Palestina xa é un Estado (na Unesco)

© Diario de Palestina

O blog Diario de Palestina celebra a incorporación na lista de sitios Patrimonio da Humanidade da igrexa da Natividade, en Belén, "un pulo importante cara ás reivindicacións palestinas".

A UNESCO vén de incluír 20 novos sitios na lista de Patrimonio da Humanidade; entre eles, a reserva natural Nahal Mearot, o oitavo lugar israelí na listaxe, e a igrexa da Natividade, en Belén, Palestina. Este recoñecemento non só representa unha axuda económica e un incentivo turístico, senón tamén un pulo importante cara ás reivindicacións palestinas. Un dos máis significantes é o feito de que a UNESCO concede así a independencia ao pobo palestino, considerándoo un país máis, e abre as esperanzas de futuro.

O futuro palestino non só pasa pola inclusión nas listas do Patrimonio da Humanidade doutros sitios de importancia histórica, arqueolóxica, relixiosa e cultural, como o Palacio Hixam en Xericó, as ruínas de Sebastia en Nablus, a cidade vella de Hebrón ou Qumran, no deserto de Cisxordania, a carón do Mar Morto, pero controlado por Israel. O futuro palestino esixe o recoñecemento dun estado independente, libre do estigma do terrorismo e das barreiras opresoras da ocupación.

Ata a construción do muro de separación, que comezou en 2002, non era estraño chegar a Belén camiñando dende Xerusalén

A opresión impide liberdade de movemento, non só entre os locais, senón tamén entre os turistas, que moitas veces só visitan os territorios palestinos horas contadas e guiados polo medo. As Intifadas e a ocupación militar de Belén, no ano 2002, aínda resoan nos oídos da xente e confúndense coas continuas incursións militares. Esa é a carta de invitación a Belén, unha cidade siamesa con Xerusalén, pero que busca desprenderse dela sen as cicatrices que marcan a dolorosa separación agora imposta.

Ata a construción do muro de separación, que comezou en 2002, non era estraño chegar a Belén camiñando dende Xerusalén. O traxecto, que de cidade vella a cidade vella pode levar preto de dúas horas, era un evento relixioso onde se confundían os peregrinos cristiáns con musulmáns e xudeus. A paisaxe mudou pouco a pouco e a vía que unía ambas cidades pareceu estenderse en vertical e horizontal, facendo que o cemento crecese entre as dúas en forma de edificios ateigados de colonos ou murallas ocupadas por soldados. Mentres o muro se erguía, o camiño facíase cada vez máis lento; ata chegar ao estado actual, no que, unha vez pasado o control militar; un muro de cemento adornado con fotos de benvida por un lado e graffitis de todo tipo polo outro, aparece Belén.

...

Segue lendo en Diario de Palestina

© Diario de Palestina
© Diario de Palestina

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.