Serbia: A vitoria de Nikolic créalle interrogantes a Bruselas

Tomislav Nikolic © Correo Diplomático

A vitoria do candidato ultranacionalista e populista Tomislav Nikolic, de 60 anos, nas eleccións presidenciais serbias, o pasado 20 de maio, expón serias dúbidas a Bruxelas sobre a capacidade de Serbia para seguir o proceso de adhesión á Unión Europea (UE). Nikolic, que lidera o Partido Progresista Serbio (SNS), foi, contra todo prognóstico, o vencedor dos comicios fronte ao presidente saínte, o europeísta Boris Tadic, de 54 anos, que encabeza o Partido Democrático (DS). Na primeira volta electoral, Tadic, que ademais de colaborar coa xustiza internacional para a localización e detención de criminais de guerra serbios, fixo unha aposta firme pola modernización de Serbia e o seu ingreso na UE, e ten o apoio de boa parte da clase media urbana e a mocidade, acadou o 26,7% dos votos, apenas un punto máis que o seu adversario nacionalista.

Soubo atraer o voto dos sectores populares máis castigados pola crise económica que azouta a Serbia, onde o desemprego acada o 24% e o soldo medio mensual non supera os 350 euros

Para non asustar a Europa e aos seus votantes menos radicalizados, Nikolic tivo que moderar o seu discurso político e xa non rexeita o achegamento entre Belgrado e Bruxelas. Ademais, soubo atraer o voto dos sectores populares máis castigados pola crise económica que azouta a Serbia, onde o desemprego acada o 24% e o soldo medio mensual non supera os 350 euros. Os dous adversarios competiron nas eleccións presidenciais de 2004 e 2008 e en ambas as ocasións o vencedor foi o europeísta Tadic.

O presidente derrotado, que en 2004 se converteu no primeiro mandatario non comunista de Serbia, recoñeceu a súa derrota e pediu a Nikolic que siga coa mesma política que dentro duns anos debería conducir a Serbia ao clube europeo. Xa se verá se os desexos do moderado Tadic se cumpren. O presidente do Consello Europeo, Herman Van Rompuy, e o xefe da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, felicitaron a Tomislav Nikolic pola súa vitoria, desexáronlle "éxito" na solución dos problemas aos que se enfronta Serbia e expresaron a esperanza de que o compromiso de Belgrado coa integración na UE non se vexa atrasado. De momento, hai preocupación en Bruxelas, porque non se sabe de certo se, en materia europea, Nikolic seguirá a mesma política que Tadic, que o pasado mes de marzo logrou a candidatura do seu país á integración na Unión.

 

Bases nacionalistas

Gañou o voto da protesta e do descontento pola situación económica e social

Nikolic xa non é antieuropeísta como no pasado, pero segundo diversos analistas, unha parte importante do seu electorado non ve á UE con bos ollos e é sensible aos posicionamentos radicais dos sectores ultranacionalistas do país. O propio Nikolic, na década dos 90 do século pasado, foi viceministro durante o Goberno ultranacionalista e autoritario de Slobodan Milosevic. De nada serviu que Tadic defendese un discurso modernista e europeísta na campaña electoral e relegase a un segundo plano o tema da independencia alcanzada unilateralmente en 2008 por Kósovo, que Belgrado non recoñece.

Finalmente gañou o voto da protesta e do descontento pola situación económica e social. Este voto recólleo o vencedor dos comicios, pero tamén conta con outros defensores, coma o Partido Radical de Vojislav Seselj, que está encarcerado na Haia á espera de que o Tribunal Penal Internacional para a antiga Iugoslavia (TPIY) o xulgue por crimes de guerra, e varios grupos menores

 

Alianza para gobernar

As lexislativas foron gañadas polos ultranacionalistas do SNS, pero unha alianza entre o DS de Boris Tadic e os socialistas de Ivica Dacic arrebatoulle o goberno a Tomislav Nikolic

Un elemento positivo destas eleccións foi que se celebraron nun ambiente de normalidade. Segundo a investigadora francesa no Instituto de Relacións Internacionais e Estratéxicas (IRIS) Gaëlle Pério Valero, "asistimos a unhas eleccións normais en Serbia", unha opinión que compartiron os observadores da Organización para a Cooperación e a Seguridade en Europa (OSCE). O director de programa do Centro para as Eleccións Libres e a Democracia (CESID) de Serbia, Marko Blagojevic, declarou que só se rexistraron unhas poucas irregularidades sen importancia. Na primeira volta electoral tamén se celebraron comicios lexislativos e locais.

As lexislativas foron gañadas polos ultranacionalistas do SNS, pero unha alianza entre o DS de Boris Tadic e os socialistas de Ivica Dacic arrebatoulle o goberno a Tomislav Nikolic.

Tomislav Nikolic © Correo Diplomático

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.