Os partidos que xestionaron a pandemia e a campaña de vacinación nas tres nacións de Gran Bretaña foron os claros gañadores do Superxoves electoral celebrado o pasado 6 de maio.
Nestas eleccións elixíronse os parlamentos nacionais de Gales e Escocia e as corporacións municipais e alcaldías de moitos concellos e áreas metropolitanas de Inglaterra.
Desde finais dos 90, as competencias de Sanidade no Reino Unido están descentralizadas aos Gobernos de Gales e Escocia, mentres en Inglaterra son responsabilidade do Goberno británico que dirixe o primeiro ministro Boris Johnson.
Nestas eleccións elixíronse os parlamentos nacionais de Gales e Escocia e as corporacións municipais e alcaldías de moitos concellos e áreas metropolitanas de Inglaterra.
O actual reparto do poder levou tamén a un reparto equitativo da vitoria entre os grandes partidos do país. Mentres en Inglaterra os vencedores foron os Conservadores, que gañaron 230 concelleiros máis dos que tiñan, principalmente a costa do Laborismo, en Gales os votantes depositaron a confianza no seu primeiro ministro laborista, Mark Drakeford, que quedou a un deputado da maioría absoluta, igualando os mellores resultados do partido na curta historia da autonomía galesa.
Algo similar aconteceu en Escocia, onde o Partido Nacionalista Escocés (SNP) da actual primeira ministra Nicola Sturgeon subiu representación con respecto ao anterior mandato, ficando a un escano da absoluta.
Iso non quere dicir que o soberanismo non teña maioría en Holyrood, que é como se coñece ao Parlamento de Escocia, xa que os Verdes escoceses, que tamén apoian a independencia, obtiveron oito deputados.
Os resultados destas eleccións abriron dúas crises. A primeira, dentro do partido Laborista, onde o seu líder Keir Starmer é máis cuestionado internamente agora que hai dúas semanas. A segunda, a nivel nacional, xa que a maioría a favor da independencia de Escocia dá un novo impulso ás demandas de convocar un novo referendo de autodeterminación, algo ao que se opón o Goberno central, que considera que non pasou o tempo suficiente desde a última consulta celebrada en 2014, na que un 55% dos escoceses votou en contra da separación do Reino Unido.