Un acto denunciará en Vigo o asasinato de seis activistas kurdas nos últimos anos

Cartel da concentración © MMM

O 9 de xaneiro de 2013 foron asasinadas no centro de información do Kurdistán de París Sakine Cansiz (cofundadora do Partido dos Traballadores do Kurdistán -PKK-), Fidan Dogan (membro do Congreso Nacional do Kurdistán) e Leyla Soylemez (activista kurda), nunha acción da que se responsabiliza ao servizo secreto Turco (MIT). Tres anos máis tarde, o 5 de xaneiro de 2016, eran tamén asasinadas Seve Demir (organizadora da posta en marcha da Caravana Feminista para a IV Acción Internacional da Marcha Mundial das Mulleres en Nusaybin e membro do Partido Democrático das Rexións -BDP-), Pakize Nayir (vicepresidenta da Asamblea Popular de Silopi) e Fatma Uyar (activista da Unión de Liberación das Mulleres).

Todas elas serán recordadas este martes nunha concentración convocada pola Marcha Mundial das Mulleres (MMM) cando fan exactamente cinco anos dos asasinatos cometidos en París. A MMM subliña que neste caso "o xuízo foi finalmente arquivado, trala morte do presunto asasino, sen ter en conta os intereses agochados tras a man executora" e denuncia que "o goberno francés négase a facer pública información secreta que podería facer progresar a investigación, sendo claramente cómplice do goberno turco". O acto terá lugar ás 20 horas diante do MARCO, nunha mobilización que busca de forma xeral expresar a solidariedade da sociedade galega "coa loita das mulleres kurdas".

A Marcha lembra que "o pobo kurdo é o maior grupo étnico do mundo sen un Estado que poidan chamar propio" e que preto do 50% da poboación vive en Turquía. "Este pobo leva moitos anos loitando polos seus dereitos e polo recoñecemento do seu territorio, fronte a represión e violencia dos estados próximos", principalmente no caso de Turquía, que dende o 2015 intensificou "os ataques e bombardeos contra os territorios kurdos, cunha sangría continua de civís e membros do PKK".

A Marcha critica tamén a actitude mantida ante esta situación polo Goberno español e o resto de países da UE

A situación empeorou tralo golpe de estado fallido do 2016, que lle permitiu ao presidente Erdoğan limitar os dereitos e liberdades democráticas, escudándose na declaración dun estado de emerxencia, e incrementando a persecución contra as forzas da oposición, os movementos sociais e o pobo kurdo no seu conxunto. "Baixo a acusación de terroristas, detivo ou despediu a centos de persoas do profesorado por asinar un manifesto en contra das políticas contra o pobo kurdo. Está pechando medios de comunicación e detendo a xornalistas que critican a súa xestión. Nos territorios kurdos, interviu decenas de alcaldías, detendo e xulgando a representantes locais que se elixiron democraticamente e vulnera todo tipo de dereitos con detencións, torturas e ameazas", denuncia a Marcha Mundial das Mulleres.

A Marcha critica tamén a actitude mantida ante esta situación polo Goberno español e o resto de países da UE. Unha "impunidade da que goza o goberno turco" coa "complicidade dos gobernos europeos" que se explica "en base ao 'acordo da vergoña' asinado entre Turquía e a Unión Europea", di. Isto posibilitou, por exemplo, que nos últimos meses o Goberno español "mantivese encadeados, como resposta a unha orde internacional de extradición da Interpol emitida por Turquía a dous escritores (Dogan Akhanli e Hamza Yalçin) acusados de terrorismo, cando o seu único 'delito' era ser críticos co goberno turco".

"No pobo kurdo as mulleres ocupan posicións políticas e son activas nas organizacións sociais e económicas, construíndo unha sociedade igualitaria. Queremos transmitirlle todo o noso apoio ás compañeiras kurdas e turcas"

A MMM destaca finalmente a actividade das mulleres kurdas "como exemplo de autodefensa e de loita pola liberación e organización do seu pobo, sendo figuras protagonistas xunto aos homes". E salienta que o YPJ (Unidade Feminina de Protección), integrado no brazo armado do PYD e afiliado ao PKK, loitou contra a barbarie do ISIS en Rojava. "No pobo kurdo as mulleres ocupan posicións políticas e son activas nas organizacións sociais e económicas, construíndo unha sociedade igualitaria. Queremos transmitirlle todo o noso apoio ás compañeiras kurdas e turcas", conclúe, denunciando que "a Unión Europea é cómplice das vulneracións de dereitos do goberno turco".

 

Cartel da concentración © MMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.