Que vai pasar en Grecia?

Mitin de Syriza © Syriza

O 1 de novembro do pasado ano o daquela presidente grego, o socialista Yorgos Papandreu, anunciaba que sometería a referendo o segundo rescate ofrecido pola UE, 130 mil millóns de euros, e a conseguintes reformas, privatizacións e recortes. Non debera ter sido tan estraño que un país sometese a unha consulta democrática a aprobación dunhas medidas tan importantes, pero o caso é que finalmente a presión dos principais Gobernos europeos e do FMI obrigou a Papandreu a anular o referendo, e tampouco se decidiu por adiantar as eleccións. Alguén decidira que se debía protexer os gregos de si mesmos, e que un rexeitamento maioritario ao acordo coa troika tería consecuencias fatais.

Pero as democracias celebran eleccións, e o 6 de maio Grecia celebrou comicios lexislativos que lle deron ao partido conservador de Nova Democracia unha pírrica vitoria (obtivo o 18,9% dos votos), insuficiente para formar goberno a pesar de que o sistema electoral grego outorga automaticamente 50 deputados máis ao partido máis votado. Estas eleccións debuxaron un escenario de fragmentación e feriron de morte o sistema bipartidista (Nova Democracia/Pasok) que rexera o país durante medio século; entre os dous grandes partidos sumaron pouco máis do trinta por cento dos votos. Tamén significaron a emerxencia de Syriza, unha complexa coalición de esquerdas conformada por grupos eurocomunistas, ecoloxistas, trotskistas, socialdemócratas esgazados do Pasok, colectivos de cidadáns indignados... Co 17% por cento dos votos conformouse como alternativa.

Os comicios foron polarizándose entre Nova Democracia e Syriza

Este domingo repítense as eleccións lexislativas, e a pesar de que continúa a fragmentación e de que grupos coma Pasok, Esquerda Democrática, Gregos Independentes ou o Partido Comunista teñen estimacións de voto semellantes ás do mes pasado, nestas últimas os comicios foron polarizándose entre Nova Democracia e Syriza (agora convertida en coalición estable, o que lle permite optar ao bonus de 50 deputados), e entre a continuidade do rescate negociado, os recortes e as privatizacións e a aposta de Syriza: rescisión unilateral e renegociación do acordo coa troika, eliminación da conxelación de salarios e pensións e a elevación dos impostos para as grandes empresas. Todo, nun país que leva cinco anos en recesión, que ten un 22% de paro e que o ano pasado sufriu recortes dun 25% nas pesións e dun 30% nos salarios dos funcionarios.

Tsipras definiu o seu programa como unha "revolución pacífica" cuxo obxetivo será que "todo o mundo teña dereito a un salario decente, a unha pensión decente e á seguridade social"

Ademais das grandes decisións xa referidas, Syriza prometeu que se accede ao goberno nacionalizará o sistema bancario “recapitalizando as entidades con accións comúns con dereito a voto, o que chamamos socialización do sistema bancario”, segundo dixo Tsipras, que asegurou que os bancos quedarán “baixo o control público e social para que os depositantes gregos estean a salvo”. Tsipras definiu o seu programa como unha "revolución pacífica" cuxo obxetivo será que "todo o mundo teña dereito a un salario decente, a unha pensión decente e á seguridade social".

As sondaxes amosan unha igualdade case total entre os dous partidos, que se situarían entre o 25% e o 32% dos votos. A enquisa máis favorable para a esquerda, a do xornal Kathimerini, dálle un 31,7% dos votos, e uns 134 deputados, a 17 da maioría absoluta no Parlamento. Iso si, son maioría os gregos que din que Nova Democracia gañará as eleccións.

 

Syriza: unha batalla a nivel europeo

As mensaxes lanzadas pola prensa e os partidos conservadores e socioliberais, inciden nas "terribles consecuencias" que tería unha vitoria da esquerda

Syriza preséntase ás eleccións cun claro programa de reformas, pero en todo momento deixou claro que aposta por seguir no euro. Porén, as mensaxes lanzadas pola prensa e os partidos conservadores e socioliberais, inciden nas "terribles consecuencias" que tería unha vitoria da esquerda nas eleccións que, din, levaría a Grecia fóra da moeda única e a unha tormenta nos mercados, contra Grecia e contra as demais economías periféricas, comzando por España, Portugal e Italia.

Tamén se lanzaron globos-sonda referidos a que unha vitoria da esquerda levaría a unha inmediata fuxida de capitais do país (obviando que isto leva tres anos pasando en Grecia), e que a UE podería impoñer un corralito nas entidades financeiras e controis fronteirizos. Syriza respondeu a isto que "os que especulan son os partidos que nos levaron á bancarrota, os banqueiros que temen perder o control dos bancos que eles mesmos levaron á bancarrota e os representantes da corrupción política". O discurso do medo nas últimas semanas chegou a tales extremos en Grecia que Syriza optou por tomalo a broma, e mesmo elaborou cartaces nos que se comparaba a si mesmo con Godzilla destruíndo cidades, ou spots televisivos nos que se atribuía como culpable dos meirandes males. 

O discurso do medo nas últimas semanas chegou a tales extremos en Grecia que Syriza optou por tomalo a broma, e mesmo elaborou cartaces nos que se comparaba a si mesmo con Godzilla destruíndo cidades

Se a dereita comezou a facer das eleccións gregas unha cuestión que afectaba a todo o continente, a esquerda tamén o fixo. Así, foi moi comentado en medios e redes sociais o apoio emprestado por Slavoj Žižek a Syriza nun acto público en Atenas, os artigos de James Petras afirmando que "En Grecia, a esquerda consecuente é Syriza", as análises de politólogos e intelectuais interesados polo fenómeno, ou as declaracións de líderes políticos de partidos políticos de esquerda de todos os países incidindo en que unha vitoria de Tsipras podería supor un "cambio de rumbo" na política da UE e o comezo dunha estratexia diferente para saír da crise.

Os propios dirixentes de Syriza elevaron a súa aposta e levaron os comicios gregos a unha dimensión europea. Afirmaron, por exemplo que se Bruxelas segue esixindo a aplicación das medidas de axuste despois dun triunfo da esquerda nunhas eleccións que se interpretan como un plebiscito, "significará que a UE non recoñoce a democracia". Tsipras tamén dixo que "unha Europa sen democracia non ten futuro político. Tampouco credibilidade. Unha Europa sen Grecia estará culturalmente inválida".

Tsipras aformou que se Bruxelas segue esixindo a aplicación das medidas de axuste despois dun triunfo da esquerda nunhas eleccións que se interpretan como un plebiscito, "significará que a UE non recoñoce a democracia"

Ninguén sabe que pode pasar o domingo. As enquisas están moi axustadas e xa nas eleccións de maio máis dun terzo dos votantes recoñeceu que mudara o seu voto na propia campaña electoral e case un vinte por cento afirmou telo decidido no propio domingo dos comicios. Tampouco se sabe que pode pasar ao día seguinte, se Syriza (ou Nova Democracia) serían quen de formar goberno, se o Pasok apoiaría o candidato da dereita para manter o acordo coa troika, ou cal pode ser a reacción da UE, do FMI e dos mercados no caso de que Syriza rache unilateralmente o acordo coa troika. O domingo os gregos votan (unha parte) do futuro de todos os europeos.

Alexis Tsipras, líder de Syriza © eparousia.gr
Mitin de Syriza © Syriza
Cartaz de Syriza © Syriza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.