O alemán estándar suízo, case exclusivamente destinado á escrita, tamén se coñece como Schriftdeutsch, como alemán escrito. De aí a afirmación, paradoxal pero significativa, de que os suízos alemáns, cando se expresan en alemán estándar, falan en alemán escrito
Cando os suízos alemáns se ven na obriga de prescindir momentaneamente do dialecto, recorren ao Schweizerhochdeutsch, o alemán estándar suízo, unha variante do estándar trufada de numerosos helvetismos, é dicir, de peculiaridades fonéticas, semánticas, morfolóxicas, ortográficas, sintácticas e fraseolóxicas. O alemán estándar suízo, case exclusivamente destinado á escrita, tamén se coñece como Schriftdeutsch, como alemán escrito. De aí a afirmación, paradoxal pero significativa, de que os suízos alemáns, cando se expresan en alemán estándar, falan en alemán escrito.
En definitiva, os límites entre o dialecto e o estándar están moi claramente fixados, e o cambio entre un e outro sempre se fai dun xeito consciente. Así, na escola, as clases impártense, en xeral, en alemán estándar, pero cando se fan traballos en grupo, por exemplo, ou para calquera observación non estritamente relacionada coa materia, xa se adoita pasar ao dialecto. Por suposto, fóra das horas de clase, o estándar desaparece.
En xeral, polo tanto, o alemán estándar suízo é de uso común en situacións formais: nos textos administrativos, nos medios –aínda que na radio e na televisión tamén se utiliza moito o dialecto–, na correspondencia, no ensino, no parlamento federal –e nalgúns cantonais–, nos anuncios por megafonía. Nestes e noutros casos similares, o estándar non se cuestiona, o cal explica que resulte raro que haxa literatura en dialecto, que moita xente non dea lido esa literatura e que mesmo se estrañe de que se traduza a outras linguas. Se o dialecto non se escribe, como se van traducir os seus matices, a súa riqueza léxica, pero tamén as súas carencias?
En xeral, polo tanto, o alemán estándar suízo é de uso común en situacións formais
Cómpre distinguirmos entre o devandito Schweizerhochdeutsch e mais o Schweizerdeutsch ou Schwyzerdütsch, un concepto –non unha koiné supradialectal– baixo o cal se agrupan os dialectos alemánicos que se falan en Suíza –hai rexións alemánicas tamén en Francia, Alemaña, Liechtenstein, Austria e Italia–, cuxo uso é case exclusivamente oral e que, en consecuencia, non están codificados. Os dialectos poden variar moito entre si. Son lexión os suízos alemáns que teñen problemas, por exemplo, para entender o dialecto falado no Cantón do Valais.
Os dialectos foron penetrando en ámbitos tradicionalmente reservados ao estándar. Xa non é tan infrecuente o uso do dialecto na radio e na televisión, na publicidade, na música ou na literatura, nas mensaxes privadas entre a xente nova
O Schweizerdeutsch non é unha lingua nacional. Con todo, durante o último medio século, e a cabalo dunha vaga de afirmación identitaria, os dialectos foron penetrando en ámbitos tradicionalmente reservados ao estándar. Xa non é tan infrecuente o uso do dialecto na radio e na televisión, na publicidade, na música ou na literatura, nas mensaxes privadas entre a xente nova.
A riqueza dialectal pode acadar niveis notábeis. Na cidade de Berna, por exemplo, houbo, até non hai moito, unha serie de variantes sociolectais que convivían co dialecto bernés non marcado: Burgerberndeutsch ou Patrizierberndeutsch, propias da clases altas, e Mattenberndeutsch e Mattenenglisch, comúns, até hai un século, entre a xente humilde do Matte, o barrio da cidade antiga situado á beira do río Aare. Se hai algo que demostra o caso suízo é que, nunha democracia avanzada, lingua e nación non teñen por que coincidir.