XXI Cumio da Unión Africana. Un balance tras 50 anos de integración

© believinginafrica.wordpress.com

O IGADI publica un novo paper, centrado nesta ocasión na análise do recente encontro celebrado en Etiopía por todos os países do continente, das súas relacións internas e potencialidade económica, e tamén nas relacións preferentes establecidas con Brasil ou China.

Baixo o lema Panafricanismo e Resistencia Africana, entre o 22 e 27 de maio celebrouse o XXI Cumio Ordinario da Unión Africana (UA) en Adís Abeba (Etiopía), coincidindo co 50º aniversario da creación da súa predecesora, a Organización da Unión Africana (OUA). Co énfase na concreción dun Plan Estratéxico 2014-2017, os xefes de Estado e de Goberno dos 54 países pertencentes á UA debateron a necesidade de primar o desenvolvemento económico e a solución de controversias como factores motrices da cohesión.

Entre as decisións mais relevantes deste XXI Cumio da UA destaca a histórica creación dunha Forza Africana de Reserva (FAR) orientada á resolución inmediata das crises e conflitos rexionais

O panafricanismo, soño de unidade continental impulsado medio século atrás por líderes independentistas como Kwane Nkrumah, Julius Nyerere, Patricio Lumumba e Jomo Kenyatta, afronta na actualidade un panorama que inclúe diversos retos e desafíos, contextualizados por notables avances políticos e económicos así como a consolidación da UA como foro de diálogo e solución de controversias. Entre as decisións mais relevantes deste XXI Cumio da UA destaca a histórica creación dunha Forza Africana de Reserva (FAR) orientada á resolución inmediata das crises e conflitos rexionais.

A pesar da persistencia de problemas crónicos como a pobreza, conflitos secesionistas e guerras de carácter sectario e tribal (República Democrática do Congo, Sudán do Sur, Nixeria), rebelións, golpes militares e intervencións exteriores (Libia, Malí), crises humanitarias (Sudán), dependencia da axuda económica exterior e do efecto socioeconómico de diversas pandemias (VIH), África avanza na concreción de modelos de desenvolvemento cada vez mais autóctonos, na consolidación de sistemas democráticos e de notables avances da sociedade civil, observando de cerca a dinámica rexional de rebelións e cambios políticos inesperados, como a Primavera árabe no Magreb.

África avanza na concreción de modelos de desenvolvemento cada vez mais autóctonos, na consolidación de sistemas democráticos e de notables avances da sociedade civil

Ao mesmo tempo, o fomento dunha nova concepción Sur-Sur permite desprazar a tradicional percepción eurocentrista de considerar a África como actor periférico do sistema mundial, para observar a súa evolución como un continente en ascenso e con mediana incidencia no panorama internacional. Esta realidade ponse de manifesto na presenza africana en foros globais como os BRICS, IBSA e ASA, así como na cada vez maior implicación en África de actores externos como China, Brasil, India, Rusia, Xapón e Turquía, entre outros.

 

Un momento marcado polo optimismo

Esta realidade ponse de manifesto na presenza africana en foros globais como os BRICS, IBSA e ASA, así como na cada vez maior implicación en África de actores externos como China, Brasil, India, Rusia, Xapón e Turquía, entre outros

Unha sensación de moderado optimismo imperou nos encontros e debates realizados durante o XXI Cumio da Unión Africana (UA), celebrado na súa sede central na capital etíope Adís Abeba entre o 22 e 27 de maio, coincidindo co 50º aniversario da integración e unidade africana establecida trala creación da Organización da Unión Africana (OUA), predecesora da actual UA. Paralelamente, durante este cumio celebrouse o Día de África, o pasado 25 de maio.

Este cumio foi o primeiro organizado polo novo presidente da UA, o anfitrión e primeiro ministro etíope Hailemariam Desalegn, quen substituíu en xaneiro pasado á outrora presidenta, a ex ministra surafricana de Exteriores Nkosazana Dlamini-Zuma, elixida en 2012 como a primeira muller en ocupar este cargo. A presidencia da UA acorda unha elección anual rotativa entre as cinco rexións que dividen o continente africano: Norte de África (Magreb), África Occidental, África Central, África Oriental e África do Sur.

Segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), actualmente un total de 11 das 20 economías con máis rápido crecemento a nivel mundial están localizadas en África

A razón deste moderado optimismo estriba principalmente no notable desempeño económico africano. Segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI), actualmente un total de 11 das 20 economías con máis rápido crecemento a nivel mundial están localizadas en África, destacando entre elas África do Sur, Angola (produtor petroleiro), Níxer e Serra Leoa (minería), Gana, Nixeria, Quenia e Etiopía. Nas súas previsións económicas para 2013 e 2014, o FMI sinala que África pode constituírse como a próxima “locomotora” do crecemento económico mundial, destacando o seu dinamismo por riba incluso de Asia, con índices de crecemento estimados en 5,6% para 2013 e 6,1% para o próximo ano, destacando o desempeño da economía surafricana con índices de crecemento estimados en 2,8% (2013) e 3,3% (2014).

Este boom do crecemento económico africano débese principalmente ao aumento sostido dos prezos das materias primas, que permitiron igualmente un incremento dos investimentos exteriores no continente

Este boom do crecemento económico africano débese principalmente ao aumento sostido dos prezos das materias primas, que permitiron igualmente un incremento dos investimentos exteriores no continente. Xunto á sensación de optimismo polos resultados económicos, a necesidade de afianzar os mecanismos autóctonos de integración imprimiu o seu selo neste cumio. Segundo expresou días antes da xuntanza a presidenta saínte da UA, Dlamini-Zuma, o continente debe transitar por camiños propios de integración en materia económica e de seguridade, superando así a tradicional dependencia da axuda exterior.

 

Panafricanismo para a resolución de conflitos

O Cumio de Adís Abeba implicou unha reflexión sobre a vixencia do panafricanismo propio do proceso de descolonización das décadas de 1950 e 1960

Creada en 2002, a UA consolídase non só como a sucesora da extinta OUA senón como o principal foro de diálogo e de solución de controversias actualmente existente nun continente tradicionalmente estigmatizado por guerras de carácter étnico e tribal, pola explotación indiscriminada dos seus recursos por parte de intereses foráneos, polas secuelas da pobreza, das desigualdades e de pandemias sanitarias (en especial a expansión do VIH), así como de constantes crises e inestabilidade política e social, expresada en golpes militares e rupturas de incipientes procesos democráticos.

Neste sentido, o Cumio de Adís Abeba implicou unha reflexión sobre a vixencia do panafricanismo propio do proceso de descolonización das décadas de 1950 e 1960, impulsado entón por líderes independentistas como Nkrumah, Nyerere, Lumumba, Kenyatta, Ben Bella e Gamel Abdel Nasser. Esta renovación do panafricanismo ven agora contextualizado polos consecuentes avances políticos, económicos e sociais que ven presentando África nos últimos anos, que igualmente determinan a súa inserción nun sistema internacional cambiante, virado para a concreción dun mundo multipolar e de mecanismos de integración Sur-Sur.

O peso cada vez maior da UA como foro de integración e de resolución de conflitos concrétase igualmente en razón dunha ampla variedade de iniciativas impulsadas nesta a súa primeira década de existencia como sucesora da OUA. Estas iniciativas de recente creación e outras en proceso de desenvolvemento céntranse en mecanismos autóctonos de integración e na adopción de estratexias transversais, tales como a Convención Africana para a Conservación dos Recursos Naturais e a Política da Terra en África e a Corte Africana de Dereitos Humanos e das Persoas, entre outras.

Así e todo, a axenda do XXI Cumio da UA incluíu a discusión de temas moitos mais polémicos e controvertidos como son os conflitos acaecidos en Malí trala intervención militar francesa en febreiro pasado, a guerra civil na República Democrática do Congo (con cinco millóns de mortos desde 1998), a violencia intrarrelixiosa en Nixeria, os conflitos secesionistas entre Sudán e Sudán do Sur (independente desde 2011), os problemas de disolución estatal, da piratería e do integrismo yihadista en Somalia e noutras partes do Sahel e do Corno de África, a crise política en Madagascar; e outros aspectos relativos á situación da muller e temáticas de xénero.

Forza Africana de Reserva estaría eventualmente conformada por 32.000 efectivos militares ou civís, e alcanzaría a súa operatividade a través das achegas e financiamento ofertadas por países como África do Sur, Etiopía e Uganda

Neste sentido, a decisión estratéxica mais importante adoptada neste XXI Cumio da UA é o anuncio da creación dunha Forza Africana de Reserva (FAR), inicialmente concibida pola UA en 2002 pero que neste cumio de Adís Abeba, recibiu o impulso para facela operativa a partir de 2015. Esta FAR estaría eventualmente conformada por 32.000 efectivos militares ou civís, e alcanzaría a súa operatividade a través das achegas e financiamento ofertadas por países como África do Sur, Etiopía e Uganda, en especial en réxime de voluntariado. Por tanto, a potenciación da FAR implica basicamente un reto estratéxico para a UA, tendo en conta a forte dependencia exterior como se evidenciou na recente intervención francesa na crise de Malí, entre xaneiro e febreiro pasado. No contexto desta crise, a UA ensaiou igualmente unha operación de intervención rápida a través do despregue dun milleiro de efectivos.

O Cumio de Adís Abeba emitiu igualmente unha dura crítica da UA á Corte Penal Internacional (CPI)

O Cumio de Adís Abeba emitiu igualmente unha dura crítica da UA á Corte Penal Internacional (CPI), realizada da man do anfitrión e presidente rotativo Desalegn. Este acusou ao CPI dunha presunta “caza racial” ao declarar que “o 99% dos casos da CPI son contra africanos”, aspecto que afasta a estes procesos xudiciais do seu obxectivo principal, relativo a “evitar a impunidade”. Estas declaracións realizáronse trala aprobación por parte da UA dunha resolución no sentido de que a CPI transferira á xustiza de Quenia o caso do presidente dese país, Uhur Kenyatta e do seu vicepresidente William Ruto, imputados por crimes de lesa humanidade por presuntamente instigar á violencia postelectoral en Quenia entre 2007 e 2008, nuns sucesos que causaron 1.300 mortos e centos de miles de desprazados.

 

Brasil e África: unha relación estratéxica

A presidenta Dilma Roussef anunciou no evento a condonación e reestruturación da débeda externa por parte de doce países africanos

Mentres o Cumio de Adís Abeba concluía cunha histórica declaración de reafirmación do panafricanismo, a través a construción dunha “África máis unida integrada e pacífica”, outro aspecto de notorio interese foi a presenza de líderes e convidados provenientes de países en desenvolvemento con históricas e cada vez maiores relacións co continente africano, con especial incidencia no caso de Brasil.

Neste sentido, e como exemplo de potenciación das relacións Sur-Sur e da activa diplomacia africana levada a cabo por Brasilia na última década, a presidenta Dilma Roussef anunciou no evento a condonación e reestruturación da débeda externa por parte de doce países africanos, valorada en US$ 840 millóns. Desde 2003, Brasil abriu un total de 19 embaixadas en África, aumentando a 37 as súas representacións diplomáticas neste continente, ademais de fortalecer a súa dinámica presenza a través dos foros BRICS, IBSA e América do Sur-África (ASA).

En 2012, os fluxos de intercambio comercial entre Brasil e África ascenderon aos US$ 26.500 millóns

A consolidación desta relación afro-brasileira consolídase tendo en conta que, en 2012, os fluxos de intercambio comercial entre Brasil e África ascenderon aos US$ 26.500 millóns. Igualmente, desde 2011 funciona na localidade brasileira de Fortaleza a Universidade Federal da Integración Afro-Luso-Brasileira (UNILAB), financiada polo goberno brasileiro e que alberga a máis de 200 estudantes africanos.

A presenza en Adís Abeba do viceprimeiro ministro chinés, Wang Yang, confirma o papel preponderante e estratéxico por parte de China no continente africano

Paralelamente, a presenza en Adís Abeba do viceprimeiro ministro chinés, Wang Yang, confirma o papel preponderante e estratéxico por parte de China no continente africano. Precisamente, a nova sede da UA na capital etíope, inaugurada en xaneiro de 2012, foi totalmente financiada por China, valorada en US$ 200 millóns. Cómpre igualmente destacar a asistencia a este cumio doutros convidados internacionais como o secretario xeral da ONU, Ban Ki-Moon, o presidente da Comisión Europea, José Manuel Durăo Barroso, o presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular de Cuba, Esteban Lazo Hernández, o presidente francés François Hollande, o secretario de Estado estadounidense, John Kerry, e o ministro arxentino de Exteriores, Héctor Timerman, os cales reflectiron coa súa presenza a importancia cada vez maior de África nos seus respectivos contextos diplomáticos e comerciais.

© believinginafrica.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.