Polonia oculta a violencia contra as mulleres

Urszula Nowakowska, directora do Centro dos Dereitos das Mulleres © Correo Diplomático

Polonia, desde que entrou na Unión Europea (UE) en 2004 experimentou un crecemento económico considerable e presume de ser un país moderno. Os expertos internacionais falan do milagre polaco, pero ese cambio agacha moitas miserias e unha das máis sanguentas é a violencia que sofren as mulleres polacas. Segundo Urszula Nowakowska, directora do Centro dos Dereitos das Mulleres, unha polaca de cada seis é vítima da violencia doméstica. Segundo as autoridades polacas, en 2008, houbo no país 86.455 casos de violencia no ámbito da familia e a maioría das vítimas foron mulleres. A situación non mellorou no últimos catro anos, segundo denuncian diversos colectivos feministas e organismos internacionais.

Segundo Urszula Nowakowska, directora do Centro dos Dereitos das Mulleres, unha polaca de cada seis é vítima da violencia doméstica

O Programa Nacional de Loita contra a Violencia Familiar posto en marcha en 2006 por varios ministerios "non deu resultados positivos, porque faltan medios, non hai vontade política e a sociedade é maioritariamente insensible a este problema", comenta unha militante feminista. Nun artigo publicado na web polaca en español PolskaViva con motivo do Día Internacional da Muller, o seu director, o xornalista zaragozano Néstor Tazueco, di: "Aquí, en Polonia, o 8 de marzo é un día bastante descafeinado" Tan só se regalan flores, tulipáns para ser máis exactos". Este xornalista español bo coñecedor de Polonia pregúntase: "Existen os malos tratos de xénero no país"

 

Moitas vítimas

Os datos falan por si sós: en España, en 2011, 66 mulleres foron asasinadas o ámbito familiar. En Polonia, que ten 10 millóns de habitantes menos que España, segundo Tazueco, foron 150 as mulleres vítimas do machismo criminal

Os datos falan por si sós: en España, en 2011, 66 mulleres foron asasinadas o ámbito familiar. En Polonia, que ten 10 millóns de habitantes menos que España, segundo Tazueco, foron 150 as mulleres vítimas do machismo criminal. O director de PolskaViva sinala que mentres "en España aprendeuse que non hai que silenciar o problema, e os medios de comunicación concienciáronse para sacar á luz até o último caso", no resto de Europa "faise mutis ante este problema".

Efectivamente, Amnistía Internacional (AI) denuncia que a violencia de xénero "segue sendo invisible" en moitos dos antigos países comunistas, como Polonia, Bulgaria, Romanía, Hungría, Lituania, Estonia e Eslovenia, aínda que tamén en Italia, Holanda, Grecia, Finlandia, Austria e Malta. En Polonia, a violencia machista non preocupa a case ninguén, excepto a uns poucos colectivos feministas e de dereitos humanos, e os medios de comunicación non se fan eco do dramático sufrimento das vítimas. A sociedade polaca "ignora ou despreza este grave problema", asegura a activista Elzbieta Janicka.

 

Fóra de Europa

Polonia aínda non asinou a convención do Consello de Europa para a prevención e a loita contra a violencia ás mulleres, cousa que si fixo un país musulmán como Turquía

Quizá sexa por este motivo que Polonia aínda non asinou a convención do Consello de Europa para a prevención e a loita contra a violencia ás mulleres, cousa que si fixo un país musulmán como Turquía. Urszula Nowakowska está convencida de que a firma desta convención dotaría a Polonia dun "cadro xurídico completo e necesario para protexer as mulleres contra todas as formas de violencia". A directora do Centro dos Dereitos das Mulleres enviou unha carta aberta ao primeiro ministro, Donald Tusk -que naquel momento era líder do gobernante Plataforma Cívica (PO, centrodereita)- na que lle recomenda a ratificación da convención do Consello de Europa. Tusk prometeu que asinaría esta convención nun congreso nacional de mulleres, pero todo parece indicar que máis da metade da poboación polaca terá que esperar máis tempo para que en materia de loita contra a violencia machista o seu país entre na Europa do século XXI.

O propio ministro de Xustiza, Jaroslaw Gowin, que representa o sector máis conservador e clerical de PO, oponse a que Polonia se equipare aos países máis avanzados de Europa, porque, ao seu xuízo, as recomendacións do Consello de Europa son contrarias "ás tradicións polacas de protección da familia". Gowin, que é un firme detractor do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, considera que os "homes polacos son boa xente", aínda que admite que o alcoholismo causa estragos neles e desemboca en moitos casos en violencia contra as mulleres.

"O problema non é só o alcoholismo e a pobreza, senón sobre todo o dominio e o control que exercen os homes sobre as mulleres", advirte Elzbieta Janicka

"O problema non é só o alcoholismo e a pobreza, senón sobre todo o dominio e o control que exercen os homes sobre as mulleres", advirte Elzbieta Janicka. O Grupo Parlamentario de Mulleres, integrado na súa maioría polas deputadas do gobernante PO, adoptou unha resolución que apoia a ratificación por Polonia do convenio europeo contra a violencia machista. O grupo rexeitou os argumentos do ministro de Xustiza.

 

Ideoloxía patriarcal

Segundo denuncian os colectivos feministas, desde o punto de vista xurídico, social e mediático, as mulleres polacas están completamente desprotexidas fronte á violencia machista, e a clase política, coa excepción do partido anticlerical e liberal Movemento Palikot, non manifesta ningunha preocupación respecto diso. Para a deputada transexual do Movemento Palikot Anna Grodzka, "a raíz ideolóxica e cultural" da violencia doméstica está "na cultura patriarcal e machista e o sometemento da muller ao home, que ten na Igrexa católica ao seu principal soporte e altofalante".

O propio Papa Xoán Paulo II, considerado un heroe nacional en Polonia, adoitaba dicir que "cando se fala da familia, os dereitos individuais non existen"

Cabe destacar que o propio Papa Xoán Paulo II, considerado un heroe nacional en Polonia, adoitaba dicir que "cando se fala da familia, os dereitos individuais non existen". A situación das mulleres polacas, en canto a dereitos e protección, é bastante peor que a das súas veciñas checas, lituanas e ucraínas. Polonia está mesmo por detrás da ultraconservadora Hungría, que polo menos se comprometeu en cambiar a lei que persegue a violación, para castigar con máis dureza aos culpables e protexer mellor ás vítimas.

 

Urszula Nowakowska, directora do Centro dos Dereitos das Mulleres © Correo Diplomático

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.