Ucraína seis meses despois

A praza Maidán CC-BY-NC-SA Michael Kötter

Un paseo polo Maidán (a praza principal de Kiev) é hoxe en día unha experiencia contraditoria e estraña. Por un lado, queda o vívido recordo de todas as persoas mortas nas revoltas, e por outro existe unha gran sensación de baleiro e impotencia respecto a tódolos ideais que por aquel entón afloraron. Os improvisados altares aos caídos comparten espazo cos postos de souvenirs, onde se pode adquirir un imán de neveira dun activista prendido en lume. Ou pódese aproveitar para fotografarse ante un tanque cun oso panda ou unha cebra. Mentres, na seguinte cidade do país en tamaño, Donetsk, os mortos acumúlanse na morgue.

 

Os comezos

A faísca que orixinou as protestas de novembro foi a negativa do entón Presidente Yanukovich a firmar o Acordo de Asociación coa Unión Europea. Aínda que as razóns de fondo eran moitas e variadas: corrupción, incompetencia e afastamento da clase política, falta de órganos democráticos funcionais... tras aproximadamente un cento de mortos, e pola forza, o Presidente electo en 2010 por unha ampla maioría foi destituído (nun acto que pode ser considerado tecnicamente un golpe de estado), quedando o Goberno en mans do entón presidente do Parlamento, Alexander Turchinov, man dereita da oligarca proeuropeista Yulia Timoshenko.

Dende entón, o país non fixo máis que abalanzarse ao precipicio. O goberno interino non soubo facer fronte á situación de Crimea, nin á actual escalada de violencia no leste. Tampouco conseguiu ningún acordo que permitirse mellorar a situación económica nin coa UE/EEUU/FMI nin con Rusia. O que si conseguiu é subir o xa de por si altísimo grao de corrupción, e facer desaparecer partidas enteiras de diñeiro público en misteriosas circunstancias.

Foi elixido cun 56% dos votos un dos principais promotores do movemento do Maidán, aínda que non poidamos dicir que sexa un activista. Trátase de Petro Poroshenko, o rei do chocolate ucraíno

E así chegamos ás elección do 25 de maio, cun país ao borde da bancarrota e dividido en dous. Nesta data foi elixido cun 56% dos votos un dos principais promotores do movemento do Maidán, aínda que non poidamos dicir que sexa un activista. Trátase de Petro Poroshenko, o rei do chocolate ucraíno, xa que é un coñecido oligarca da industria alimentaria (entre outros intereses), e cunha fortuna estimada en 1.000 millóns de dólares. Nas súas primeiras declaracións trala elección, Poroshenko prometeu diálogo con Rusia e man dura cos “terroristas” do leste. Tamén prometeu a recuperación de Crimea, o que parece dificilmente realizable ante a firmeza da postura de Moscú.

Nestas eleccións foi elixido tamén o novo Alcalde de Kiev, o ex boxeador Vitaly Klichko, próximo ao Partido Popular Europeo e protexido de Merkel. Tamén na súa primeira declaración fixo promesas, a destacar a de limpar o centro de Kiev: “O Maidán xa cumpriu o seu obxectivo”, afirmou. É un feito significativo que os mesmos que financiaron e promoveron o Maidán, unha vez no poder queiran “limpalo”.

 

Mentres, no leste

A situación é certamente complicada, con moitos intereses en xogo, señores da guerra, milicias e grupos afastados entre si, o que configura unha situación que ninguén acerta a controlar con garantías

A situación a uns centos de quilómetros de Kiev é moito máis caótica. Os oligarcas da zona e membros da antiga garda do goberno de Yanukovich refúxianse nas provincias de Donetsk e Lugansk, onde autoproclamaron o día anterior ás eleccións presidenciais ucraínas o novo estado de Novorossiya. Alí, fanse fortes grazas a milicias locais e mercenarios rusos e chechenos para protexer os seus intereses. A situación é certamente complicada, con moitos intereses en xogo, señores da guerra, milicias e grupos afastados entre si, o que configura unha situación que ninguén acerta a controlar con garantías.

O rei do chocolate prometeu man dura cos terroristas, e o mesmo día seguinte ás eleccións, fortes enfrontamentos no aeroporto de Donetsk e arredores deixaron cando menos 45 mortos, 3 deles civís. O Goberno utilizou activamente a aviación de combate, con cazas e helicópteros sobrevoando a cidade, algo máis propio dunha guerra que dunha operación antiterrorista.

O futuro móstrase realmente escuro para un estado que fai ben pouco daba unha (falsa) imaxe de progreso e modernidade organizando a Eurocopa e sendo candidato a entrar na UE

O que comezou en decembro coma manifestacións pacíficas, converteuse en revoltas en xaneiro, pasou a revolución en marzo, e cara ao final de maio xa se escoita falar de guerra civil. Así, Ucraína encontrase partida en dous nestes momentos, debido a unha serie de condicionantes xeográficos, históricos e culturais, e por riba de todo, económicos e xeopolíticos. O futuro móstrase realmente escuro para un estado que fai ben pouco daba unha (falsa) imaxe de progreso e modernidade organizando a Eurocopa e sendo candidato a entrar na UE.

 

Un cruel xogo

As compañías Chevron e Exxon firmaron co anterior Presidente Yanukovich acordos multimillonarios para explotar parte das grandes reservas de gas de xisto que hai no subsolo do país

Ucraína (que se traduce literalmente coma no borde) é unha peza importante no taboleiro do xogo mundial. É paso obrigado para o gas que cruza de Rusia a Europa: un 25% do gas que consumimos ven de Rusia, e alí isto supón case un 15% do PIB. Estados Unidos tamén ten grandes intereses en xogo respecto ao gas de Ucraína. As compañías Chevron e Exxon firmaron co anterior Presidente Yanukovich acordos multimillonarios para explotar parte das grandes reservas de gas de xisto que hai no subsolo do país, utilizando técnicas moi agresivas co medio ambiente (fracking).

Ademais, Ucraína é unha das grandes exportadoras mundiais de gran grazas á súa fértil terra negra (chernozem), sendo considerada coma o celeiro de Europa, e cun de cada catro asalariados do país traballando na agricultura e silvicultura. Tamén conta con vastos recursos minerais.

Estas riquezas coas que conta o país suponse que deberían ser unha bendición, pero na actualidade estanse a converter máis ben nun lastre que leva ao país cara a guerra civil debido a este cruento xogo de intereses internacionais. Europa e Estados Unidos non dubidaron en financiar a grupos de extrema dereita, que expresaron en sede parlamentaria o seu odio antisemita e racial, e apoiar a oligarcas corruptos. Todo vale con tal de arrincar a Ucraína da influencia rusa, golpeándoa no seu propio patio traseiro, e conseguindo un novo goberno amigo co que poder facer suculentos negocios.

A coalición occidental non está a xogar ben de todo as súas cartas, debido entre outros factores, á ineficacia das tácticas utilizadas por EEUU sobre o terreo e á falta de coordinación da intelixencia europea

Pero a coalición occidental non está a xogar ben de todo as súas cartas, debido entre outros factores, á ineficacia das tácticas utilizadas por EEUU sobre o terreo e á falta de coordinación da intelixencia europea. Rusia non queda atrás nesta partida, onde Putin estase a mostrar coma un xogador intelixente e arriscado. A anexión de Crimea en tempo récord e sen case pegar un tiro así o demostran. En Novorossiya, a situación é máis difícil, e a pesar do apoio ás milicias locais de tropas de elite rusas e chechenas, a situación ten todas as trazas de enquistarse e converterse nun conflito de longo percorrido. A pesar disto, as tensións occidente-rusia non parece que vaian ir máis lonxe das fronteiras ucraínas, debido á interdependencia económica de ambos bandos e ao peso das fortunas dos oligarcas do país na bolsa de Londres. O que queda claro é que a vontade do pobo ucraíno de decidir o seu propio futuro queda dobregada a estes intereses transnacionais, converténdose nos danos colaterais da partida.

En medio de todo este alboroto, cabe destacar o papel que xogan os grandes medios de comunicación, tanto rusos coma occidentais, cunha labor propagandística e pouco informativa que está levando o conflito a novos niveis de enfrontamento propagandístico. O seu papel non vai máis aló de apoiar a un ou outro bando, ocultando ou agrandando feitos a conveniencia, e desmontando ao contrario cos argumentos máis peregrinos.

 

Maidan 3.0

“Aquí morreron amigos meus, e eu aínda me estou a recuperar das miñas feridas. Non penso marchar ate que vexa cambios verdadeiros”, di enfadado Yuriy Ponomarenko

Con esta difícil situación, o futuro de Ucraína pode que se reflicta a través do Maidán. Ninguén se atreve a vaticinar o que pasará aquí en próximas datas. Entre os acampados, unha ampla maioría parece telo claro en contra das verbas do novo alcalde: “Aquí morreron amigos meus, e eu aínda me estou a recuperar das miñas feridas. Non penso marchar ate que vexa cambios verdadeiros”, di enfadado Yuriy Ponomarenko, un parado que leva dende novembro acampado en pleno Maidán. Nembargantes, non ten moi claro cando e como chegarán eses cambios, e é optimista respecto ao recén elixido Poroshenko, o que é un claro exemplo da ambigüidade do seu discurso e do da praza en conxunto.

A heteroxeneidade de grupos que compón o Maidán foi unha vantaxe nos primeiros momentos, pero seis meses despois, co proceso de desgaste sufrido, transformouse nun lastre. Resulta realmente complicado que grupos de extrema dereita e anarquistas, políticos en cernes e estudantes, parados e avogados, reformistas e rupturistas... poidan chegar a unha postura común funcional que desprace ao ben instalado poder político-oligárquico.

Resulta realmente complicado que grupos de extrema dereita e anarquistas, políticos en cernes e estudantes, parados e avogados, reformistas e rupturistas... poidan chegar a unha postura común funcional que desprace ao ben instalado poder político-oligárquico

Porén, tamén hai iniciativas que invitan ao optimismo, como a dun grupo de activistas do Maidán que loitan para manter vivo o espírito da protesta sen que se marxinalice. Trátase do Maidán 3.0, do que Bogdana Babych é voceira: “Tratamos de dar un toque cultural e informativo ás protestas, afastándoas da imaxe que se está a dar de campamento anárquico. Buscamos saídas de xeito asembleario, organizándonos e ofrecendo alternativas reais para que os corruptos non sigan co poder”. Vendo os resultados das últimas eleccións, e cos grandísimos retos que ten diante o país para non quebrar, o traballo deste grupo de activistas revelase titánico.

As dúas Ucraínas Dominio Público Praza Pública
A cidade industrial de Donetsk CC-BY-SA Vladimir Yaitskiy

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.