Portugal achégase a un goberno de esquerdas

Costa, nun acto electoral do PS en Coimbra © PS

O pasado 4 de outubro o electorado portugués elixiu un Parlamento sen maiorías absolutas. A coalición de dereitas do aínda primeiro ministro Passos Coelho, Portugal à frente, logrou a condición de forza máis votada con algo máis do 36% dos votos e 102 escanos. Pero a caída da dereita -11 puntos e 25 escanos- combinada co avance de catro puntos do Partido Socialista -que perdeu algo máis de 100.000 votos-, o lixeiro crecemento do Partido Comunista e o substancial avance do Bloco de Esquerda, abriu un escenario que se foi presentando como máis probable a medida que foron pasando os días: o dun Goberno de esquerda.

Tras unha campaña na que os de Passos axitaron notablemente a pantasma de Grecia -"se tivéssemos andado a ‘syrizar’, teríamos falhado", proclamou o líder do PSD-, o aspirante á reelección esgrimiu na propia noite electoral a condición de forza máis votada, reclamando implicitamente o apoio socialista, algo que non desagradou un sector dese partido. No entanto, o candidato do PS, António Costa, valorou o resultado cunha advertencia: "A maioria dos portugueses votou para que houvesse uma mudança de Governo. Mas essa maioria ainda não se traduziu numa maioria de Governo". E foi esa maioría o que se lanzou a procurar.

Tras case dúas semanas de contactos a múltiples niveis entre PS, Bloco e PCP, pero tamén dos socialistas cos socios de Portugal à Frente, Costa sinalaba alimentaba en declaracións á axencia Reuters as esperanzas do cambio. "Aquilo que, neste momento, se constata é que, para já, o PS está em melhores condições, do que a direita, para assegurar a formação de um Governo que seja estável para os próximos quatro anos". Nesas declaracións o líder socialista introducía un matiz que non é menor: un Goberno apoiado polo Bloco e o PCP tería posibilidades de cumprir os compromisos coa UE, coa troika.

Neste escenario, o xornal Público informaba este venres dun paso máis nas conversas. O PS segue a negociar por separado con BE e PCP e, pola súa banda, os líderes bloquista e comunista, Catarina Martins e Jerónimo de Sousa, sentaron á mesma mesa para valoraren a posibilidade de que os tres partidos sexan quen de fiar un "programa mínimo" que garanta un Goberno estable e, ao tempo, garanta a aplicación de medidas como reverter parte dos recortes aplicados pola dereita durante o rescate sen que isto implique un conflito coas autoridades comunitarias.

Costa: "O PS está em melhores condições, do que a direita, para assegurar a formação de um Governo que seja estável para os próximos quatro anos"

Mentres, xuntos e por separado, os compoñentes de Portugal à Frente auguran un regreso ao peor da crise económica no caso, na banda esquerda trabállase xa no que tería que ser o seu primeiro grande acordo: a confección dos vindeiros Orzamentos do Estado para 2016, cuxo bosquexo está a reclamarlle xa a Comisión Europea ao goberno de Passos. Así e todo, o aínda primeiro ministro, recolle a RTP, mantén unha actitude ao respecto que contrasta notablemente, por exemplo, coa do Goberno de España, que aproba as vindeiras contas públicas sen saber se as vai xestionar.

Tras manteren múltiplas xuntanzas co PS, Bloco e PCP reuníronse este venres

"Comunicámos à Comissão Europeia que, dadas as circunstâncias particulares em que estamos, que coincidem com o período de transição em que um novo Governo será formado muito em breve, não faria sentido que o Governo que está de saída apresentasse o projeto de um orçamento que não vai fazer", di o cabeza de lista de PAF. O proxecto, salienta, debe ser "elaborado pelo novo Governo", aínda tendo en conta a posibilidade, aínda real, de que o dirixa el mesmo.

O primeiro reto do novo Goberno é aprobar os Orzamentos

Neste escenario, Portugal permanece á expectativa do que poida acontecer a vindeira semana, cando o presidente da República, Aníbal Cavaco Silva, terá que encargar a formación de Goberno a Passos ou a Costa. Segundo analiza a prensa portuguesa, todos as posibilidades permanecen abertas, e non é desdeñable o escenario no que Cavaco designe a Passos por ser o máis votado e, unha vez investido, sexa desbancado por unha moción de censura na que non abondaría con que PCP e BE se abstivesen, senón que terían que votar a favor xunto ao PS.

Passos, durante a campaña © PAF
Ruada do Bloco en Lisboa CC-BY-NC-SA Bloco de Esquerda
Jerónimo de Sousa, do PCP, valorando os resultados © PCP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.