Portugal activa un plan para previr a chegada do brote de dengue que afecta á Madeira

Vista da cidade de Machico, na Madeira © Vieiros

Non é estraño que novas relevantes que acontecen en Portugal pasen desapercibidas en Galicia, aínda que acontezan a escasos quilómetros da fronteira ou mesmo afecten a intereses galegos. Así aconteceu, por exemplo, coa instalación de peaxes nas antigas autovías portuguesas, operación que as autoridades galegas pasaron por alto ata que os medios de comunicación a reflectiron. O mesmo sucedeu, na outra beira do Miño, coas recentes eleccións ao Parlamento de Galicia. E algo semellante está a suceder, de novo desta banda, co brote de dengue que está a afectar dende outubro á illa da Madeira e cuxo crecemento preocupa notablemente ao Goberno do país veciño, ata o punto de activar un plan de continxencias ante a posible chegada da enfermidade dende a illa ata o continente e, polo tanto, potencialmente tamén a territorios lindeiros con Galicia.

Nomeadamente, segundo recolleu nos últimos días a prensa portuguesa, o Ministerio da Saúde portugués prevé que "antes de fin de ano" terá "preparado e testado" un dispositivo para "previr a chegada e evitar que se instalen no continente" os mosquitos que transmiten a enfermidade, fundamentalmente o mosquito Aedes Aegypti. En declaracións á axencia Lusa o director xeral da Saúde do país veciño, Francisco George, explicou que o plan contempla a "creación dunha plataforma de especialistas en entomoloxía e en saúde pública" co obxectivo fundemental de "afinar os sinais de sentinela" que "permitan identificar a eventual introdución de mosquitos invasores".

Esta "eventual chegada", subliña George, é "unha posibilidade" e, polo tanto, non é "inevitable", se ben non é posible "anticipar o fenómeno da introdución dos mosquitos", polo que, no caso de chegaren, cómpre "evitar a súa instalación", momento no que o risco estaría máis próximo a Galicia. Polo momento, segundo os datos que manexa o goberno portugués só foron "diagnosticados en Portugal continental" nove casos desta enfermidade, "todos importados da Madeira ou do Brasil" e "todos de evolución benigna".

En Portugal continental foron diagnosticados nove casos, "todos importados da Madeira ou do Brasil"

Non obstante, a evolución da enfermidade -que se manifesta a través de síntomas como dores de cabeza, febre ou pequenas hemorraxias- é seguida de cerca porque, en menos de dous meses, "foron notificados 1.357 casos", dos cales 669 están xa "confirmados" no laboratorio e 688 son "probábeis -presentan síntomas pero agardan confirmación-". Atendendo ás estatísticas oficiais do Ministerio da Saúde de Portugal, o pasado día 14 -último dato dispoñible- foran hospitalizadas 89 persoas a causa do brote, dos cales 5 permanecían aínda ingresados nun centro sanitarios. Ningún dos casos tivo resultado de morte, resaltan as autoridades lusas.

Vista da cidade de Machico, na Madeira © Vieiros
Cartaz do goberno rexional sobre o brote de dengue © Goberno da Madeira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.