Pallasos en Rebeldía participa no IX Festival de Cine do Sahara

Pallasos en Rebeldía © Praza Pública

Unha delegación de Pallasos en Rebeldía, encabezada por Iván Prado, viaxará aos campamentos de refuxiados saharauís para actuar dentro da programación do FISAHARA 2012, o Festival de Cinema do Sahara, que comezará o vindeiro 1 de maio no campamento de refuxiados de Dajla. 

Ambas entidades únense para apoiar mediante a cultura e a risa á poboación saharauí que vive nun exilio forzado dende hai décadas. A delegación, encabezada por Iván Prado, director do Festiclown Palestina e portavoz de Pallasos en Rebeldía, realizará espectáculos de maxia, clown, roda alemá e malabares, ademais de pasarúas (neste caso “pasaareas”) durante algunhas das actividades programadas nesta edición do festival.

A delegación, encabezada por Iván Prado, director do Festiclown Palestina e portavoz de Pallasos en Rebeldía, realizará espectáculos de maxia, clown, roda alemá e malabares, ademais de pasarúas (neste caso “pasaareas”). Iván Prado estará acompañado por algúns dos artistas participantes no Festiclown Palestina: o acróbata Anselmo Siesto (da Cia Kanbahiota), o mago Pablo Muñoz (da Cia Good Idea Company), a malabarista e zancuda Andrea Floriach (delegada de Pallasos en Rebeldía en Eivissa) e Ernest Vila. 

Concretamente Pallasos en Rebeldía actuará durante a proxección de curtas infantís (o mércores, venres e sábado), realizará un “pasaareas” o xoves pola mañá con zancos, maxia e malabares, ademais de presentar e animar o concerto das dunas, dun grupo de música saharauí, o venres pola noite, entre outras actividades.

Pallasos en Rebeldía colabora noutros proxectos no Sahara, como por exemplo na creación dunha Escola de Cinema e televisión e a creación igualmente dunha rede de videotecas en todos os campamentos de refuxiados.

 

Iván Prado e os catro artistas que o acompañarán embárcanse nesta viaxe co obxectivo tamén de estudar sobre o terreo a viabilidade de realizar un Festiclown Sahara

Camiñando cara a un Festiclown Sahara

Iván Prado e os catro artistas que o acompañarán embárcanse nesta viaxe co obxectivo tamén de estudar sobre o terreo a viabilidade de realizar un Festiclown Sahara. Despois do rotundo éxito do Festiclown Palestina (realizado en setembro de 2011), Pallasos en Rebeldía non descansa no seu afán de levar o espírito revolucionario da risa e do clown a quen máis o necesitan, neste caso os nenos/as saharauís confinados no deserto alxerino dende hai xa 37 anos.

Pallasos en Rebeldía © Praza Pública
Unha imaxe do Festiclown Palestina © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.