A alimentación de mala calidade nos hospitais é violencia, tortura, neglixencia, crueldade

Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A comida cumpre múltiples funcións, agarima e dálle azos ós pacientes, alimenta uns corpos que están debilitados, que precisan sandar, cicatrizar. Co estómago baleiro unha é presa fácil da angustia, da tristura, do medo. Unha experiencia dura ou incómoda, vira terror.

Dificulta a recuperación da saúde non inxeri-los nutrientes necesarios: as pacientes que perderon moito ferro necesitan carne de boa calidade (ou berberechos das rías galegas) non panga do Vietnam criada en granxas de acuicultura no delta do río Mekong (nun país contaminado por armas químicas durante a pasada longa, cruel e cinematográfica guerra, a mala xestión dos residuos actual e o uso de pesticidas na agricultura industrial). Os microplásticos, os pesticidas, están contraindicados para a saúde da poboación xeral.

Sentir fame é sentir ansiedade. Unha ansiedade innecesaria que ten unha solución fácil e obvia.

Fun operada baixo anestesia xeral tres veces na sanidade galega e polo tanto ingresada. A primeira vez no Hospital Xeral en Vigo, un verán en 2015 pouco antes de que se realizase o traslado dos servizos ó Álvaro Cunqueiro. Tamén estiven en observación varios días por un cólico nefrítico en 2011 no Hospital do Meixoeiro. Polo tanto, sei como se comía alí naquela.

No Hospital do Meixoeiro no andar de Psiquiatría en 2014 estiven presa uns 13 días (unha longa historia, a miña nai está coma un berete, non estou psiquiatrizada). Tiven compañeiras marabillosas e persoal sanitario terrible, por ignorante, cruel. Pero falemos da comida: imaxinade mulleres que se autolesionan sub alimentándose como resposta a unha dor insoportable (violencias sufridas) mulleres ás que lles aterroriza comer, sendo forzadas a inxerir comida nauseabunda baixo ameaza de castigo en forma de subida de medicación ferinte, correas e se cadra electrochoque. Como unha muller (home, trans, inter xénero, non binarie) pode mellorar, sandar, sentir apetito, cuns alimentos que nin unha rata en Gaza querería comer? Para min o único bo en 2014 no andar de Psiquiatría do Meixoeiro foi a comida. Andaba eu moi esfameada naquela. Agradecín no medio de todo ese terror brutalmente medicada cun cóctel de pastillas que eu cualifico de tortura, non me tiña en pé, comer comida decente. Unha das miñas compañeiras totalmente lúcida, moi hábil co gancho (labor de tecer) pediu un iogur extra e, aínda que llo deron, dixéronlle que tiña exceso de peso e que non o debería comer. Esa muller tiña o peso de Patricia Arquette en The Medium ou o de Ada Colau, totalmente dentro do normal, probablemente un pouco máis do que ela pesaría non medicada debido precisamente a ese fármaco ou polifarmacia (conxunto de fármacos) sen o-os que supostamente non pode vivir libre no mundo. Non lles explican que ese suposto exceso de peso, en certxs pacientes certo e preocupante, é unha consecuencia da medicación nin que esta pode dar un devezos moi intensos de comer moito pan (hidratos de carbono) ou lácteos, por exemplo.

No Xeral (2015) a comida era excelente, no Meixoeiro (2011, 2014) tamén. Unha tiña a sensación de comer de forma saudable, comida fresca, limpa, baixa en sal, mellorable (as galletas, ese pan, a froita de produción industrial, quizais quefir no canto de iogur sen graxa, un bo grolo de mel galega con limón galego quente). A comida dábanos azos e tamén acalmaba angustias. Era unha pausa no tedio do malestar e do hospital.

No Álvaro Cunqueiro comín, por chamalo dalgunha maneira, en dúas ocasións, en 2018 (7 días) e en 2025 (4 días). Comín pan ruín e iogures marca CLESA (ningún iogur sen graxa sabe ben e é san pero nese contexto sabía a mel porque era o único que non metía medo), algunha crema, algunhas verduriñas se cadra. O arroz estaba cru e requeimado. A pescada daba náuseas só cheirala. O “caldiño” que che dan para rompe-lo xaxún pre e post operatorio sabía a torrado. Recordo en 2025 un pequeno recipiente de plástico de pseudo compota de mazán doce de mais, cunha longa lista de aditivos, colorantes e estabilizantes. Que algo poida ser legal non significa que sexa san. O polo aguanta mellor o requentado e comino ben.

Na operación de 2018, puxéronme en dúas ocasións ferro días alternos. O único que tiñan á man os médicos xa que o xaxún por escaseza de comida comestible pode ser perigoso. Pedín eu permanecer un día extra a pesar da fame. Viume ben a segunda dose de ferro. Nin meu pai nin miña nai collían o teléfono. O meu pai xa se encontraba mal pola doenza que o mataría 10 meses máis tarde e non entendía o que lle estaba pasando. Non llo gardo a mal. Morreu nos meus brazos en paliativos relaxado con moita morfina e moito amor, o meu.

As familias e amizades lévanlle se poden ós seus seres queridos comida da casa ou súbenlle algo da cafetería do Hospital, onde se come bastante ben. Mireino en 2018 e mireino en 2025. De tal forma, que aqueles que teñan familia ou mellor dito unha familia que os coide terán dereito a unha alimentación decente, agradable, que os axude, mentres as pacientes pobres, orfas, coma min, pasarémolo moito peor. Ter que alimenta-lo teu ser querido é un peso tremendo nas familias, parellas, nais soas, con dificultades económicas e nas súas vidas laborais, problemas de saúde propios, a casa. Acompañar xa é suficiente incluso para quen ten unha vida chea de apoios e cómoda.

É tan noxenta e angustiosa a experiencia de ser alimentada no Cunqueiro que nos disuade de querer permanecer máis tempo alí aínda que sexa o máis prudente. Xa sabemos que as pacientes temos que facer un esforzo extra para que se nos examine con detemento, se nos fagan probas, nos informen con veracidade, nos mediquen a dor como debe ser, antiinflamatorios por vía e non vía oral. Aprender a entender o que non se nos está a contar nuns momentos en que estamos medicadas (algo de morfina) e con malestar.

Estou segura de que non é cuestión da falta de recursos económicos dun país senón de quen se enriquece con eses contratos. 

Galicia pódese permitir alimentar ben a súa poboación ingresada e a non ingresada tamén (moitas veces antes e despois sempre dunha cirurxía estamos discapacitadas para facer de comer, non só as persoas anciáns non se valen, calquera persoa nova, ou de mediana idade, se está enferma non se vale e pouco importa a familia que unha teña se non queren coidar e non coidan).

Certos pacientes crónicos teñen limitacións á hora de comer máis ou menos estritas (transplantes, ril, fígado, diálise) outros reciben consellos máis abertos para limita-lo dano (alcohol, drogas) baixar de peso, subir de peso, reduci-la graxa corporal (corazón, órganos vitais, circulación do sangue, fígado, ril). Un exemplo real: un neno de 8 anos en cadeira de rodas cunha doenza dexenerativa ó que se lle dá de merendar unha pera conxelada que sabe a barolo mentres está ingresado para facer unhas probas ó mesmo tempo que o especialista en nutrición que o leva recomenda que na casa o alimenten de forma saudable, froita fresca, da casa, sen pesticidas, quefir, carne non procesada e peixe fresco azul.

Como a xente non come a comida do hospital xéranse inxentes cantidades de lixo

O Ministro Bustinduy (Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030) está a tomar cartas no asunto con medidas que se aplicarán á alimentación en escolas, residencias de maiores, centros onde viven persoas dependentes e con necesidades especiais, tamén en hospitais. A ferramenta utilizada é unha serie de Reais Decretos. Os cambios son lentos, a entrada en vigor dun Real Decreto pode ter un prazo de 12 meses, por ex. Non entendo por que. Supoño que a idea é deixarlle tempo a eses centros para face-la transición.

As novas normativas, afirma o ministro Bustinduy, responden a un “clamor social” e ás numerosas denuncias recibidas tanto por parte da cidadanía como de entidades sociais e colectivos profesionais, sobre a necesidade de mellora-la alimentación en hospitais e residencias.

A louza non debe ser de plástico. A calor facilita o desprendemento de microplásticos, a degradación dos recipientes.

Na película de Roberto Rossellini Alemaña ano cero no contexto de fame en Berlín trala Segunda Guerra, o pai da familia mellora porque no hospital danlle tout court de comer.

En Instagram abondan os vídeos de cociña en Gaza: nenos e nenas, adolescentes, preparan de comer, elevando ó estatuto de resistencia a elaboración duns pratos o máis saborosos e alimenticios que a imaxinación, a tradición, a nobre arte das especias (a dispoñibilidade) e o consumo de certas herbas comestibles que crecen ventureiras no medio dos cascallos llo permiten. Coida-lo ánimo e o corpo que forman un todo encontrando momentos de paz e saúde nas ruínas de entullo.

O consumo de proximidade dá viabilidade a empresas pequenas, crea riqueza e traballo. Saúde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.