nese momento Pineda e outros activistas occidentais exerceron de escudos humanos, protexendo coa súa presenza hospitais e ambulancias palestinas, para evitar que foran bombardeadas polo exército israelí. Mesmo así, nunha ocasión o hospital no que se atopaba o activista foi esnaquizado polas bombas. Pineda apela a seguir coas mobilizacións, cos actos de protesta e co apoio á iniciativa BDS (Boicot, Desinvestimento e Sancións) como ferramenta de presión contra Israel para acabar coa agresión e o masacre do pobo palestino.

Manu Pineda ofreceu este martes unha charla en Compostela, organizada por Esquerda Unida, para falar da súa experiencia e explicar a iniciativa BDS, nunha conferencia na que tamén interveu Noa Morales Sánchez, investigadora sobre a seguridade cultural en Palestina e a destrucción so seu patrimonio. Este mércores Pineda estará en Lugo (na Cova da Terra, ás 20 horas) e o xoves falará en Ourense (no Ateneo, ás 20 horas).  

"Cando comezou o bombardeo sabiamos que non podiamos abandonar o edificio, porque se non si que o ataque mataría seguro os enfermos que alí estaban"

Como foi a túa experiencia durante a última operación militar israelí?

Foi a experiencia máis dura e máis traumática que vivín nunca. Eu vivo en Gaza habitualmente e o meu traballo diario consiste en facer de escudo humano, por denominalo dalgunha maneira, protexendo os campesiños palestinos que son agredidos continuamente polos soldados israelís. Os activistas formamos liñas de protección, poñémonos diante e deste xeito evitamos que os firan ou os maten. Pero isto non ten nada que ver co que vivimos nesta última operación: o primeiro que fixemos foi protexer un hospital, para evitar que fose bombardeado, un hospital no que había 50 enfermos moi graves, seis deles en coma. Eramos oito activistas internacionais e faciamos quendas; estando unha compañeira e mais eu alí, unha noite, o hospital foi destruído, con nós dentro do edificio. Ese día foi terrible, pensabamos que nos mataban e eu, de feito, cheguei a despedirme dalgunha xente. Cando comezou o bombardeo sabiamos que non podiamos abandonar o edificio, porque se non si que o ataque mataría seguro os enfermos que alí estaban. Entre o entullo e o fume conseguimos evacuar a todas as persoas antes de que o hospital fose completamente destruído.

"Hai 110 mil persoas que por mor dos bombardeos non teñen casa e aínda non puideron refacela"

Outra das nosas funcións era viaxar nas ambulancias, para evitar que fosen atacadas. Pero nin sequera a nosa presenza conseguiu evitar que o exército israelí bombardease unhas vinte ambulancias. Eu xa vivira a anterior operación militar, de 2012, pero desta vez asistín a todo o sucedido en primeira liña: recuperando cadáveres, vendo nenos e nenas de moi poucos anos completamente esnaquizados polas bombas. Foi unha experiencia terrible.

Como é o día a día en Gaza?

Unha parte do meu traballo é lembrar que a agresión contra Palestina e sobre todo contra Gaza é diaria, non se limita a estas grandes operacións militares. Unha semana calquera Gaza é bombardeada tres, catro ou cinco veces, nalgunhas ocasións matando xente, familias enteiras, e noutros simplemente destruíndo instalacións. E iso que xa hai poucas instalacións que destruír, pero as bombas acaban cunha granxa de polos, cunha ferretería ou cun colexio. Outra acción constante e que fai moito dano é o bloqueo á franxa de Gaza: non poden entrar ben básicos, medicinas, nin materiais de construción para poder reconstruír as casas. Hai 110 mil persoas que por mor dos bombardeos non teñen casa e aínda non puideron refacela, e teñen que sobrevivir en casas de amigos ou familiares ou na rúa, nun inverno que está sendo moi duro alí.

"Seis hospitais tiveron que pechar porque non teñen electricidade e nalgunha ocasión leváronse a cabo operacións cirúrxicas coa luz dun teléfono móbil"

Non hai carburante, que é imprescindible para ter electricidade: en Gaza hai só unha central eléctrica que permite ter seis horas de luz cada día; o resto do tempo ti tes electricidade se tes un xerador e carburante para que funcione. Seis hospitais tiveron que pechar porque non teñen electricidade e nalgunha ocasión leváronse a cabo operacións cirúrxicas coa luz dun teléfono móbil. As incubadoras non funcionan, provocando a morte de nenos ou graves consecuencias para os que conseguen sobrevivir. Tampouco funcionan as máquinas de diálise. O día a día en Gaza é catastrófico. Antes desta catástrofe a ONU xa anunciara que a situación en Gaza sería invivible no ano 2020, sobre todo pola falta de auga. E a situación en Cisxordania non é moito mellor.

"A axuda humanitaria é necesaria, pero a axuda humanitaria non soluciona o que está pasando. O que hai que facer é acabar coa ocupación"

Que se pode facer dende aquí? É efectiva a campaña BDS de boicot e desinvestimento contra Israel?

Ese é o tema. Nós facemos un chamamento a boicotear os produtos de Israel. A axuda humanitaria é necesaria, pero a axuda humanitaria non soluciona o que está pasando. O que hai que facer é acabar coa ocupación, que dura xa 67 anos e que se mantén grazas ao apoio a Israel da comunidade internacional. Os gobernos, sobre todo o da UE e o de Estados Unidos e os seus aliados, son responsables e cómplices dos crimes que comete o estado de Israel. O Goberno español ten acordos comerciais e financeiros con Israel, pero tamén ten acordos militares. Onte mesmo estaba o ministro español de Defensa en Israel. Vendémoslles armas e mercámoslles armas co selo de 'comprobado en combate'. Intercambiamos información secreta con eles e ademais co acordo de non facer pública que tipo de informacións lles estamos proporcionando aos seus servizos secretos.

"Temos enfronte unha besta moi forte e nós non somos tan fortes, o único que temos é a razón. E esta razón é a que nos debe axudar a seguir pelexando, a non nos render"

Os nosos gobernos teñen as mans manchades de sangue, son responsables dos crimes israelís. E o que temos que facer é presionar os nosos gobernos para que rompan con Israel e para que o illen. E se non, hai que cambiar o noso Goberno, para que se poña do lado das vítimas e non dos verdugos. Hai moito traballo por facer: boicot comercial, cultural, académico..., temos que explicarlle á cidadanía por que hai que illar a Israel e por que o pobo palestino debe recuperar os seus territorios. Temos enfronte unha besta moi forte e nós non somos tan fortes, o único que temos é a razón. E esta razón é a que nos debe axudar a seguir pelexando, a non nos render e a cada vez ser máis.

Como valoras as proposicións que se veñen aprobando en parlamentos europeos -hai unhas semanas no Congreso español, onte en Francia- que instan ao recoñecemento do estado palestino, mais sen poñer prazos. Son declaracións de boas intencións, pero sen un valor vinculante?

Estou de acordo contigo en todo agás no de que teñen boa intención, que tamén o poño en dúbida. O primeiro país europeo que recoñeceu o estado palestino foi Suecia, hai unhas semanas. Antes de que o fixese Suecia, dos 193 países presentes na ONU, 135 xa recoñeceran a Palestina. Faltan os países da UE, Estados Unidos, Canadá, Australia e o resto de países satélites. Estes 136 recoñecementos mudaron a situación do pobo palestino? En absoluto, son tan só brindes ao sol, son xestos simbólicos, unha mostra de simpatía que dende logo son ben recibidos polo pobo palestino, pero non son máis ca iso.

"Antes de que o fixese Suecia, dos 193 países presentes na ONU, 135 xa recoñeceran a Palestina. Faltan os países da UE, Estados Unidos, Canadá, Australia e o resto de países satélites"

A moción aprobada no Congreso ule un pouco peor, porque case o fai pedíndolle perdón a Israel e “recoñecendo as lexítimas aspiracións do estado israelí” ou algo así. Hai que dicir que esas aspiracións, que para min non son lexítimas, consisten en ter un estado xudeu, un estado racista que expulsa os palestinos, que son a poboación autóctona dese territorio, un estado que lles dá aos xudeus uns dereitos distintos. Ademais, como dis, a moción non dá prazos para o recoñecemento. É un xesto moi inferior ao realizado por Suecia. Iso si, eu non digo que sexa malo o que fixo o Congreso, e unha proba de que non é malo é que a Israel lle molestou moito.

Pero se España fai isto e o día seguinte lle segue vendendo armas a Israel, as mesmas armas que matan aos palestinos, pois daquela está claro que isto non serve para nada. E aínda por riba un día despois lles mandamos unhas vendas e unhas medicinas para curar os feridos por estas armas. Hai moito de hipocrisía nisto.

"Pode parecer que Israel é unha forza invencible, pero a historia ensínanos que réximes coma o israelí caeron, e caeron pola presión internacional"

Es optimista con respecto ao futuro de Palestina? E o pobo palestino é optimista con respecto ao seu futuro, conserva a esperanza?

Eu non son optimista con respecto a case nada, son unha persoa moi pesimista e desgraciadamente adoito acertar. Iso si, Palestina é un pobo que non se rende, e polo tanto estou seguro de que nalgún momento será libre. Non sei se o verei eu, se o verán os meus fillos e os meus netos, pero Palestina nunca se rende. Caen as bombas e sorrí. Sabe que van caer as bombas e preparan a comida e prepáranse para resistir. É un pobo que non ten nin sequera a posibilidade de se render. Onde van ir? Non teñen onde fuxir.

A pesar de que pode parecer que Israel é unha forza invencible e que a situación non cambiará nunca, a historia ensínanos que réximes coma o israelí caeron, e caeron pola presión internacional. O máis recente: o réxime surafricano do apartheid. Israel ten moi pouco apoio  popular, ten tan só o poder dos gobernos. Temos que seguir presionando, porque é inconcibible que países considerados demócratas e que respectan os dereitos humanos teñan unha política de complicidade cun estado terrorista.

"O réxime israelí ten que caer e a UE ten a oportunidade de pasar á historia como pasaron á historia os países aliados na súa loita contra o réxime nazi"

Non hai que presionar a Israel, iso sería perder o tempo. A nosa presión debe dirixirse aos nosos gobernos, para que non nos metan no lado escuro da historia. Hai pouco intervín no Parlamento europeo e destaquei que a UE tiña a oportunidade de pasar á historia. O réxime israelí ten que caer e a UE ten a oportunidade de pasar á historia como pasaron á historia os países aliados na súa loita contra o réxime nazi. Pero polo de agora a UE está pasando á historia como pasou á historia o goberno colaboracionista de Vichy. Hai que presionar á UE para que deixe de ser unha muleta colaboracionista dun réxime terrorista, como é o israelí

Manu Pineda Dominio Público palestinalibre.org
Charla de Manu Pineda, este martes en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.