Anotación previa.
Na recente asemblea de Modepén do 21 de setembro de 2024 acordouse, entre outras propostas, engadir no documento “As ideas que nos unen” (que ven ser o noso programa) unha definición da natureza das pensións polas que loitamos. En concreto acordouse engadir os seguintes parágrafos:
- Entendemos que as pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial derivado das contribucións realizadas a raíz da relación laboral que motivou as mesmas.
- Entendemos que as pensións non contributivas derivan do dereito humano a unha vida material digna, de especial relevancia en persoas que, precisamente por ser pensionistas por idade ou por discapacidade, non poden traballar.
Acordouse tamén delegar no Consello Nacional o estudo e aprobación, no seu caso dun terceiro parágrafo ao que me refiro ao final deste artigo.
No artigo publicado no xornal con data 18-10-2024 i expuxen a miña opinión sobre o sentido do primeiro parágrafo. Neste artigo voume referir ao segundo parágrafo.
1) Diferente fonte lexitimadora.
Como expoñía no anterior artigo (ver nota 1): as pensións contributivas son un dereito adquirido de carácter salarial, xa que o prezo da venta da forza de traballo non se limita, nin podería limitarse, ao mantemento do traballador durante a xornada laboral. Se vendemos o único que temos para vender é para poder vivir toda a nosa vida, non unicamente na xornada laboral. “Foi unha conquista social como a das fins de semana ou as vacacións. Parece fácil, efectivo, lóxico. E funciona.”
En cambio as pensións non contributivas teñen unha lexitimación diferente, previa en certo sentido, xa que proceden do primeiro dereito humano, o dereito á vida, pois non se pode entender ese dereito fundamental sen o mínimo de seguridade material para facela posíbel. Por iso o artigo 1.3 da declaración de Monterrey (2007) ii fala do “dereito a vivir en condicións materiais de dignidade”, sen o cal o dereito á vida queda incompleto. Un dereito que se fai aínda máis evidente sabendo que os beneficiarios das pensións non contributivas son persoas que non poden ou teñen prohibido traballar de forma remunerada.
2) Concreción do “dereito a vivir en condicións materiais de dignidade”.
O parágrafo aprobado na asemblea de 2024 está claramente relacionado co aprobado xa na asemblea do 2023, onde se concretaban a contía e características destas pensións, e que reproduzo:
As pensións non contributivas pagaranse con cargo aos Orzamentos xerais do estado nunha contía que ha de ser Suficiente para poder vivir con dignidade segundo os criterios homologados da Carta social europea. A pensión non contributiva é un dereito individual e, por tanto, nacerá cando a persoa, independentemente da súa situación familiar ou de convivencia, acade a idade legalmente estabelecida e non cobre ningunha pensión de carácter contributivo, ou se confirme a situación de discapacidade que xere o dereito a cobrala.
Deste xeito modepén defende que as pensións non contributivas deben ter as seguintes características:
1.-Ter un nacemento e contía automáticas, en canto se constate o dereito a cobrala.
2.-Ser unha renda mensual suficiente, xa que debe de garantir o dereito a ter unha vida material digna, en especial en persoas que non poden traballar,
3.-Ser individual.
4.-E, evidentemente, que estas pensións non contributivas pagaranse con cargo aos Orzamentos xerais do estado e non da Caixa da seguridade social.
3) Obxectivos
- Deste xeito conseguiríanse os seguintes obxectivos:
- Primeiro: Acabar coa pobreza, por ser Suficiente, entre as persoas que, por idade (actualmente 65 anos) ou por discapacidade, terían dereito a esa pensión. Segundo o INE (Instituto Nacional de Estatística) os datos que miden o risco de pobreza e/ou exclusión social (AROPE) entre os maiores de 65 anos no ano 2015 (ano de inicio da axenda 2030) era do 14,80% nas mulleres e 12,2% nos homes. O último dato que coñezo corresponde ao 2022 é 23,3% e 18,7% respetivamente iii Como se ve, e son relevantes, a pobreza neste grupo de idade aumentou no período. E ten xénero.
- Segundo: Contribuír a pechar a fenda de xénero, tanto pola condición de ser a súa contía, cando menos “suficiente”, como pola de ser “individual”, mesmo que dentro da unidade familiar ou de convivencia algunha outra persoa sexa perceptora dunha outra pensión contributiva ou non contributiva.
- Terceiro Reducir a burocracia pois sería de concesión automática (unha vez se acredite a idade ou discapacidade e que non se cobra a pensión contributiva) e de contía única (salvo discapacidades con necesidades superiores).
4.- Aprobación dun terceiro parágrafo (sobre a Renda Básica)
Finalmente quero indicar que, por delegación expresa da mencionada asemblea de 21 de setembro de 2024, o consello nacional de modepén na reunión do día 11 de decembro dese ano, aprobou engadir o seguinte parágrafo a seguir dos dous anteriores:
- Reivindicamos, en consonancia co parágrafo anterior, o dereito humano a unha vida material digna para todas as persoas, que se materializaría na implantación dunha Renda Básica Universal, Incondicional, Individual e Suficiente.
Un parágrafo que merece un terceiro e último comentario, que cerrará esta serie.
Notas
i https://praza.gal/opinion/a-defensa-das-pensions-publicas-como-un-dereito-adquirido-de-caracter-salarial
iiDeclaración de Monterrey: https://catedraunescodh.unam.mx/catedra/CONACYT/04_Docentes_UdeO_ubicar_el_de_alumnos/Contenidos/Lecturas%20obligatorias/M.5_cont_3_DUDHE.pdf
iiiPódemos comprobar os datos neste buscador: https://www.ine.es/jaxiT3/Tabla.htm?t=11201