Queres aprender chinés en Taiwan? O IGADI dáche a oportunidade

Imaxe da convocatoria das bolsas © IGADI

Por cuarto ano consecutivo, e no marco dun convenio de cooperación subscrito coa Academia de Taiwán en colaboración coa Oficina Económica e Cultural de Taipei en España (OECT), o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) xestiona a convocatoria de dúas bolsas Huayu 2015 para aprendizaxe do idioma chinés mandarín por un período de seis meses en Taiwán.

A convocatoria está dirixida a persoas maiores de idade (18 anos), de nacionalidade española e con nivel mínimo de Bacharelato. O período de duración das bolsas Huayu 2015 abrangue desde o 1 de setembro de 2015 ao 28 de febreiro de 2016. No proceso de selección serán avaliados favorablemente aqueles candidatos e candidatas que teñan título da Proba de Competencia en Chinés-Mandarín (TOCFL, mínimo Nivel 2).

O período de presentación de solicitudes finaliza o próximo 31 de marzo de 2015. A listaxe de preseleccionados publicarase antes do próximo 30 de abril de 2015. Só se aceptan solicitudes vía Correo Postal, con data de envío anterior ao 1º de abril de 2015, ao seguinte enderezo:

Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI)
Attn. Convocatoria de Beca de Huayu 2015
Avenida Joselín 7, Portal 3, 4ºB
36300 Baiona (Pontevedra)

 

Informe anual sobre a política chinesa

O Observatorio da Política China (OPCh) do IGADI vén de presentar dúas novas publicacións: o Informe Anual sobre a Política China 2015 e o informe Taiwán 2015. 10 Claves y 10 Personajes de 2014. Una Inflexión en Dos Tiempos, fundamentais para entender a actualidade e as tendencias políticas e económicas nestes dous países e en toda a rexión. Este Informe Anual sobre la Política China 2015 contén unha completa análise sobre o acontecer de China durante 2014, as Previsións 2015, os principais Protagonistas, Cronoloxía 2014, Listaxe de Acrónimos e Datos Sobresalientes 2014. Pola súa banda, o informe Taiwán 2015. 10 Claves y 10 Personajes de 2014. Una Inflexión en Dos Tiempos, ofrece unha panorámica sobre os acontecementos e as personaxes máis salientables da vida política, económica, social e diplomática taiwanesa.

O Observatorio da Política China (OPCh) é un centro de reflexión e análise impulsado polo IGADI e Casa Asia, coa finalidade de ofrecer un seguimento e estudo sobre a evolución política, económica, de seguridade e de relacións exteriores de China.

Imaxe da convocatoria das bolsas © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.