Tempo Exterior dedícalle a Uruguai o seu novo número

O Frente Amplio é favorito para gañar as eleccións presidenciais, que se celebrarán en outubro © http://eldiario.com.uy/

Uruguai leva meses estando de actualidade, nomeadamente pola axenda de reformas lexislativas de signo progresista (legalización do aborto, do matrimonio homosexual ou da marihuana) levadas a cabo polo goberno do presidente José Mujica, cunha importante presenza mediática igualmente en Europa. O 2014 é ano electoral no pequeno país sudamericano, coa celebración da elección presidencial en outubro, que será precedida de eleccións internas (unha caste de primarias) en todos os partidos en xuño. Ademais, renovaranse as dúas cámaras. O esquerdista Frente Amplio é favorito para renovar o seu dominio e o ex presidente Tabaré Vázquez aparece como o mellor posicionado para facerse coa presidencia. 

Tempo Exterior, a revista de análise e estudos internacionais do IGADI, afonda no seu último número (o 27, correspondente ao segundo semestre de 2013) nos procesos políticos abertos en Uruguai, reflexionando por exemplo sobre os cambios económicos do Uruguai da Fronte Ampla durante o período 2005-2012, condicionado polo “crecemento dependente” (Jorge Ángel Notaro Roumas). Analiza tamén os avances da esquerda na configuración dun modelo de distribución do benestar (Carmen Midaglia, Marcelo Castillo e Guillermo Fuentes); as esixencias do “cambio no cambio” dentro das forzas progresistas uruguaias (Gerardo Caetano); e finalmente a definición de novas prioridades na política exterior da Fronte Ampla (Lincoln Bizzozero Revelez).

O segundo bloque da revista, de carácter mais global, pondera a proliferación de resistencias, disidencias e protestas sociais contra as desigualdades e déficits emanados da globalización neoliberal

O segundo bloque da revista, de carácter mais global, pondera a proliferación de resistencias, disidencias e protestas sociais contra as desigualdades e déficits emanados da globalización neoliberal. Afonda, por exemplo, na encrucillada das democracias nos “tempos de austeritarismo” (Manuel M. Barreiro), contextualizada na persistente violación de dereitos humanos tan básicos como a privacidade e reflectidos a través do “caso Snowden” e a espionaxe global (Alfonso Sola e Luís Pousa), sen esquecer as contradicións dun modelo produtivo que menospreza a necesidade dunha “economía ambiental” como modelo alternativo (Javier López Prol). Finalmente, esta sección presta unha atención especial ás revoltas sociais que tiveron lugar en Brasil a mediados de 2013 (Ricardo Antunes), que cuestionaron as perspectivas esaxeradamente “positivistas” sobre o crecemento económico brasileiro e expresaron ese desencanto global cun sistema que con independencia de quen o xestione non satisfai as arelas básicas das persoas, sacrificadas no altar dos mercados.

Este número de Tempo exterior complétase con diversos temas de actualidade, con especial incidencia no labirinto exipcio tralo golpe militar de xullo de 2013 (David Alvarado); o papel de China en África como actor informativo (Edith Papp); o Xapón de Shinzo Abe e as súas ansias de “normalización” e remilitarización (Masashi Oki); e finalmente unha ollada a Chechenia (Marta Ter Ferrer), esquecida e ignorada pola comunidade internacional a pesar de ser obxecto de graves crimes contra a humanidade.

O Frente Amplio é favorito para gañar as eleccións presidenciais, que se celebrarán en outubro © http://eldiario.com.uy/
Capa no novo número de Tempo Exterior © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.