Nos últimos días vimos asistindo ao in crescendo da campaña política das dereitas contra a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno: violentas manifestacións diarias diante da sede do PSOE na rúa Ferraz, ataques nocturnos ás sedes deste partido, enxurrada de “manifestos” contra o pacto de investidura asinado polo PSOE e Junts...
1. Como xa anticipáramos nunha recente opinión, nos últimos días vimos asistindo ao in crescendo da campaña política das dereitas contra a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno: violentas manifestacións diarias diante da sede do PSOE na rúa Ferraz, ataques nocturnos ás sedes deste partido, enxurrada de “manifestos” contra o pacto de investidura asinado polo PSOE e Junts, quer desde as asociacións profesionais da maxistratura e da fiscalía, altos corpos do Estado, e mesmo salas de goberno de Tribunais Superiores de Xustiza e presidencias das Audiencias Provinciais...
Trátase dunha campaña populista que combina catastrofismo xurídico-constitucional, e a impugnación violenta na rúa da lexitimidade do futuro goberno. Un reparto de tácticas das dúas almas da dereita (a posfranquista do PP e a neofranquista de Vox), que obedecen á mesma estratexia conxunta: impedir a toda costa a formación e funcionamento dun goberno de esquerdas, apoiado por unha maioría parlamentar perfectamente constitucional.
Non é unha estratexia nova, senón a estratexia de fondo do Partido Popular desde o triunfo da moción de censura a Mariano Rajoy en maio de 2018, iso sí, moi saturada de bombo.
Trátase dunha campaña populista que combina catastrofismo xurídico-constitucional, e a impugnación violenta na rúa da lexitimidade do futuro goberno. Un reparto de tácticas das dúas almas da dereita (a posfranquista do PP e a neofranquista de Vox), que obedecen á mesma estratexia conxunta: impedir a toda costa a formación e funcionamento dun goberno de esquerdas, apoiado por unha maioría parlamentar perfectamente constitucional
2. Unha das ferramentas clave desa estratexia reside no uso do Lawfare: a xudicialización da loita contra os adversarios políticos.
A instrumentalización dos aparellos de Estado e do Dereito (como expresións do dominio da clase dominante, que diría Stucka) é historicamente consustancial ás dereitas españolas. Todos os xuristas actuais fomos educados polos ainda hoxe idolatrados xuristas do franquismo (desde García de Enterría a López Rodo) que adicaron os seus esforzos a facer da ditadura franquista un presunto Estado do Dereito do que o principio democrático estaba ausente. Esa é a tradición, o habitus que latexa nas elites xurídicas españolas. Recentemente, baixo a dirección de M. Rajoy O Inmune, o Partido Popular non tivo ningún problema en utilizar o CNI e a policía para destruir as probas de financiación ilegal en poder de Luis Bárcenas, feitos polos que ainda hoxe non foi imputado. Seguindo o famoso consello de Franco (“haga como yo, no se meta en política”), M. Rajoy optou por delegar no Poder Xudicial a neutralización política da crise constitucional catalana, cunha combinación de respostas constitucionais (art. 155 CE) e penais (STS de 14 de outubro de 2019) claramente nesgadas cara unha visión punitivista, centralista e antidemocrática do problema territorial español.
Presuposto esencial desta xudicialización é o amplo control dos nomeamentos da élite xudicial que o Partido Popular ten aplicado ferreamente nos últimos doce anos como garantía da súa blindaxe penal e a súa hexemonía política. O bloqueo da renovación do CGPJ durante os últimos cinco anos, incumprindo o mandato constitucional de renovación, explícase por esa necesidade vital do Partido Popular de garantir o seu control político sobre o Poder Xudicial, en contra das maiorías parlamentares sucesivamente surxidas desde o 2016. Non é de extrañar que teña sido o caduco e caducado Consello Xeral do Poder Xudicial un dos primeiros en rasgarse as vestiduras contra a incorporación do termo Lawfare como perspectiva de análise das dúas comisións de investigación que se desenvolvan na lexislatura como consecuencia do pacto de investidura Psoe-Junts sobre o uso da “policía política” e o programa Pegasus contra as formas democráticas independentistas. Unha análise, por outra parte, perfectamente posible no marco das comisións previstas no Regulamento do Congreso.
Unha das ferramentas clave desa estratexia reside no uso do Lawfare: a xudicialización da loita contra os adversarios políticos
3. Porén, esta estratexia de control dos resortes xudiciais do Estado –e con ela, o control a distancia da actividade do Goberno e do Parlamento– comezou a estragarse a partir do 31 de decembro do 2022, cando a peza clave dese control, o Tribunal Constitucional, renovou catro dos seus membros, coa perda da maioría conservadora e da Presidencia, malia o novo bloqueo intentado a finais de decembro de 2022.
A resultas desta maioría progresista no Gardián da Constitución, non é esperable que podan ter éxito recursos de amparo, medidas cautelares ou recursos de inconstitucionalidade contra a Lei de Amnistía. Por moito que se esgrima a súa presunta arbitrariedade, unha medida de gracia colectiva como a amnistía é expresión da máxima discrecionalidade política do Parlamento, con moi escasos parámetros xurídicos de control. Citando a STC 122/2016, “es necesario recordar la doctrina fijada con carácter general por este Tribunal, según la cual, la calificación de «arbitraria» dada a una ley a los efectos del art. 9.3 CE exige una cierta prudencia, ya que dicha norma es la «expresión de la voluntad popular», como dice el preámbulo de la Constitución y el imperio de la ley es principio básico del sistema democrático”. Criterio de deferencia cara o lexislador que só podería alterarse no caso de “carencia absoluta de explicación racional de la medida legislativa adoptada”, ou amnistía de delitos de lesa humanidade. Unha acción penal contra o Parlamento, que busque elevar á Sala 2ª do Tribunal Supremo (moi conservadora) unha causa xeral contra a futura lei de amnistía, tería o atranco insuperable do suplicatorio que debería concederse a propia Cámara, dada a inmunidade parlamentaria dos deputados e deputadas.
A creación dos escenarios necesarios para impulsar esta impugnación xudicial é clave para entender a intensidade coa que os corpos e institucións de sensibilidade conservadora e os seus medios afíns están trasladando á opinión pública a idea de que os pactos de investidura – cos seus compromisos políticos arredor da amnistía, o incremento do autogoberno das nacionalidades históricas, etc.– suporán o colapso constitucional de España: a fin do Estado de Dereito, da democracia, da Constitución, etc. A creación desta realidade contrafáctica na opinión pública expresa a forte aposta populista da dereita, que Levitsky e Ziblatt concretaron na negación da tolerancia e contención que dan cabida á lexitimidade das visións políticas alternativas nunha democracia pluralista.
Con todo, unha vez acadados os apoios políticos necesarios, o novo goberno progresista encabezado por Pedro Sánchez vai poder constituirse a partir da investidura deste, prevista para o mércores-xoves. Entón, cabe preguntarse que pretende esta campaña tan intensa de demonización a curto prazo. Quen é o seu destinatario último?
4. Con todo, unha vez acadados os apoios políticos necesarios, o novo goberno progresista encabezado por Pedro Sánchez vai poder constituirse a partir da investidura deste, prevista para o mércores-xoves da vindeira semana. Isto despexa do horizonte inmediato a posibilidade dunha nova convocatoria de eleccións xerais. Entón, cabe preguntarse que pretende esta campaña tan intensa de demonización a curto prazo. Quen é o seu destinatario último?
Non parece que as dereitas busquen animar a que Felipe VI “se bote ao monte”, posicionándose en contra do goberno nacente. Semellante opción entrañaría o suicidio constitucional do Monarca, desde o momento en que foi o propio Felipe VI quen, en aplicación do artigo 99 da Constitución, lle encomenda a Pedro Sánchez buscar os apoios de investidura, sendo constitucionalmente obrigado o seu nomeamento como presidente se acada os apoios parlamentares necesarios na votación da vindeira semana. Sen a complicidade de El-Rei, polo demáis, un intento de golpe policial ou militar sería máis un aventurerismo digno de película de Torrente que unha ameaza realmente seria.
A hipótese máis realista é que, unha vez perdido o control politico do Tribunal Constitucional, e atado de pes e mans o Tribunal Supremo, o Partido Popular sitúa en Europa a súa última esperanza de neutralizar a lexítima vontade política maioritaria
5. Así as cousas, a hipótese máis realista é que, unha vez perdido o control politico do Tribunal Constitucional, e atado de pes e mans o Tribunal Supremo, o Partido Popular sitúa en Europa a súa última esperanza de neutralizar a lexítima vontade política maioritaria, expresada no Congreso dos Deputados coa investidura de Pedro Sánchez.
O amparo europeo que se pretende invocar é o que se deriva do mecanismo da Unión para a democracia, o Estado de Dereito e os dereitos fundamentais, previsto no artigo 7 do Tratado da Unión Europea para defender os valores fundamentais recollidos no artigo 2 do TUE (“o respecto da dignidade humana, a libertade, a democracia, a igualdade, o Estado de Dereito e o respecto dos dereitos humanos, incluidos os dereitos das persoas pertencentes a minorías”), e desenvolto pola Comunicación da Comisión ao Consello e ao Parlamento Europeo de 2003 sobre este artigo, a Comunicación da Comisión ao Parlamento Europeo e ao Consello “Un nuevo marco de la UE para reforzar el Estado de derecho”, do 11 de marzo do 2014, e a Resolución do Parlamento Europeo de 7 de outubro do 2020, fundamentalmente coas miras postas en evitar a deriva autoritaria dos gobernos conservadores de Polonia e Hungría.
Porén, este intento de levar o Lawfare Marca España á Champions League europea semella ser unha táctica ineficaz para evitar a constitución do goberno e a aprobación da Lei de Amnistía.
6. Porén, este intento de levar o Lawfare Marca España á Champions League europea semella ser unha táctica ineficaz para evitar a constitución do goberno e a aprobación da Lei de Amnistía.
Primeiro, porque o mecanismo do TUE, tanto na súa fase preventiva como reactiva, é un mecanismo gobernativo do Consello, con moitas limitacións, que apenas está operando como escusa para a Comisión Europea “tirar das orellas” mediante visitas e notas de prensa aos “chicos malos” da Unión. No é, pois, unha cuarta instancia xudicial que se sobrepoña ao TJUE, ao TEDH ou ao noso Tribunal Constitucional.
Segundo, porque, a única posibilidade de elevar a cuestión ao TJUE é convencer á Comisión Europea de que a amnistía vai producir unha vulneración grave da independencia xudicial en España, invocando o precedente das cinco denuncias presentadas contra Polonia pola Comisión por vulnerar a independencia dos seus xuíces.
Sen embargo, é moi difícil considerar que unha medida de gracia como a amnistía, adoptada lexitimamente polo Parlamento, invada o ámbito propio do poder xudicial, pois tanto a amnistía como o indulto individual constitúen nas sociedades democráticas que nos rodean medidas perfectamente normais e normalizadas, ben que extraordinarias, de relación funcional entre ambos poderes á hora de definir e aplicar, respectivamente, a política criminal (STC 160/2012, FX 2). De feito, tanto a Comisión como o TJUE recoñeceron recentemente que “este ordenamiento no regula la adopción y la revocación de una amnistía” (Sentenza do TJUE de 21 de decembro de 2021, asunto c-203/20, alínea 40), o que pecha o paso a cuestións prexudiciais ou recursos por infracción do Dereito europeo neste ámbito.
En definitiva, España non pode confundirse con Polonia, ainda que a comparación serva para que as dereitas alimenten a reductio ad Hitlerum de PerroSanxe durante toda a XV lexislatura e a inminente campaña electoral galega. A única comparación sensata con Polònia é a que fai a Televisión catalana para brindarnos o mellor programa de humor das televisións de todo o Estado...
San Lourenzo de Meixigo, 12 de novembro do 2023