Portugal acudirá ás urnas en pleno confinamento, que empeza este xoves ante o duro impacto da COVID

Cartel para o uso de máscara obrigatorio, en Portugal CC-BY-ND Ordem dos Contabilistas

Portugal acode ás urnas en pleno confinamento. A cidadanía portuguesa está chamada a elixir o próximo presidente da República o vindeiro domingo 24 de xaneiro, cando o país veciño leve xa dez días pechado na casa

Portugal elixirá presidente da República o domingo 24, dez días despois da volta ao confinamento, desde o vindeiro xoves

O Goberno portugués vén de confirmar que volve ao confinamento a partir deste xoves 14, logo de que se disparasen os positivos, con picos de case 10.000 casos notificados por día e de máis de cen persoas falecidas. 

Neste 10 de xaneiro, Portugal rexistrou 102 falecementos e 7.502 casos novos, con 3.770 persoas hospitalizadas por COVID, 558 delas en UCI. A situación da pandemia sería equivalente, tendo en conta a poboación, coma se Galicia roldase os 2.000 casos notificados por día. 

Unha imaxe de Lisboa en abril de 2020 © Câmara Municipal de Lisboa

O Goberno luso prevé un confinamento similar ao da primeira onda aínda que coas escolas abertas desta vez

Os detalles deste novo confinamento coñeceranse entre este luns e o martes, aínda que o primeiro ministro, António Costa, xa adiantou que sería moi semellante ao decretado durante a primeira onda do coronavirus --en marzo--, aínda que as escolas permanecerán abertas. A hostalería e o comercio non esencial quedarán pechados. 

O confinamento será, en principio, durante quince días --período necesario para renovar o estado de emerxencia-- pero a idea é que se amplíe por máis tempo. 

Xa que logo, no medio deste confinamento chegarán as eleccións presidenciais, as primeiras que se desenvovlen en Portugal durante a pendemia, con campaña adaptada e máis reducida que poderían aumentar a abstención, segundo prevén moitos analistas. 

A Direcção-Geral da Saúde de Portugal xa emitiu un conxunto de recomendacións para a xornada electoral, na que o uso da máscara será obrigatorioe na que os membros das mesas deberán usar luvas. 

Marcelo Rebelo de Sousa, presidente de Portugal CC-BY-SA Web Summit

De acordo coa lei portuguesa, o candidato debe recibir a maioría absoluta dos votos (50% máis un) na primeira volta para ser eleito. De non conseguilo, realizaríase unha segunda volta entre os dous candidatos que recibisen máis apoios na primeira. 

Os inquéritos apuntan a unha ampla vitoria do actual presidente, Rebelo de Sousa, na primeira volta

O atual presidente é Marcelo Rebelo de Sousa, que gañou as eleccións en 2016 co 52% dos votos na primeira volta. Os inquéritos no país veciño apuntan a unha nova vitoria, desta vez mesmo máis ampla, do candidato apoiado polo PSD e CDS Nunha das últimas enquisas para varios medios o actual presidente acadaría perto do 62% dos votos. Tería unha vantaxe de máis de 40 puntos con Ana Gomes, apoiada polo PS. 

Rebelo de Sousa, precisamente, confirmaba este luns que deu positivo por COVID-19 nunha PCR tras un resultado negativo nun test de antíxenos. Segundo a Presidencia da República, polo momento non ten síntomas e continúa a traballar, aínda que en illamento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.