Os partidos que apoian o rescate gañan as eleccións en Grecia

Mitin de Syriza © Syriza

Europa fitaba a Grecia, e Grecia falou. Como se agardaba, o resultado foi unha loita entre os conservadores de Nova Democracia, favorable ao rescate europeo, e a coalición de esquerdas Syriza, que opta por renegocialo. Os primeiros, con máis do 95% escrutado, suman case o 30% dos votos, o que xuntado ao 12% dos socialdemócratas do Pasok dálle a vitoria aos partidarios das medidas da UE.

Syriza sobe e queda como segunda forza, pero non entrará no goberno, como lle propuxo Nova Democracia

Syriza triunfou pero non foi a formación máis votada. O partido liderado por Alexis Tsipras, con case o 27% do apoio, queda como segunda forza malia a presión e incluso a chantaxe á que foi sometida por numerosas voces da UE e da prensa conservadora. Seguirá na oposición, xa que xa advertiu que non entrará na coalición proposta por Antonis Samaras, líder da dereita, que propoñía un acordo entre o seu partido, o Pasok e a propia Syriza. A alternativa agora será xuntar aos dous partidos tradicionais aos Demócratas de Esquerda.

O que si amosaron os comicios gregos é a división da sociedade entre aqueles que aceptan a mala gana a austeridade imposta pola Unión Europea e os que, fartos dela, optan por renegociala e mellorar as condicións. O que non cambia, senón que segue igual, é o apoio ao partido neonazi, xenófobo e violenta de Amencer Dourado, que é a quinta forza máis votada con case o 7% das papeletas.

"Hoxe os gregos votaron pola permanencia do país na eurozona e a favor das forzas políticas que traerán desenvolvemento e emprego", asegurou o líder de Nova Democracia, Antonis Samaras, nada máis coñecer os primeiros resultados. Alexis Tsipras, pola súa banda, recordou que o voto pola súa formación é o do "descontento xeralizado" coas condicións impostas para o rescate. Ademais, comprometeuse a facer "unha oposición sólida" fronte ao Executivo conservador.

Ao tempo, os ministros de Finanzas da eurozona instaron a Grecia a formar rapidamente un goberno que dirixa o programa de axustes e xa advertiu de que a troika volverá  a Atenas en canto se forme. Berlín, por outra banda, mostrouse disposto a negociar o prazo das reformas. Dio xusto despois de que se coñecese o resultado dos comicios. Ademais, os presidentes da Comisión e do Consello Europeo, Barroso e Van Rompuy, emitiron un comunicado no que "aprecian o valor dos cidadáns gregos". "Seguiremos tratando a Grecia como un membro da familia", chegaron a dicir.

Maioría absoluta dos socialistas en Francia

En Francia, por outra banda, o Partido Socialista e os seus aliados (PRG e DG) obterían unha folgada maioría absoluta na segunda volta das eleccións lexislativas, segundo as primeiras sondaxes. Deste xeito, remataría a reviravolta política que sitúa a esquerda no poder, tras a vitoria de Hollande ante Sarkozy nas presidenciais.

O Partido Socialista, xunto cos candidatos aliados doutros partidos de esquerda, acadaría arredor de 320 escanos, polo que superaría con moito a barreira da maioría absoluta, que está en 289. Esta cómoda vitoria permitirá a Hollande e ao seu primeiro-ministro Ayrault gobernar en solitario, sen ter que depender de Europe Écologie-Os Verdes (19 escanos, que lle permiten entrar na Asemblea Nacional e ademais como terceira forza) nin da Fronte da Esquerda (10 escanos), liderada por Melenchon e que sofre un duro revés. Pola súa parte, a dereita da UMP e os seus aliados perden cen escanos e fican aproximadamente nos 220, mentres que a extrema dereita do Frente Nacional só acada 3 actas de deputado e os centristas MoDem fican en 2. Todos os resultados son provisionais, á espera de que nas próximas horas se confirmen cos datos oficiais.

 

Alexis Tsipras, líder de Syriza © eparousia.gr
Mitin de Syriza © Syriza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.